Temas: FRASEOLOXíA

“O pranto do herdeiro” ou “lágrimas do/de herdeiro”, equivalentes a “lágrimas de crocodilo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 06/03/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para denotar aqueles laios ou queixas que son finxidos, hipócritas e falsos, que non son sinceros, é moi habitual que en castelán se empregue a locución substantiva lágrimas de cocodrilo. En galego, canda a expresión de equivalencia calcada a esta (ou sexa, a de lágrimas de crocodilo –que non *cocodrilo–), temos tamén algunha máis:

As bágoas de Fabricio, coa salvación ao remate do partido.
As bágoas de Fabricio, coa salvación ao remate do partido. | Fonte: lfp.es

Lágrimas de cocodrilo

{= Laios, choros ou queixas que finxidos, hipócritas e/ou falsos, non sinceros.}

Lágrimas # Bágoas # Bagullas de crocodilo

(O) Pranto do/de herdeiro

Lágrimas # Bágoas # Bagullas de herdeiro

Lágrimas # Bágoas # Bagullas de quen herda

Lágrimas # Bágoas # Bagullas do que herda

Ex.: Muchos de los lloros y lamentos que aparecen en esos programas de cotilleo no son más que lágrimas de cocodrilo.

Moitos dos laios e lamentos que saen neses programas de rexouba non vos son máis ca bágoas de crocodilo non vos son máis có pranto do herdeiro non vos son máis ca bagullas de herdeiro non vos son máis cás lágrimas de quen herda.

● Mesmo tamén:

Lágrimas # Bágoas # Bagullas de carpideira

● Tamén, empregable neste mesmo sentido pero formando enunciado de seu, na medida en que se trata dunha oración:

Chorar por un ollo aceite e por outro vinagre

Ex.: Moitos dos laios e lamentos que saen neses programas de rexouba non vos son máis cós de xente que chora por un ollo aceite e por outro vinagre.

NOTAS:

1. Nótese, en relación coas secuencias lágrimas # bágoas # bagulla de/do herdeiro e mais lágrimas # bágoas # bagulla de quen herda # do que herda, a paremia as bágoas do que herda son risa encuberta (que se viría a corresponder coa paremia castelá el lloro del que hereda, de gozo revienta).

2. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996.

- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.

- Soto Arias, Mª Rosario: “Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta