Temas: FRASEOLOXíA

“Facerlle a rosca # o conto # a capa # a ronza” ou “melarlle o ollo”, equivalentes, entre bastantes, á castelá “hacerle la pelota”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 24/04/2022 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Ás veces resulta curioso observar a evolución que no imaxinario popular acadan certas locucións ou frases feitas das cales ao longo do tempo se vai perdendo a noción primixenia ou orixinal (e deixando xa de lado o feito de que probablemente nas máis das ocasións descoñezamos a orixe dos fraseoloxismos que empregamos) para pasaren a se interpretar doutro xeito.

Celso Borges loita pola pelota co ex-deportivista Filipe Luis.
Celso Borges loita pola pelota co ex-deportivista Filipe Luis. | Fonte: lfp.es

Un exemplo que coidamos bastante claro a este respecto témolo na locución castelá hacer la pelota, na cal a voz pelota pasou a se interpretar co significado correspondente ó da bóla de diversos tamaños que é susceptible de ser botada e que se utiliza en distintos xogos ou deportes. Tal é así que non é raro observar que o emprego da dita locución (absolutamente interiorizada tamén como propia polo conxunto dos galegofalantes, ou cando menos pola inmensa maioría deles) vaia acompañado da onomatopea “boing, boing”, e mesmo tamén do movemento xestual de mover unha man, máis ou menos estirada, con desprazamentos en sentido vertical para arriba e abaixo, ó xeito do que se fai cando se bota unha pelota de, por exemplo, baloncesto.

Sen embargo, o que a nivel xeral se descoñece é que a orixe maiormente aceptada da dita frase feita parece que se atopa na acepción de pelota como sinónimo de “prostituta” (véxase a acepción 9 do Diccionario de la Real Academia Española), de xeito tal que, ó cabo, parece que a secuencia fraseolóxica hacer la pelota vén a ter a súa procedencia primixenia na típica adulación que as prostitutas lles facían ós posibles clientes para que estes contratasen os seus servizos: así, hacer la pelota non sería, en orixe, máis ca hacer la prostituta, isto é, adular a alguén, tal e como fan as prostitutas cos potenciais clientes.

Daquela, sen entrar xa en máis profundamentos, e simplemente tendo en conta que a voz pelota non presenta en galego este significado de “prostituta”, haberá que sobreentender que a referida locución é espuria ó idioma galego, no cal, non obstante, dispomos doutras secuencias fraseolóxicas –e non fraseolóxicas– que dan conta dese mesmo contido.

Alén disto, e tendo en conta que o contido desta entrega coidamos que ía quedar un tanto coxo ou capado se simplemente apuntamos o feito de que *facer a pelota constitúe un fraseoloxismo alleo ou non propio pero non fornecemos información acerca de que voces temos en galego para cubrir o significado de pelota (no sentido de, tomando a definición do Diccionario de la Real Academia Española, “persona aduladora, que hace la rosca”) ou pelotillero en castelán, na vindeira entrega abordaremos esta cuestión

Mais cada cousa ó seu tempo, así que en primeiro lugar imos tratar das correspondencias galegas para a locución fraseolóxica castelá hacer la pelota:

Hacer la pelota a alguien

Hacer la rosca a alguien

{= Adular intereseiramente, isto é, coa intención de tirar algún beneficio en troco.}

Facerlle a rosca

Facerlle a capa

Facerlle a ronza

Facerlle a rosca do galo

Facerlle o conto

Facerlle as beiras

Facerlle a corte

Melarlle o ollo

Comerlle a carnada

[E MAIS]:

Facerlle a chaqueta

Facerlle as veces

Facerlle as voltas

Facerlle paraxismas

Ex.: Se pasa todos los entrenamientos haciéndole la pelota al entrenador, y ni aún así consigue jugar de titular.

Pasa todos os adestramentos a facerlle a rosca (do galo) a facerlle a capa a facerlle o conto a facerlle as beiras a facerlle a corte a melarlle o ollo a comerlle a carnada ó adestrador, e mais nin así é quen de xogar de titular.

● E mais tamén:

Pasarle la mano por el lomo && Sobar el lomo

Poñerlle a alfombra && Pasarlle a man polo ombro # polo lombo

Ex.: Pasa todos os adestramentos a lle poñer a alfombra a lle pasar a man polo ombro a lle pasar a man polo lombo ó adestrador, e mais nin así é quen de xogar de titular.

● E tamén:

Dar coba # jabón # incienso a alguien

Darlle lustre # sebo # unto # xabón # vaselina # aceite # cera # graxa && Darlle incenso

● E inda:

Dorar la píldora

Dourar a pílula

● E mais tamén:

Lavarle la cara # el casco # los cascos a alguien && Bailarle el agua && Hacerle la barba && Henchirle # Llenarle las medidas

Lavarlle a cara # os cascos # a capa && Pasarlle a brocha && Puxarlle o saco && Lamberlle os pés # os zocos

● E tamén, como verbos máis ou menos axeitados en función de cada contexto:

Adular # Lisonjear # Halagar # Elogiar a alguien && [E INDA INCLUSO]: Alabar # Enaltecer # Encarecer # Encomiar # Ensalzar # Exaltar # Loar a alguien

Adular # Amanteigar # Afagar # Aconloar a alguén && [E MESMO TAMÉN, NESTA LIÑA]: Gabar # Chufar # Eloxiar a alguén && [E INDA INCLUSO]: Loar # Louvar # Enaltecer # Encarecer # Encomiar # Enxalzar # Exaltar a alguén

● E inda tamén, probablemente asociadas a ámbitos de uso máis familiares e a rexistros máis coloquiais:

Lamerle el culo a alguien

Lamberlle o cu && Ulirlle os peidos

● Mesmo tamén, en contextos:

Facerlle festas

● E inda tamén, en contextos máis reducidos:

Esborrelarse en cumpridos cara a alguén # para alguén (, coma un portugués)

NOTAS:

1. É de facer notar que, dada a conexión semántica entre o feito de adular a alguén para conseguir algo del e mais o de intentar namorar unha persoa –proceso este no cal o máis habitual é intentar ser o máis agradable posible e procurar cubrir de atencións, mesmo tamén por medio de adulacións, a persoa que intentamos cortexar–, varias das expresións aquí reflectidas (coma tales, facer as beiras # a corte # as veces # as voltas # a rosca # a rosca do galo) son empregadas para dar conta de ambos os dous significados, como veremos no seu día ao lles meter man ás secuencias fraseolóxicas correspondentes ás castelás hacer la corte ou tirar los tejos.

2. En relación coas locucións verbais dar sebo # unto # xabón # vaselina # aceite # graxa (todas elas, bardante das de dar aceite # graxa, recolleitas da fala oral), obsérvese que inclúen unha referencia a substancias oleosas ou untuosas en maior ou menor medida, isto é, substancias que, por así o dicir, son susceptibles de suavizar, ou de facer menos áspero ou desapracible, aquilo sobre o que se aplican (que metaforicamente, e no fondo, é o que se procura cando se adula ou gaba alguén: predispoñelo positivamente cara a un mesmo, suavizando e limándolle todas as arestas e asperezas que este alguén poida xa ter, ou chegar a crear, na relación existen entre ambos).

Pola súa banda, semella que dar lustre # cera as podemos relacionar co feito de dar brillo ou esplendor a algo (neste caso, e tamén metaforicamente, á persoa a quen se gaba). Ademais, e polo que atangue a esta última, téñase en conta que en castelán a locución dar cera a alguien adoita fornecer un significado totalmente distinto, e mesmo en certo xeito antitético, como é o de tratar a ese alguén de forma ruda ou violenta.

3. O fraseoloxismo dourar a pílula está tomado, neste caso vía escrita, doutros idiomas, coma o castelán, o francés ou o portugués.

A orixe do mesmo sitúase nunha coñecida práctica das boticas antigas consistente en, para disimular ou enmascarar o sabor amargo e desagradable dos compostos químicos, bañar as pílulas ou pastillas nun substancia doce e sometelas ó lume (douralas) para obter así un recubrimento exterior máis duro e de sabor máis agarimoso. Mesmo se rexistra xa literariamente no século XVII, coma por exemplo na peza Anfitrión, de Jean Baptiste Poquelin Molière (1622-1673), e realmente o seu significado orixinal vén a ser o de presentar algo difícil e desagradable –coma unha mala noticia ou un suceso que implica contrariedade– como algo máis suave e doado de asimilar ou aceptar.

4. O verbo amanteigar (tirado, coa variante amaitegar, tanto do Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral, de Francisco Vázquez Saco, coma do traballo de Mª Carmen Paz Roca “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”, no cal se recolle explicitamente o seguinte: «Anduvera amaitegando [...]. Estuve haciéndole el cuento») garda, como se pode observar, unha estreitísima relación coa voz manteigueiro (esta, tanto de recolleita oral coma escrita), que veremos na vindeira entrega como equivalente, entre outras, da castelá pelotillero.

Do mesmo xeito, tamén salta ós ollos a relación entre a locución puxarlle o saco e a voz puxasacos, que aparecerá igualmente no próximo artigo.

Pola súa banda, a voz aconloar (que etimoloxicamente se viría a corresponder coa voz conloar que recolle o DRAE para o castelán) reflectímola tal e como a temos rexistrado oralmente, sen prexuízo de que ese a inicial sexa un son protético, isto é, un son non etimolóxico engadido ó principio dunha palabra e que non modifica o seu significado, tal e como se reflicte no DRAG para a segunda acepción de prótese.

E, por último, tamén temos anotada, tirada da sección “Palabras con memoria” da Asociación de Escritores en Lingua Galega, a voz paxarolear (relacionada con paxarolo e paxaroleiro, que aparecerán na vindeira entrega), pero respecto da cal non sabemos se se usa como transitiva; ou, dito doutro xeito, non sabemos se se paxarolea a alguén, dado que o exemplo reflectido na dita fonte é de uso intransitivo: «Para que lle deixes vinte euros é capaz de estar toda a tarde paxaroleando».

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Asociación de Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no enderezo seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Bitácora no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Grygierzec, Wiktoria & Ferro Ruibal, Xesús: “Estereotipos na fraseoloxía: o caso galego-portugués”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 81-111. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez Seixo [agora, Martíns], Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “120 locucións verbais galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 373-386. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 GalegON

Miña nai tamén di neste contexto: "FACER O CONTO A ALGUÉN"