Carballo deseña unha píllara como símbolo para reivindicar un turismo sustentable no litoral

Asistiron á instalación deste "animal icónico" que serve de contedor os artesáns que crearon a figura, o alumnado do obradoiro de cestería no que se materializou, o concelleiro de Medio Ambiente e o alcalde do concello. Apelan así a "concienciar a xente sobre a importancia de recoller o lixo".

Por Galicia Confidencial | Carballo | 18/07/2019 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A Explanada é o punto de encontro entre Razo e Baldaio, e por iso foi tamén o lugar escollido para a instalación dunha píllara de ferro e vimbio que será o símbolo da campaña “Eu quero Razo-Baldaio” e tamén do turismo sustentable polo que apostan dende o Concello de Carballo para o noso litoral.

A píllara no Concello de Carballo
A píllara no Concello de Carballo | Fonte: Concello de Carballo

O traballo foi realizado por un numeroso grupo de veciños e veciñas de todas as idades no obradoiro de cestaría impartido por Idoia Cuesta. Nesas aulas cubriron con vimbio o “esqueleto” de ferro deseñado e construído polo artesán Fabián Lage. E así pois, dende este luns os creadores puideron trasladar a píllara ao seu hábitat, que xa loce de costas ao mar. Xunto aos participantes nos obradoiros estiveron o persoal municipal que tamén colaborou no proxecto; o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, e o alcalde, Evencio Ferrero.

Tanto Fabián Lage coma Idoia Cuesta, que ademais de artesá é bióloga, destacaron a importancia de “concienciar a xente sobre a importancia de recoller o lixo”, tal como explicou o escultor. A súa compañeira de proxecto destacou o traballo colaborativo que se levou a cabo, e aproveitou para reivindicar “a protección do ecosistema dunar e toda a contorna do litoral”. A píllara vai contribuír a ese obxectivo, porque ademais dunha escultura fantástica é un “contedor” de plástico, que hoxe mesmo empezaron a encher os participantes no acto.

“Elixiuse un animal icónico desta zona, combinando tanto a importancia do coidado desta especie coma das praias”, explicou o concelleiro Miguel Vales, que louvou o traballo dos artistas e tamén da veciñanza. Os parabéns para todas e todos tamén chegaron por boca do alcalde, que apelou á responsabilidade colectiva co medio ambiente. “O planeta temos que salvalo entre todos, e ou tomamos conciencia colectiva ou as agresións que se están facendo continuamente ao medio natural serán un grave problema”, insistiu Evencio Ferrero, que ademais animou os usuarios das praias a utilizar os colectores e a respectar o hábitat natural das píllaras de verdade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta