O PSdeG apela á "corresponsabilidade colectiva" para conformar un goberno socialista

Acusa a Feijóo de pór "o aparello da Xunta" a disposición do PP e avisa de que Corina Porro "nunca defendeu os intereses" de Vigo.

Por E.P. | A CORUÑA | 16/07/2019 | Actualizada ás 14:50

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou á "corresponsabilidade colectiva" para conformar un goberno "socialista, progresista e de esquerdas" en España, que "é o que mandaron os cidadáns nas eleccións de abril".

Gonzalo Caballero lanzou esta mensaxe durante unha visita realizada este martes á localidade coruñesa de Camariñas, na que asegurou que "o mellor para o país" é que "haxa un presidente do Goberno como Pedro Sánchez canto antes".

"Queremos que en xullo haxa un goberno en España con todas as competencias e un presidente do goberno con todas as competencias", manifestou o dirixente socialista, que subliñou que o PSOE "gañou con claridade" as eleccións e que "corresponde" que goberne o PSOE.

Neste sentido, considerou que as forzas políticas "teñen que entender que a cidadanía non quere repetir eleccións" senón que "quere un goberno presidido por Sánchez". "Por tanto, é unha corresponsabilidade colectiva alcanzar a fórmula de gobernabilidade e o candidato á Presidencia Pedro Sánchez ten todo o meu apoio para facelo", apuntou nunha intervención na que asegurou que "a Galicia lle vai a ir ben" se hai un goberno socialista.

CRÍTICAS A FEIJÓO

En declaracións aos medios, ademais, Gonzalo Caballero acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejióo, de pór o "aparello da Xunta a disposición do Partido Popular" para tentar "salvar os mobles" en futuras convocatorias electorais.

"Feijóo está moi asustado porque sabe que en todas as cidades os galegos dixéronlle que non e, por tanto, busca distintas opeacións mediáticas para poder salvar os mobles electorais cando non lle dan os votos", asegurou en referencia aos resultados dos comicios xerais, municipais e europeos.

Tras iso, subliñou que Corina Porro "non é a delegada da Xunta en Vigo" senón que é "a delegada de Fejióo en Vigo". "A señora Porro nunca defendeu os intereses da cidadanía de Vigo, nunca se opuxo a Feijóo para defender a Vigo contra as políticas de privatización da sanidade, contra as políticas de falta de investimento en Vigo", apuntou.

Fronte a iso, asegurou que "a mellor forma de que Vigo conte para a Xunta é cambiar a un presidente que foi un gran inimigo de Vigo e dos intereses da cidadanía viguesa".

ENTRADA NO PARLAMENTO

Por último, preguntado sobre a súa entrada na Cámara galega, Gonzalo Caballero sinalou que no próximo pleno prometerá o cargo para, a partir de aí, pasar a presidir o Grupo Parlamentario Socialista. "Como secretario xeral do PSdeG incorporareime ao Parlamento galego con carácter inmediato, dentro dos prazos estipulados e asumindo todas as responsabilidades que me correspondan", indicou.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Camariñas. PSDEG
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, na súa visita a Camariñas. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta