Podólogos galegos recomendan protexer os pés dos "seus principais inimigos" no verán, como o sol e fungos

Recomendan usar cremas solares cunha protección máis alta que o resto do corpo e non camiñar descalzo en piscinas nin baños públicos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/07/2019 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

O Colexio de Podólogos de Galicia subliña que os pés "sofren moito no verán" e recomenda prestarlles "especial coidado" nesta época do ano fronte a "os seus principais inimigos", como son o sol e os fungos. Así, explicou a entidade colexial, "é conveniente protexer os pés do sol e das superficies quentes". Ademais, os podólogos indican que "adoitan producirse máis queimaduras nos pés por falta de crema que por pisar area ou chans recalentados", aínda que no caso da praia, engade, resulta "aconsellable camiñar pola area húmida á beira do mar".

O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda protexer os pés dos 'seus principais inimigos' no verán, como o sol e os fungoso
O Colexio de Podólogos de Galicia recomenda protexer os pés dos 'seus principais inimigos' no verán, como o sol e os fungoso | Fonte: Europa Press

"Para a protección dos pés hai que usar crema solar", subliñan os podólogos, que engaden que "normalmente, os pés deben levar unha protección máis alta que o resto do corpo xa que non están adoitados a que lles dea o sol, ao pasar o resto do ano tapados polo calzado".

Por iso, os podólogos galegos aconsellan usar protección solar principalmente para protexer dos raios ultravioletas a parte de arriba do pé, é dicir a zona do empeine.

Outra das complicacións que poden aparecer nos pés en época estival son, advirten estes profesionais, os fungos, patoloxía coñecida como "pé de atleta".

O novo presidente do Colexio de Podólogos de Galicia, Juan Dios, destacou que, "na medida do posible, non hai que camiñar descalzo en piscinas nin baños públicos, porque son lugares de contaxio potencial de fungos ou outras afeccións, onde é totalmente necesario o uso de chanclas".

"Para erradicar aínda máis a posibilidade de contaxio, recoméndase non compartir o calzado nin a toalla, nin camiñar descalzo sobre moquetas de hoteis ou espazos públicos", sentenza, para avisar, ademais, de que hai que procurar "non abusar das chanclas". "Non utilizalas de forma continuada e durante tempos prolongados pola inestabilidade que xera ao ter o pé menor suxeición", conclúe.

"Non é un calzado deseñado para camiñar, e moito menos para correr, e pode xerar problemas co paso do tempo, como desenvolvemento de dedos en garra ou fascitis plantar", afirmou o presidente da entidade colexial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta