BNG, ERC e Bildu cargan contra a Monarquía: "Non é elixida democraticamente, non temos rei"

As tres formacións xustifican a súa ausencia na Sesión de Apertura Solemne da XV Lexislatura que este mércores protagoniza o monarca no Congreso.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 29/11/2023 | Actualizada ás 10:28

Comparte esta noticia

Esquerra Republicana (ERC), Bildu e o Bloque Nacionalista Galego (BNG) xustifican a súa ausencia na Sesión de Apertura Solemne da XV Lexislatura que este mércores protagoniza o Rei no Congreso coas súas habituais críticas a unha institución que, remarcan, non é "elixida democraticamente" e á que acusan de "tentar impor proxectos e valores antidemocráticos".

Así o expresan na declaración que, baixo o título, "Non temos Rei. Democracia, liberdade, Repúblicas", fixeron pública pouco antes do arranque do acto que vai ter lugar no hemiciclo e ao que tampouco vai acudir Junts, aínda que esta formación non subscribiu este comunicado.

Esquerra, Bildu e BNG insisten en tachar á Monarquía de "anacrónica" e "incompatible con principios democráticos esenciais" por ser "hereditaria e vitalicia" e, ademais, unha "herdanza do franquismo". "A Monarquía española é un estamento que non responde os valores republicanos de liberdade, igualdade e democracia que tanto os cidadáns e cidadás dos nosos pobos como as maiorías sociais do Estado anhelan", subliñan no texto, recollido por Europa Press.

RUPTURA PARA UNHA VERDADEIRA DEMOCRACIA

Para estas tres formacións, "unha verdadeira democracia só será posible desde a ruptura coa herdanza, as bases e valores que representa o Rei e a súa figura" e, por iso, instan o Rei a "deixar de exercer" a "tutela" que, en opinión, exerce "sobre a cidadanía e sobre os gobernos e parlamentos" que, a diferenza da Coroa, si nacen da elección democrática. Ademais, sosteñen que as sociedades catalá, vasca e galega "rexeitan maioritariamente" a figura dunha institución que se vincula "ao obxectivo de manter e impor a unidade de España e as súas leis, negando así os dereitos civís, políticos e nacionais" que, ao seu xuízo, asisten aos seus cidadáns.

NON É INTERLOCUTOR VÁLIDO

"No camiño democrático cara á liberdade dos nosos pobos, que non só é unha aspiración lexítima senón improrrogable, o Rei español non é un interlocutor válido para nós e nós. Nin ten a lexitimidade dos nosos pobos, nin lle recoñecemos ningunha función política. Menos aínda cando o seu papel para coas nosas nacións non foi outro que o de tentar impor proxectos e valores antidemocráticos", proclaman.

A declaración conclúe coa reafirmación da vontade de ERC, Bildu e BNG de continuar traballando para facer efectivo, "máis cedo que tarde", o "ideal de democracia, liberdade e repúblicas".

Colocación do baldaquino./ Alejandro Martínez Vélez - Europa Press / Europa Press
Colocación do baldaquino./ Alejandro Martínez Vélez - Europa Press / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta