Temas: SALARIOS EMPRESA

Traballadores da gráfica Einsa inician un peche nas Pontes para reclamar melloras laborais

En 2012, "o conxunto de traballadores fixeron un gran esforzo asumindo reducións de salarios e perdas de condicións sociais a conta de garantir a continuidade da empresa", lembran. Agora consideran que "xa é hora de recuperalas".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/07/2019 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Traballadores da firma gráfica Einsa iniciaron este mércores un peche nas instalacións da empresa, nas Pontes, para reclamar á dirección "que sente a negociar" melloras nas condicións económicas e sociais do persoal, que supera as 300 persoas.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario do comité de empresa, Jorge López, quen criticou o "silencio" que reciben desde hai semanas por parte da compañía.

O peche materialízano por quendas de oito horas de "entre tres e catro persoas", tendo en conta que os traballadores están a cumprir coa súa xornada laboral. A previsión é que dure 24 horas, ata o sete da mañá deste xoves.

Os membros do comité (seis da CIG, cinco de UGT e dúas de CC.OO.) seguen deste xeito o acordado en asemblea de traballadores, tras "a negativa da empresa a iniciar un proceso negociador coa representación dos traballadores".

A finais do pasado mes trasladaron unha proposta para "recuperar parte das condicións perdidas no ano" e nesta reunión, segundo sinala o comité nunha nota de prensa, a dirección "negouse a crear un proceso negociador".

En 2012, "o conxunto de traballadores fixeron un gran esforzo asumindo reducións de salarios e perdas de condicións sociais a conta de garantir a continuidade da empresa", lembra.

Por iso agora manifesta que "xa é hora de recuperar as condicións, xa que non é sustentable que gran parte do persoal leve máis de oito anos cos salarios conxelados".

Con esta primeira medida, o comité de empresa de Einsa espera que a compañía "reacapacite" e negocie. De non ser así, advirten de que a presión "irá en aumento".

Einsa
Einsa | Fonte: Einsa Print

Temas: SALARIOS EMPRESA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta