Transición ecolóxica, igualdade, dereitos e cultura, os "grandes obxectivos" da Deputación de Pontevedra

PSOE e BNG configuran "un goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e na que todos os acordos se deciden conxuntamente, de forma común, consensuada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/07/2019 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva cualificou como "grandes obxectivos" do goberno provincial de coalición entre o PSdeG-PSOE e o BNG as áreas de transición ecolóxica, igualdade e "respecto" á diversidade, dereitos da cidadanía, e cultura e desenvolvemento sustentable, que serán xestionadas polos socialistas.

Rolda de prensa da Deputaciòn de Pontevedra.
Rolda de prensa da Deputaciòn de Pontevedra. | Fonte: Europa Press

Durante a presentación da composición, estrutura e distribución de áreas realizada por Carmela Silva e o vicepresidente, César Mosquera, do BNG, a titular do organismo provincial explicou que se trata dunha "repartición ben pensada, atendendo os perfís" dos deputados e deputadas, e cun criterio "moi ben delimitado e moi paritario".

Neste sentido, Cooperación Municipal será xestionada por Santos Héctor, que tamén asumirá o Servizo de Asistencia Intermunicipal. Isaura Abelairas serguirá á fronte de Igualdade, do mesmo xeito que tamén repite Carlos López Font na área de Réxime Interior, Economía, Facenda, Novas Tecnoloxías e ORAL.

A deputada responsable de Cultura será Vicky Alonso, mentres que Gorka Gómez se fará cargo de Deportes, e Cohesión Social contará coa dirección de Olga García. Turismo e Mocidade dependerá de Ana Laura Iglesias, á que segue Gregorio Agís en Infraestruturas e Vías provinciais.

Ademais, o Centro Príncipe Felipe e as escolas de Enfermaría e de Canteiros estarán dirixidos por Noemí Outeda; a Leira de Mouriscade, a Estación Fitopatológica de Areeiro e o Refuxio de Animais de Meis dependerán de Manuel González; por último, Raquel Giráldez xestionará Promoción Económica e Emprego, e Iria Lamas farase cargo de Proxectos Europeos, Arquitectura, Transición Ecolóxica e Medio Ambiente.

COMPETENCIAS DO BNG

"Se alguén pensa que nestes momentos o BNG leva pouca cousa, podo dicir que levamos demasiado", asegurou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, pondo como exemplo áreas como Memoria Histórica e o Museo Provincial, onde para "darlle un salto cara a adiante vai necesitar traballo e dedicación".

O propio Mosquera xestionará o Museo e o Plan Revitaliza relacionado coa compostaxe de residuos, mentres que María Remedios Ortega será a responsable de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Patrimonio etnográfico, arqueolóxico e arquitectónico, Memoria Histórica, Normalización e Servizos Lingüísticos.

O terceiro deputado nacionalista, Uxío Benítez, repetirá á fronte de Mobilidade Alternativa, Espazos Públicos, Cooperación Transfronteiriza e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza Río Miño.

"Configuramos un goberno único, potente, cunha folla de ruta ben marcada e na que todos os acordos se deciden conxuntamente, de forma común, consensuada e atendendo a uns obxectivos claros e definidos", asegurou Carmela Silva, que apostou por "unha visión de provincia avanzada, sustentable e referenciada", na que as áreas xestionadas polo BNG desempeñan "un papel moi importante".

Mosquera coincidiu ao referirse á mellor distribución posible para o próximos catro anos: "A vez pasada lográronse máis obxectivos do que era previsible e seguro que neste mandato vai suceder o mesmo ou mellor, xa que coñecemos que obxectivos e limitacións ten esta casa", engadiu o vicepresidente para "evitar o desgoberno".

"Impulsar, mover, actualizar e dar novos obxectivos a calquera área require moita enerxía, coñecemento e dispoñibilidade", insistiu, ademais de apelar ao grupo provincial do PP para que neste mandato "deixe a actitude esquizofrénica e bipolar da vez pasada, por ben do propio PP e da institución", acentuou.

XUNTA DE GOBERNO

O vindeiro martes ao mediodía celebrarase o Pleno de organización da Deputación, definindo as dedicacións completas e parciais. Tamén se configurou a composición da xunta de goberno, formada por dez persoas, con Carmela Silva á fronte, sendo substituída por César Mosquera en caso de ausencia.

Completarase con Carlos López Font, Santos Héctor Rodríguez, Isaura Abelairas, Gorka Gómez, Noemí Outeda, Ana Laura Iglesias e Iria Lamas como vogais por parte do PSdeG-PSOE, e María Remedios Ortega e o propio Mosquera en representación do BNG.

Tamén se conformaron as comisións informativas con todos os grupos políticos representados, proporcionalmente á representación obtida: 8 do PSdeG-PSOE, 7 do PP e 2 do BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta