A espera media cirúrxica no primeiro semestre sitúase en 56,4 días, a mellor cifra da serie

O Sergas reivindica a rebaixa en 3,4 días do tempo medio de demora para ser operado neste seis primeiros meses.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/07/2019 | Actualizada ás 13:23

Comparte esta noticia

O tempo medio de espera cirúrxica "global" do Servizo Galego de Saúde (Sergas) no primeiro semestre do ano é de 56,4 días, 3,4 días menos que no mesmo período do ano anterior e a mellor cifra da serie histórica, segundo destaca a Consellería de Sanidade.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, presentou este venres en rolda de prensa algúns dos principais datos, pero a totalidade das cifras non se coñecerá ata as 14,00 horas, momento a partir do cal a consellería as colgará na súa web.

Así, cos números achegados por Fernández-Campa, os pacientes de prioridade 1 (patoloxías máis graves) esperaron unha media de 16 días entre xaneiro e xuño de 2019. A espera media para primeiras consultas situouse en 37,6 días, mentres que nas probas diagnósticas o tempo medio de espera foi de 59,1 días.

O total de consultas de enfermidades alcanzou os 2.859.858, a maior parte (2.422.736) de carácter médico e ao redor de 80.000 non presenciais. Dentro das vías rápidas implantadas foron atendidos 8.703 pacientes, cun tempo medio de espera de 5,9 días. O 51% foron para mama e colon.

Pola súa banda, as probas realizadas ascenderon a 1.841.119 probas, unhas 190.000 máis que no mesmo período do ano anterior. Delas, 1.248.774 foron de radioloxía, cuxa espera media foi de 51,2 días.

En cirurxía, as intervencións situáronse en 112.319, delas 52.032 con ingreso e 60.287 ambulatorias. Foron programadas 95.468, fronte a 16.851 urxentes.

No que respecta á lei de garantías, desde a entrada en vigor do decreto que regula o sistema de garantías de tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas, e ata o 30 de xuño de 2019, un total de 65.883 persoas "beneficiáronse", segundo o Sergas.

Deste total, en cirurxía foron 16.548 pacientes, 24.829 en consultas e 24.506 en probas diagnósticas e/ou terapéuticas. "Todos foron atendidos en centros do Sergas e non se derivou ningún a centros concertados", resaltou Fernández-Campa.

"DIÁLOGO PERMANENTE"

Por outra banda, preguntado polo fin da folga dos puntos de atención continuada (PAC) e a situación da Atención Primaria na comunidade, o xerente do Sergas reivindicou o "diálogo permanente".

"Para nós é unha boa situación que se alcanzara unha solución para a PAC", constatou, antes de avogar por "seguir mellorando" a Atención Primaria.

O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. XUNTA
O xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Eu non cambio

Todo mentira. Aquí non aparece contabilizado o tempo que tardan en darche cita. A cousa funciona así: 1º pides cita, 2º vairios meses despois chámante para darche unha data, aí comezas a aparecer na lista de agarda. No meu caso figurei como que agardei menos de un mes, os máis de cinco meses que agardei a que me chamaran non contaron para nada