A Xunta prevé un investimento "como mínimo" 247 millóns de euros para un Xacobeo de "5.000 días"

Feijóo convida os galegos a ser partícipes na organización dun evento que permita mostrar "a mellor Galicia".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2019 | Actualizada ás 15:31

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, presentou este luns o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021, no que se prevé un investimento "como mínimo" de 247,7 millóns de euros entre este exercicio e 2022 para que o próximo Ano Santo sexa "o pistoletazo de saída" para a "Galicia da nova década".

Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021.
Alberto Núñez Feijóo intervén ante os medios tras a reunión da comisión Organizadora do Xacobeo 2021. | Fonte: Europa Press

Así o sinalou Feijóo tras a reunión na Cidade da Cultura da comisión Organizadora do Xacobeo 2021, á que tamén asistiron, entre outros, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, así como a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Riobóo.

O presidente galego subliñou que o obxectivo é que o próximo Ano Santo sexa "o mellor Xacobeo da mellor Galicia", o cal destacou como "o principal proxecto e a principal oportunidade" do país, xa que terá unha "importancia histórica".

Neste sentido, avogou para que sexa un Xacobeo "para o conxunto dos galegos e para os de fóra das fronteiras de Galicia". Por iso, lembrou que desde 1993 chegaron a Santiago máis de 3,7 millóns de persoas "e o 98,6% deles recomendaría a experiencia".

PLAN "DOTADO DE RECURSOS"

Feijóo destacou que se trata dun plan "dotado de recursos" e non dun conxunto "de obxectivos sen apoios orzamentarios". "Sen contar con todos os proxectos que xa están a funcionar, investirase un mínimo de 247 millóns de euros", indicou.

Entre outros datos, só a Consellería de Cultura investirá máis de 180 millóns de euros entre 2019 e 2022 no ámbito Xacobeo, incluíndo o gasto do plan de mellora das infraestruturas. Así, este ano a Xunta gastará 58,8 millóns neste Plan Estratéxico, mentres que en 2020 máis de 82 millóns; en 2021, 77,7 millóns, e en 2022, 28,9 millóns de euros.

Estas cifras serán "como mínimo", xa que Núñez Feijóo espera máis investimentos "doutras administracións", como o concello compostelán e Goberno central. Segundo el, "o único que ten Galicia", aínda que é "o máis importante", é o final do Camiño, "pero os camiños vertebran España e Europa".

"O normal e maioritario na nosa sociedade é un sentimento de pertenza e amor a España. O normal e maioritario na nosa sociedade é un sentimento de pertenza e amor a Europa. O meu desexo é que o Xacobeo 2021 e os que virán despois sirvan tamén para que fagamos ostentación deste sentimento e sexamos capaces de estendelo aos puntos onde quizais se atopa algo enquistado", subliñou Feijóo este luns no seu discurso.

O tamén líder do PPdeG indicou que este Ano Santo ten "bastantes diferenzas" co anterior, xa que en 2010 "se logrou facer un gran Xacobeo en apenas un ano". "Agora, con máis antelación, conseguiremos que sexa aínda mellor", subliñou, tras mostrar o seu orgullo de presentar este plan "ano e medio antes" de que se celebre o evento.

FOLLA DE RUTA

Para Feijóo, este plan é unha "folla de ruta" que marca "non só o que se vai facer", senón tamén "como se vai facer". "Non é un proxecto para un ano illado. Empeza neste momento pero ten un orzamento que nos compromete desde hoxe ata o 2022, e no horizonte vese o 2027 e o 2032", insistiu o presidente autonómico, quen sinalou que "tras 11 anos sen Ano Santo, nos 11 seguintes haberá tres".

Así, precisou que o Xacobeo "non é a mera suma dunha serie de actos relixiosos, programas culturais ou festexos", senón que é "a oportunidade de dar, todos, o mellor, para ofrecer xuntos a mellor Galicia". "Non só no plano cultural e turístico, senón en todos os sectores económicos e ámbitos sociais, porque o Xacobeo é un motor cun efecto multiplicador que debemos aproveitar ao longo de toda a próxima década", reivindicou.

Desta maneira, pediu a toda a sociedade galega que sexa partícipe e se some á celebración do Xacobeo e a abrir unha "Era Xacobea" que dure "os 5.000 días consecutivos que quedan ata 2032". "E sendo capaces, durante todo ese tempo, de que Galicia sexa un epicentro internacional no que mostrarnos desde o punto de vista cultural e turístico, con repercusión social e económica", dixo o máximo mandatario do Goberno autonómico.

Tamén quixo agradecer ás máis de 600 persoas e organismos que participaron na elaboración do documento que se presentou este luns, así como ás administracións implicadas. Trasladou a intención de poder abordar co novo Executivo central diferentes temas nos que é necesaria a súa participación, desde algúns concretos como a recuperación dos BIC do Camiño ata outros máis xerais como o papel que debe ter nun proxecto "que tamén interesa ao conxunto de España".

XACOBEO VERDE, INNOVADOR E FAMILIAR

Ademais, asegurou que o Plan Estratéxico "non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir", polo que sinalou que será un Ano Santo "verde, comprometido coa súa autenticidade", así como "innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica", e tamén "familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e colectivos".

Por último, Feijóo confirmou que este mesmo luns o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 será remitido a todos os grupos parlamentarios e o conselleiro de Cultura e Turismo pedirá a comparecencia no pleno para explicalo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Nomsí

250 millóns de euros en propaganda nacionalcatólica españolista do Santiago matamoros y cierra España, o plan "marxal" pepeiro pra subvencionar á igrexa e seguir a colonización do "noroeste" deixando á cultura galega esmorecer. Mamoneo.