O TSXG confirma os 26 anos de cárcere para o mozo que atropelou mortalmente a outro na Coruña

O alto tribunal galego desestimou os recursos presentados pola Fiscalía e polo acusado e mantén a sentenza nos mesmos termos que se ditou, de acordo co veredicto do xurado.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/07/2019 | Actualizada ás 11:48

Comparte esta noticia

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña na que condena a 26 anos de cárcere ao condutor de 19 anos que durante a madrugada do 28 de outubro de 2017 atropelou á mantenta a tres rapaces no paseo marítimo da Coruña, causando a morte dun deles.

O acusado, segundo consta no fallo da Audiencia avalado polo TSXG, pelexouse cos afectados nun pub do Orzán e, ao velos cruzar a vía por un lugar non habilitado para peóns, invadiu o sentido contrario da marcha e dirixiu o seu coche contra eles.

Como consecuencia do impacto, un mozo de 24 anos que camiñaba adiantado saíu despedido cara ás vías do tranvía e faleceu uns 45 minutos despois, mentres que un dos seus acompañantes sufriu lesións leves. A terceira persoa non foi alcanzada polo vehículo.

No seu fallo, o alto tribunal galego desestimou os recursos presentados pola Fiscalía e polo acusado e mantén a sentenza nos mesmos termos que se ditou, de acordo co veredicto do xurado.

FISCALÍA PEDÍA MÁIS PENA

En concreto, O Ministerio Público reclamaba que o sospeitoso fose considerado culpable de tres delitos de asasinato, dous deles en grao de tentativa, porque sostiña que as vítimas careceron de posibilidade de defensa debido ao sorpresivo do ataque.

Con todo, o xurado "non dá por probado que os mozos nada puidesen facer para tratar de protexerse ou, o que é o mesmo, non descarta a posibilidade de defensa ou elusión do vehículo que cara a eles se dirixía", afirman os maxistrados, á vez que recalcan que "non é posible soster a existencia de aleivosía".

O TSXG tamén rexeitou a nova valoración dunha gravación do paseo marítimo demandada polo fiscal. "De ser admisible, que non o é, non podería dar lugar a unha resolución agravatoria da sentenza de instancia senón, no seu caso, á súa anulación e a necesidade de ditar nova resolución", apuntan.

RECURSO DO CONDENADO

En canto ao recurso do condenado, os maxistrados manifestan que "non pode sosterse que o tribunal non dispuxese de proba de cargo válidamente practicada e de vigor persuasivo". Así, subliñan que das manifestacións das testemuñas e do propio sospeitoso "despréndese ese propósito homicida que é apreciado polo xurado".

"A intención era acabar con eles e foi o modo e maneira en que se desenvolveron os feitos o que determinou que o falecemento só fóra dun mozo e non dos seus dous acompañantes ou do tres. Por iso, non podemos compartir a apreciación que fai a defensa cando afirma que non tiña intención nin ánimo de matar ou lesionar aos outros dous mozos, pois as probas anteriores permiten afirmar o contrario", asegura o TSXG na sentenza, na que reitera que "ese ánimo de matar resulta das manifestacións que o condenado espontaneamente realizou aos axentes".

Os xuíces tamén desestimaron a solicitude de rebaixa da pena en máis dun grao esixida pola defensa. "O que non se producise o falecemento de dous dos mozos foi determinado por causas alleas á vontade do acusado. O perigo existiu, era evidente. O risco para a vida dos sobreviventes foi patente e tal circunstancia determina a corrección da rebaixa da pena pola tentativa dos delitos de homicidio nun só grao", explica o alto tribunal galego.

Os maxistrados, ademais, rexeitaron ter en conta a atenuante de confesión. "O vehículo foi interceptado cando a policía xa coñecía a realidade do atropelo. A confesión, por conseguinte, non xorde de maneira espontánea, senón que deriva, como acertadamente sinala a resolución impugnada, da mera evidencia", indican os xuíces, quen tamén desestimaron a aplicación da atenuante de embriaguez.

"Tampouco é sustentable que a valoración efectuada polo xurado das probas practicadas tivese connotacións arbitrarias, ilóxicas, absurdas ou irracionais", continúan. "Os xurados apoiáronse nunha serie de dilixencias de proba que foron razoablemente interpretadas con conclusión acorde ás regras da lóxica e con plena coherencia", conclúe.

Rúa Alfredo Vicenti na Coruña
Rúa Alfredo Vicenti na Coruña | Fonte: Google Maps.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta