Detectan nunha vaca morta en Ferrol un "caso illado" dunha encefalopatía atípica distinta á das 'vacas tolas'

O animal morreu nunha granxa da zona de Ferrol este mes de xullo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/07/2019 | Actualizada ás 18:44

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Rural detectou "un caso illado" de encefalopatía esponxiforme bovina atípica tipo H nunha vaca que morreu nunha granxa da zona de Ferrol este mes de xullo. Fontes da consellería confirmaron que a vaca "tiña 19 anos e medio" e que as causas da morte se deben "á súa idade" e "non están relacionadas coa enfermidade" que se lle detectou posteriormente.

Vacas
Vacas | Fonte: Europa Press.

Medio Rural aclarou que a enfermidade "non é o que se coñece polo mal das 'vacas tolas'", senón que é unha cepa atípica que ten un "menor grao de afectación" para os animais, que non existe "risco de contaxio" e que "non ten relación co consumo de pensos", como é o caso da outra.

De todos os xeitos, a normativa que establece o Programa Nacional de Vixilancia das Encefalopatías Esponxiformes Transmisibles (EET) subscribe que todos os animais que nacesen antes do 30 de xaneiro do 2001 deben pasar por unhas probas de control.

SEN CAMBIOS DE STATUS SANITARIO

Os servizos veterinarios realizaron a analítica ao animal morto e obtiveron un resultado positivo, que o Laboratorio Rexional de Sanidade Animal tamén ratificou. Posteriormente, a consellería enviou unha mostra do tecido animal ao laboratorio nacional de referencia de EET, en Algete (Madrid), onde se confirmaron os resultados obtidos.

Desde Madrid corroborouse que a vaca padecía encefalopatía esponxiforme bovina atípica tipo H. Neste sentido, fontes de Medio Rural insisten en que se trata dun "caso illado sen transcendencia para a saúde pública ou a sanidade animal", xa que o estudo realizado por mor deste caso conclúe que non existe ningún animal vivo que compartise ningún factor de risco coa vaca afectada. Por tanto, non foi necesario sacrificar outros animais que conviviron co bóvido enfermo.

Por outra banda, a Xunta aclarou que a aparición deste caso non supón ningún cambio no status sanitario de España nin de Galicia e que esta "casuística" non afectou o comercio de animais nin aos produtos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta