‘Tartalada’ e ‘carnasada’ candidatas a entrar no dicionario da RAG

As palabras, moi empregadas no sector da hostalaría e xa fixadas na fala dos galegos e galegas, poderían incorporarse na edición do vindeiro ano.

Por GcToday | Santiago de Compostela | 28/03/2022 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

O dicionario da Real Academia Galega podería incorporar dúas novas palabras ao seu corpus na súa nova edición. Trátase de “tartalada” e “carnasada”.

Torta Xeada. Foto: Restaurante Dezaseis
Torta Xeada. Foto: Restaurante Dezaseis

Estes dous vocábulos son realmente dúas palabras compostas que chegan á expresión popular das galegas e galegos tras a unión doutras xa existentes. Así, pois, a palabra “tartalada” é o resultado da unión de ‘tarta’ e ‘helada’, mentres que “carnasada” estaría formada pola composición de ‘carne’ e ‘asada’.

Afeitos a escoitar nos restaurantes do país estas palabras, e incluso sendo habitual atopalas escritas nas cartas ou nos taboleiros exteriores dos establecementos, chega agora o momento de que aparezan como candidatas a entrar na próxima revisión e actualización do dicionario da RAG.

O falar acelerado do persoal da hostalería contribuíu claramente ao nacemento destas palabras

Dende o punto de vista gramatical estamos diante de dous supostos nos que partindo dun substantivo máis un adxectivo, o resultado da composición é un substantivo con vida propia de seu. O falar acelerado do persoal da hostalería contribuíu claramente ao nacemento destas palabras e así o reivindica opropio gremio para poder usalas xa oficialmente, co aval lingüístico da RAG, nas cartas e paneis de menús.

Estes vocábulos compostos postúlanse, pois, como candidatos para formar parte da nova edición do dicionario da RAG, aínda que todo indica que a palabra “tartalada” poida atopar máis atrancos para facelo. Os puristas do galego, normativistas e 'máis académicos ca ninguén', cuestionan que se poida incorporar esta palabra por partir de “tarta” e “helada”, sendo o substantivo correcto en galego ‘torta’ e o adxectivo ‘xeada’. Veremos en que queda a cousa…

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta