Feijóo insiste en remontarse á época do bipartito para dicir que entón había máis desigualdade que agora

"Agora empezo a entender como o anterior portavoz dese grupo facía un conxunto de datos que me sorprendía exactamente cal era a fonte, e agora, estamos a beber da fonte máis directa", espetoulle o presidente a Manuel Lago, novo portavoz do Grupo Parlamentario de En Marea.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2019 | Actualizada ás 12:39

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a estrea de Manuel Lago como portavoz do Grupo Parlamentario de En Marea para lembrar a división do rupturismo tras a marcha de catro deputados, entre eles o anterior portavoz Luís Villares, ao Grupo Mixto. O máximo mandatario autonómico e líder dos populares galegos mantivo este mércores durante a sesión de control do Parlamento de Galicia un debate sobre as cifras de pobreza en Galicia e os datos de desigualdade.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia. XUNTA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entra no hemicilo do Parlamento de Galicia. XUNTA | Fonte: Europa Press

"A desigualdade é un dos problemas máis graves da sociedade galega, tal e como apunta o Consello Económico e Social (CES), que considera preocupante que os niveis de desigualdade e pobreza que tanto creceron en crise non rexistren unha mellora coa recuperación económica", asegurou o parlamentario de En Marea Manuel Lago. Ademais, considerou que Feijóo "pasará á historia do país por ser o único presidente que durante o seu mandato non aumentou o número de postos de traballo".

A iso, o presidente da Xunta replicou que "nos últimos doce meses" o paro baixa en Galicia "o dobre" do que descende en España. "Na última década baixou en 55.000 persoas", detallou Feijóo, que subliñou que cando chegou á Xunta había "210.000" desempregados fronte aos "155.000" da actualidade.

Deste xeito, ambos protagonizaron un cruzamento de cifras no que Manuel Lago defendeu que "todos os indicadores" teñen en "2017" peores datos que os que se rexistraban en "2018". "Señor presidente, é a desigualdade o que explica que, a pesar de que temos a mesma riqueza, a maioría da sociedade vive peor", considerou.

Pola súa banda, o máximo mandatario autonómico reprochoulle que acuda á Cámara a dicir que "todos os indicadores están peor" cando "resulta que están mellor" e que Galicia é "a Comunidade na que máis baixou o índice de pobreza" e afeoulle que non utilice os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) e do Instituto Galego de Estatística (IGE).

"Agora empezo a entender como o anterior portavoz dese grupo facía un conxunto de datos que me sorprendía exactamente cal era a fonte, e agora, estamos a beber da fonte máis directa", manifestou Feijóo.

Por último, pediulle a Lago que acuda á próxima sesión de control con "datos oficiais" e "non simplemente o que se lle ocorre". "A pesar de que a desigualdade e pobreza segue sendo un problema en Galicia, é un problema moito menor que a media", apuntou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta