Tami, crebeira nos tempos do plástico: "Limpar praias é costume na nosa casa, pero nós chamámoslle ir aos achados"

Para Tami Prieto, unha moza do Grove, o que ela facía cos seus pais de pequena e o que súa nai facía antes co seu avó recollendo tesouros que o mar traía ata a praia non era 'ir ás crebas', senón 'ir aos achados'. Lembra con nostalxia unha madeira dun barco que tiñan enriba da cheminea da casa e que poñía 'Singapore'.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 19/05/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

'Andar ás crebas'. Unha expresión que era moi usada na zona costeira de Galicia, especialmente na comarca da Costa da Morte, nos séculos pasados, cando a xente das vilas próximas á praia organizaban auténticas batidas polos areais na procura de restos de naufraxios que traía o mar cando o tempo estaba revolto. Moi soado é o episodio no que en 1927 un líquido branco chegou á praia de Camelle e, os veciños, por non saber que se trataba de leite condensada, pintaron as casas con el. As moscas non tardaron en chegar. Ser crebeiro era todo un oficio naquela época e había xente que era quen de vivir diso. Hoxe en día, porque os naufraxios e a perde de carga por parte dos buques son menos e porque as persoas teñen outras ocupacións, xa non se vai ás crebas, e tampouco case nin se recorda. Dende o Galicia Confidencial coñecemos a historia de Tami Prieto, unha moza galega que segue aínda a día de hoxe indo ás crebas, aínda que para ela o que fai é limpar praias ou ir aos achados.

Tami Prieto, crebeira e artesá
Tami Prieto, crebeira e artesá | Fonte: Cedida @aura.noctis

"A miña traxectoria vital coas crebas vén de atrás", cóntanos, asegurando que é algo que "me vén de serie, porque o meu avó era mariñeiro e xa levaba a miña nai ás crebas de pequena para buscar nasas e restos de aparellos de pesca". Era algo que facían moitos mariñeiros da zona de donde é Tami: O Grove. A estensa praia da Lanzada, ao asomar a mar aberto, con fortes ventos durante o inverno, é o lugar perfecto para atopar restos de cousas que se perderon no mar. "Meu avó levaba á miña nai ás crebas e, despois, miña nai levábame a min, aínda que non era para nós un oficio como tal", lembra esta moza, que asegura que "limpar praias xa é costume na nosa casa". Dende moi pequeniña lembra que "enriba da cheminea tiñamos o pecio dun barco que poñía 'Singapore' cuns números, que a saber dende onde viña, e estaba feito en madeira con cores verdes e azuis moi bonitas". "Meus pais recollérano na praia e eu miraba para a cheminea e entrábame esa nostalxia de cando era pequeniña, o lume, as crebas... algo moi especial para min", confesa.

Cando era pequena Tami ía cos seus pais "unha semaniña ao ano, polo menos, cando tiñan tempo, a percorrer a costa galega nunha furgo, porque os meus pais eran moi hippies" e sempre atopaban cousiñas que traer para a casa. E iso xa nun tempo no que o oficio de crebeiro xa non existía, "eu non lembro ver a máis xente facendo o que faciamos nós, estabamos tolos", chancea. De feito, nin ela nin os seus pais eran sequera conscientes de que o que facían se chamaba 'andar ás crebas', xa que "nós chamábamoslle andar aos achados, o das crebas escoiteino dun tempo a esta parte, para nos eran achados porque era ir á praia a ver o que aparecía na beira do mar". Recorda que a primeira vez que escoitou o das crebas foi "dende o 'Prestige' para esta parte". "Eu son bastante reservada e non ando moito por Internet nin polas redes sociais, así que cando descubrín que tamén había xente que facía o mesmo ca min e que se chamaba crebeira ou 'beachconver' pareceume moi guai, xa non era eu a rara", conta Tami.

DA BARBA DUNHA ENORME BALEA A BOIAS DE CRISTAL QUE XA NON EXISTEN

Máis aló da madeira de Singapore, tamén lembra que "atopamos unha vez unha barba de balea enorme que tamén tiñamos alí colocadiña na cheminea", pero, sen dúbida, o que máis ledicia lle daba era "cando atopabamos boias de cristal, porque era moi complicado velas". Que son as boias de cristal? Como explica Tami, "houbo un tempo no que non se usaba o plástico para facer boias, senón o cristal, entón atopábanse redondeis de cristal verde e branco que ían atados cunhas cordas, xa non se usaban cando nós as atopabamos, de feito nin sequera na época de mariñeiro do meu avó se usaban, por iso era todo un achado: a saber canto tempo levaban no mar". E, a pesares de que leva toda a vida percorrendo as praias, Tami confésanos que "eu son máis de secano, máis de monte e de montaña, pero como vivo ao lado do mar cando o meu traballo me agota ou me estresa preciso tamén deses momentos de desconexión nos que tiro cara o que teño máis preto: a praia".

Traballo de Tami Prieto, crebeira e artesá
Traballo de Tami Prieto, crebeira e artesá | Fonte: Cedida @aura.noctis

Tami herdou da súa nai un taller de enmarcación e, dende o mesmo momento en que se puxo á fronte do mesmo, non o dubidou: "O paso lóxico para min, cando eu collín o negocio, era comercializar o traballo que levaba vendo toda a vida, as crebas, e tentar sacarlle o lado positivo, facer algo coas cousas tan bonitas que se atopaban nos areais". Bonitas na súa infancia, porque agora recoñece que "é unha mágoa como están as praias" de contaminadas. Asegura que "nos últimos anos empecei a ver praias que antes vía limpas cheas de plástico e de suciedade, agora xa non é ir a dar un paseíño e coller catro cousas, é ir de cando en vez e cada vez que vas sacar e sacar lixo, tendo a impresión de que nunca se acaba". Dende que ela era pequena e ía cos seus pais ata a actualidade afirma que "notei moito cambio, agora atopo moitísimo máis lixo, antes era moi raro".

"AGORA ATOPO MOITÍSIMO MÁIS LIXO NAS PRAIAS QUE CANDO ERA PEQUENA"

Cando era pequena, conta que "ao mellor percorrías a Lanzada enteira e atopabas unha botella de lixivia ou un envase de bronceador (que daquela non se chamaba nin protector solar, era bronceador de cenoria) ou artes de pesca bastantes, pero agora é unha burrada todo o que hai, é masiva a cantidade de plástico que hai". E asegura que, segundo a súa experiencia, os días seguintes a un temporal forte, "o lixo das praias multiplícase por dez". "A xente, sobre todo os turistas e aquelas persoas que non viven preto das praias, están moi acostumados a chegar ás praias no verán e velas limpas, é raro ver unha botella tirada, sobre todo nas praias que están habilitadas para o baño ou con bandeiras azuis, pero no inverno é cando se ve a realidade dos areais, porque o mar bota máis o que ten dentro cando hai temporais e porque as praias non se limpan", explica Tami, que pide á xente facer ese exercicio de reflexión: "Non me quero imaxinar se está así de sucia a superficie como estará o fondo".

Entre as pezas que crea atópanse uns barquiños feitos con azulexos, aos que ela chama 'sulejos', algo que chama moito a atención á xente porque sempre lle preguntan de onde os saca. Tami asegura que "das praias do propio Grove onde, ao igual que en moitas outras vilas mariñeiras, se lle comeu terreo ao mar facendo recheos para instalar paseos marítimos ou industria, e todo iso fíxose a base de botar escombros na praia e rechear os ocos". "A día de hoxe aínda seguen saíndo pezas de albanelería derivadas deses recheos, que viñan en camións que ían volcando escombros e escombros na praia ata encher o que fixera falta para facer un paseo marítimo, unha lonxa ou calquera dos servizos que temos hoxe en día en zonas que antigamente eran mar", apunta, lamentando que "todo ese residuo foi para algún lado, para o mar, e segue vindo ás costas, séguense atopando toneladas e toneladas de escombros que se tiraron fai anos". "O mar cóntanos unha historia e eu trato de reflexala nas miñas obras, poñendo un pedaciño do que eu levo dentro, baixo esa reflexión de que aínda que o mundo está mal podemos modificar o noso pequeno entorno", conclúe Tami.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta