Temas: XUNTA COCHE

Un centenar de concesionarios súmanse ao plan da Xunta para renovar os vehículos

Buscan así contribuír á incorporación de modelos máis eficaces e comprometidos co medio ambiente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/07/2019 | Actualizada ás 18:29

Comparte esta noticia

Preto dun centenar de concesionarios galegos participarán no programa de axudas da Xunta para a renovación de vehículos, tras terminar este luns o prazo límite para a adhesión de novos establecementos. Os particulares, empresas e autónomos poderán solicitar as axudas a través destas 99 entidades colaboradoras desde o próximo 24 de xullo e ata o día 15 de outubro.

Os apoios, que se concederán en concorrencia non competitiva, é dicir, establecendo prioridade para os que primeiro presenten a súa petición, irán dos 1.000 euros (500 a Xunta, 500 os concesionarios) aos 1.500 (repartido equitativamente entre administración e postos de venda), cun requisito principal: ter un coche de máis dunha década de antigüidade, coa ITV en vigor, e ostentar polo menos un ano de titularidade do vehículo.

As condicións do novo vehículo adquirido son que conte cun prezo inferior aos 40.000 euros (excluíndo modelos de luxo e alta gama), e cun límite de emisións no caso de turismos de ata 120 gramos CO2/quilómetro. Para as furgonetas, as emisións non poderán superar os 137 gramos CO2/quilómetro.

Este plan busca contribuír á incorporación de modelos máis eficaces e comprometidos co medio ambiente, ofrecendo unha gama que inclúa aos últimos deseños en innovación e seguridade e que permita, especialmente, renovar o parque móbil galego. Este plan concíbese como un dinamitante do sector, cun apoio explícito á industria galega da automoción ante as incipientes dúbidas que o sector da enerxía pode xerar entre os consumidores.

A finalidade deste programa de axudas, acordado co sector, é favorecer e facilitar a renovación dos vehículos en Galicia trasladándolle aos consumidores a confianza necesaria e apoiar ao sector da automoción, que xera na Galicia máis de 20.000 postos de traballo.

Deste xeito, a Xunta destina a este plan 1,1 millóns de euros, dos cales 800.000 van dirixidos a particulares, e os 300.000 restantes a empresas e autónomos. Segundo os cálculos proxectados, estímase que 2.000 turismos e furgonetas serán renovados ao acollerse a este programa, mobilizando 40 millóns de euros.

Vehículos de ocasión. COCHES.NET - Arquivo
Vehículos de ocasión. COCHES.NET - Arquivo

Temas: XUNTA COCHE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta