Critican ao Concello de Santiago por suprimir actuacións de 200 músicos para as Festas do Apóstolo

Entidades como o Castro de Figueiras ou o Grupo de Gaiteiros "Os meighas de S. Pedro" denuncian que a actividade fora aprobada nos Orzamentos Participativos 2018 do anterior goberno de Martiño Noriega. O actual Goberno socialista di que a decisión debeuse a "limitacións orzamentarias" e porque esta actividade non tiña asignada a retención de crédito.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 19/07/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

Festas con Alboradas foi unha iniciativa xurdida dos Orzamentos Participativos 2018 para dinamizar as festas do Apóstolo. Pero, varias entidades impulsoras desta actividade, entre elas o Castro de Figueiras ou o Grupo de Gaiteiros “Os Meighas de S. Pedro” denuncian que foi cancelada e eliminada do Programa de Festas do Apostólo polo actual goberno socialista do Concello de Santiago.

Pasarrúa Festas con Alborada, actividade cancelada das Festas do Apóstolo
Pasarrúa Festas con Alborada, actividade cancelada das Festas do Apóstolo

“Despois de longas semanas de preparación e sen previo aviso nen explicación por parte da nova corporación once asociacións, case 200 músicos, viron deste xeito truncada a oportunidade de actuar polas rúas da cidade e divulgar a veciños e visitantes o seu traballo cotián na conservación, dignificación e divulgación do patrimonio musical galego”, critican nun comunicado.

Neste sentido, amosan o seu “descontento” por “este cambio de plans” por parte do Concello de Santiago que, din, “deixa ó marxe as asociacións máis pequenas e periféricas de Santiago” e impide “que teñan a oportunidade de ter visibilidade e participar” nas festas da cidade. “Con isto, queremos reivindicar públicamente, dunha vez por todas, un espazo para as Asociacións pequenas e que nas Festas da cidade se nos teña en conta a todas”, conclúen.

"LIMITACIÓNS ORZAMENTARIAS"

Pola súa banda, desde o Concello de Santiago apuntan que a decisión de cancelar esta actividade débese ás "limitacións orzamentarias" que provocaron que houbera que liberar unha partida dos orzamentos participativos para asumir custes de produción, iluminación e escenarios durante as Festas do Apóstolo.

O concello optou por suprimir as "Festas con Alborada" porque aínda non tiña asignada a RC (retención de crédito). "Foi unha decisión difícil, tomada no último minuto, e asumindo o compromiso de que nas próximas celebracións se contrate a estes grupos de música tradicional", indicou o concello compostelán en declaracións a GC.

Así, destaca que o Concello de Santiago aposta tanto polos grupos radicados en Compostela, como pola música tradicional galega e que así o reflicte o programa das Festas do Apóstolo. Neste sentido, lembra que o día 19 está o concerto de Xosé Manuel Budiño para abrir as celebracións;  o sábado, o Día do Traxe Galego e o Grupo Invernía cunha ruada polo casco vello da cidade; o domingo, concertos da Banda Municipal de Música de Compostela e de Xoel López; o xoves 25, concerto de Leilía e Milladoiro; o venres 26, concerto Tradfest con grupos folk; o sábado 29, Xornadas de Folclore Galego, con Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata do Sar, e Ultreia.

"Son só algúns dos grupos galegos que estarán presentes nestas celebracións. Unha oferta pola nosa música e polos grupos da cidade que, desde a concellaría de Festas, seguiremos mantendo", conclúen desde o concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta