Os ecoloxistas critican a Lei de Patrimonio Natural: "Queren celebrar o Xacobeo verde, pero co verde eucalipto"

Catro colectivos censuran que o texto non avanza respecto da normativa vixente que data de 2001 e afean a Xunta que non tivese en conta as súas propostas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2019 | Actualizada ás 15:12

Comparte esta noticia

Catro colectivos ecoloxistas criticaron este martes a Lei galega de Patrimonio Natural que se atopa en tramitación parlamentaria por tratarse dun texto que "vai en contra da realidade social e natural de Galicia" ademais de recoller aspectos "incomprensibles" como a limitación de superficie para que unha área sexa declarada como parque natural.

Representantes dos colectivos Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Rede Galega de Custodia do Territorio e a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO) mantiveron un encontro este martes con deputados dos grupos parlamentarios de PSdeG-PSOE, En Marea e BNG para abordar o texto lexislativo, que encara os últimos prazos para a súa aprobación definitiva.

Antes, os portavoces das entidades ecoloxistas ofreceron declaracións aos medios ás portas do Pazo do Hórreo. Alí, realizaron unha emenda á totalidade da lei da Xunta, a quen afean que non contase coa participación dos grupos conservacionistas, polo que, segundo Óscar Rivas (SGO), "pérdese unha oportunidade para ter unha ferramenta adecuada para enfrontar os problemas de conservación natural en Galicia".

"Queren celebrar o Xacobeo verde, pero co verde eucalipto. Boa parte do Camiño Francés transcorre hoxe baixo as follas do eucalipto. É unha das cousas que máis lle chaman a atención aos peregrinos. Se cadra queremos falar do Xacobeo e a Galicia verde, pero igual falamos de verdes diferentes", apuntou Serafín González (SGHN).

En palabras de Fins Eirexas (Adega), o Goberno galego "xustifica a necesidade" de sacar adiante unha nova lei que "actualice" a normativa autonómica vixente, que data de 2001 e que "foi incumprida sistematicamente" por parte da Xunta.

"Non entendemos a que vén esta normativa e a présa (do Goberno galego) por aprobala por esta vía, obviando a participación pública e dos grupos ecoloxistas, que nin sequera fomos chamados a comparecer para que se nos escoitase", aseverou Eirexas, que cualificou de "burla" un texto que "obvia" aspectos como as especies protexidas e invasoras, os ecosistemas das rías ou a loita contra o cambio climático.

E é que, segundo o secretario executivo de Adega, a Xunta "esquece" os "aspectos máis avanzados" da lei estatal de patrimonio natural aprobada en 2007 "porque non interesa aplicalos". "Reclamamos que se cumpra a lei de 2001. Se non se mellora, esta lei non é necesaria. Sería mellor quedarnos como estamos", apostilou Óscar Rivas.

PARQUES NATURAIS

Para o presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, Serafín González, un dos aspectos máis "incomprensibles" da lei da Xunta é a limitación á superficie máxima que pode ter unha área para ser declarada como parque natural, unha medida que "non ten parangón a nivel estatal".

"Ese límite incumpriríano cinco do seis parques naturais que hai en Galicia", apuntou González, que subliña que só o parque do Xurés "cumpriría" o establecido por lei. "A intención é clara: non declarar máis parques naturais", apostilou.

Así, lembra, "demandas sociais" como a declaración como parque natural do Monte Pindo "sería imposible" coa nova lei da Xunta, a quen tamén acusa de non querer ampliar a Rede Natura 2000, "que leva 15 anos nun caixón".

Así mesmo, tamén tacha de "erro enorme" que o texto "non teña en conta" os humidais, que quedaron excluídos "da lei da auga e agora tamén na Lei de Patrimonio Natural cando son un dos ecosistemas máis ameazados e máis valiosos".

Ademais, lamenta que na nova normativa "non deixe meridianamente claro que as ferramentas de protección do territorio e do medio natural prevalezan ante os intereses urbanísticos".

CUSTODIA DO TERRITORIO

Pola súa banda, o vicepresidente da Rede Galega de Custodia do Territorio, Fernando Bandín, alertou que os actuais acordos de custodia vixentes en Galicia "non" entran dentro dos parámetros que establece a nova norma e "non poderían acceder a ningún tipo de beneficio".

Os acordos de custodia de territorio son unha ferramenta pola que dúas partes se comprometen a mellorar ou conservar o medio natural do terreo ou parte do terreo do propietario. Segundo Bandín, a lei da Xunta "limita" esta figura "dunha forma moi clara" porque na súa definición "exclúen todos os acordos de doazón, legal ou testamentaria, de parcelas que se incorporan á custodia do territorio".

Nesta liña, e tras apuntar que o Goberno galego "rompe" cunha tradición "de máis dun século en todo o mundo", Bandín considera que o "segundo aspecto grave" é que a ausencia dunha normativa sectorial en Galicia limita a duración dos convenios de custodia a só catro anos.

"Se plantamos un carballo para replantar unha 'fraga' non é para que dure catro anos, é para que dure cen. Bastaría que esta lei considerase que os convenios poidan ter un límite máximo de 50 anos para mellorar moito nosa capacidade par facer convenios coa administración", aseverou.

Representantes dos colectivos Sociedade Galega de Historia Natural, Adega, Rede Galega de Custodia do Territorio e Sociedade Galega de Ornitoloxía ás portas do Parlamento de Galicia acompañados por Patricia Vilán, Antón Sánchez e Luís Bará
Representantes dos colectivos Sociedade Galega de Historia Natural, Adega, Rede Galega de Custodia do Territorio e Sociedade Galega de Ornitoloxía ás portas do Parlamento de Galicia acompañados por Patricia Vilán, Antón Sánchez e Luís Bará | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 eucalipto Gasolina

o eucalipto sementado pola xunta de frijoles quemara Galiza enteira, asi serán os luMes na Galiza no futuro - https://www.youtube.com/watch?v=Y09...