Temas: FRASEOLOXíA

“Hai que limpar mentres vai/hai/fai aire”, unha de tantas paremias galegas equivalentes á castelá “la ocasión la pintan calva”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 14/01/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Disque aquelas situacións en que algo está de xeito tal, ou se pon de xeito tal, que se lle pode tirar algún tipo de rendemento ou beneficio non as hai que botar de perda, e si aproveitar.

Lixo sacado dos ríos galegos durante a limpeza de diferentes cauces dentro do Proxecto Ríos
Lixo sacado dos ríos galegos durante a limpeza de diferentes cauces dentro do Proxecto Ríos | Fonte: ADEGA

En castelán, para dar conta deste pensamento ou razoamento úsase adoito a paremia la ocasión la pintan calva.

Na nosa lingua dispomos tamén de fraseoloxismos abondos que espremen o mesmo concepto, como deseguido imos poder comprobar:

La ocasión la pintan calva (, y hay que cogerla por los pelos)

{= Paremia con que se expresa que hai que facer algo mentres se ten a oportunidade e ocasión favorables para facelo.}

Hai que limpar mentres vai/hai/fai aire

Hai que limpar cando vai/hai/fai vento

Hai que erguer cando vai/hai/fai aire

Hai que alzar cando vai/hai/fai vento

[E MAIS]:

Hai que erguer o trigo cando vai/hai/fai aire

Hai que varrer cando vai/hai/fai aire

Ex.: Si tus padres te dejan ir este verano al Reino Unido para perfeccionar tu inglés, ni te lo pienses, que la ocasión la pintan calva.

Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que hai que limpar mentres vai aire que hai que limpar cando hai vento que hai que erguer cando fai aire que hai que alzar cando vai aire.

● Incluso tamén, se cadra por mero calco do castelán:

A ocasión píntana calva

● Tamén:

Hay que aprovechar la ocasión # la oportunidad

Hai que axudarse da ocasión && Hai que valerse da ocasión && Hai que aproveitar a ocasión # a oportunidade # a emposta

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que se hai que axudar da ocasión que se hai que valer da ocasión que hai que aproveitar a ocasión que hai que aproveitar a emposta.

● Tamén:

Hay que asir/tomar/coger la ocasión por los pelos # por los cabellos # por la melena # por el copete

Hai que agarrar a ocasión polos pelos # polos cabelos && Hai que afanar a ocasión polos pelos

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que hai que agarrar a ocasión polos pelos que hai que agarrar a ocasión polos cabelos que hai que afanar a ocasión polos pelos.

● Tamén:

Hai que sopetear mentres hai prebe && Sopetea mentres hai prebe && Mentres o sol vai, o mar enche

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que hai que sopetear mentres hai prebe que sopetea mentres hai prebe que mentres o sol vai, o mar enche.

● Tamén, aplicables nos máis dos contextos e gardando moi estreita relación, en tanto que recomenda aproveitar a ocasión xusto cando se ten:

La ocasión no admite dilación

A ocasión chega, chama e foxe && A ocasión chega, chama e non espera && A ocasión non pasa andando, senón voando && Ocasión perdida non volve máis na vida

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que a ocasión chega, chama e foxe que a ocasión chega, chama e non espera que a ocasión non pasa andando, senón voando que ocasión perdida non volve máis na vida.

● Tamén, nesta mesma liña, e máis ou menos aplicables (mesmo coas pertinentes adaptacións) en función de cada contexto:

Ocasión y vergüenza tienen ida, pero no tienen vuelta

Cando che vén/veña a ocasión, non sexas babión # non sexas pasmón && Cando che vén/veña a ocasión, déixate de ser babión # déixate de ser pasmón

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que cando che vén a ocasión non podes ser babión que cando che veña a ocasión, non sexas pasmón.

● Tamén, aplicables basicamente en certos contextos en que a alguén lle ofrecen algo (contextos que poden cadrar en bastantes ocasións cos do fraseoloxismo castelán A caballo regalado no se le mira el bocado, que veremos no seu día), dándolle a entender que non deixe pasar esa oportunidade:

Cuando te dieren la oveja, toma la cuerda y ve por ella && Cuando te dieren la vaquilla, acude con la soguilla

Cando/Se che dan/deren/dean a ovella, colle a corda e vai por ela && Cando/Se che dan a ovella, pilla a corda e marcha por ela && Cando che dean a ovella, cóllea pola orella && Cando che dean a ovella, lévaa && Cando che dean a cabra, colle a corda e vai buscala && Cando che dean a ovelliña, agárraa/agarrala pola cordeliña && Cando/Se dan a ovella, cóllese a corda e vaise por ela && Cando/Se dan a ovella, colle a corda e vai por ela && Cando/Se che dan a ovella non te pares a coller a corda, senón marcha por ela && Cando/Se che dan a ovella, colle axiña a corda e vai por ela && Cando/Se che dan a ovella, colle a trela e lévaa && Cando/Se che dan o anelo, pon o dedo && Danche a ovella: colle a corda e vai por ela && Douche a ovella: colle a corda e vai por ela, e se non tes corda agárraa polas orellas && Cando/Se dan a ovella, deixar a corda e ir por ela && Cando/Se dan a ovella, collela, que se o que a dá recorda, non dá ovella nin dá corda && Cando/Se o cura che dá a ovella, colle a corda e vai por ela && Cando/Se o cura dá a ovella, coller a corda e ir por ela && Cando/Se o crego dá a ovella, colle a corda e vai por ela && Cando/Se o crego dá a ovella, colle a corda e vai por ela, porque se recorda, nin ovella nin corda && Cando/Se o cura dá a ovella, deixa a corda e vai por ela, porque mentres vas pola corda, o cura recorda && [E MAIS TAMÉN]: Mentres o demo vén e non vén, o seu dono perde o que ten

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que cando che deren a ovella, colle a corda e vai por ela que cando che dean a ovella, cóllea pola orella que (, como dicía o outro): “douche a ovella: colle a corda e vai por ela, e se non tes corda agárraa polas orellas” que se o cura che dá a ovella, colle a corda e vai por ela que cando o cura dá a ovella, deixa a corda e vai por ela, porque mentres vas pola corda, o cura recorda que mentres o demo vén e non vén, o seu dono perde o que ten.

● Mesmo tamén, en contextos, indicando, nesta mesma liña, que as cousas as hai que facer cando existe a oportunidade, xa que despois pode ser tarde (podendo en contextos confluír, neste sentido, con fraseoloxismos correspondentes ó castelán pasársele el arroz a alguien):

Ó meterse o sol é noite && Despois de que se mete o sol (logo) é noite

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que ó se meter o sol é noite que despois de que se mete o sol (logo) é noite.

● Inda tamén en certos contextos, facendo sobre todo fincapé en que hai que aproveitar para facer certas cousas cando un é mozo ou cando ten folgos e forzas:

Hai que roer o chocolate mentres un ten dentes

● Igualmente en contextos, dando a entender que hai que aproveitar cando a boa sorte está de cara:

Cando o santo está de cara, aproveitarse && Cando o santo se pon cara, non lle virar o cu

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que cando o santo está de cara, aprovéitate que cando o santo se pon de cara, non lle vires o cu.

● Tamén, seguindo unha senda semellante:

Cuando el bien pasa, mételo en tu casa && Cuando la ventura pase por tu puerta, encuéntrala abierta && [E MAIS]: Cuando te sople el viento, aprovéchalo

Cando o ben pasa, méteo na casa && [E MAIS]: Aproveita o vento á popa, que non cada día sopra

Ex.: Se teus pais che deixan ir este verán ó Reino Unido para perfeccionares o teu inglés, nin o penses, que cando o ben pasa, méteo na casa que aproveita o vento á popa, que non cada día sopra.

● Inda tamén, en contextos, e nesta mesma dirección:

A(l) hierro caliente, batir de repente && A(l) hierro, en caliente, porque en frío, trabajo perdío && Cuando el hierro está encendido, entonces ha de ser batido

A ferro quente, non parar de bater && A ferro quente, bater de repente && Mentres hai carballos, facer pitelos

● Incluso tamén, gardando relación, e aplicables basicamente a quen non limpou cando fixo aire, a quen non se soubo axudar da ocasión (mesmo con posibilidade de confluír contextualmente con fraseoloxismos do tipo pasou o día, pasou a romaría, cos cales se indica que xa pasou o momento propicio para facer ou conseguir algo):

Quen da ocasión non se soubo aproveitar non se ten de que queixar && Puxécheste detrás da silveira e pasouche a sementeira

NOTAS:

1. Obsérvese que os primeiros fraseoloxismos que aparecen para galego fan referencia á tradicional actividade aventar o gran, isto é, de botar o cereal ó aire para limpalo de impurezas (limpar/erguer/alzar cando vai aire ou vento).

2. É de remarcar que dentro de todos estes fraseoloxismos aparecen algunhas voces que non se recollen a día de hoxe na obra léxica de referencia (o DRAG), polo menos, que non se recollen co significado que presentan no dito fraseoloxismo, coma as seguintes:

Anelo: respéctase neste caso o dialectalismo para manter a rima asonante (anelo / dedo) da secuencia fraseolóxica.

Afanar: entendemos que no fraseoloxismo presenta un significado relacionado co recolleito por Marcial Valladares Núñez no seu Diccionario gallego-castellano (1884), que a seguir copiamos: «Sustraer, coger, á hurtadillas. Afanáronm'o pano d'a faltiqueira. Me sustrajeron el pañuelo que tenía en la faltriquera».

Sopetear: rexistrada no Dicionario de Dicionarios desde o século XIX.

Babión: recolleita tamén no Dicionario de Dicionarios.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía de Sebil, 3”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 199-210. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Couceiro, Xosé: “Expresións populares da nosa comarca”. En Cotaredo, Revista cultural e turística do Concello de Forcarei, VIII, 2005, páxs. 17-47.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Franco Grande, Xosé Luís: Manuel Leiras Pulpeiro. Obra Completa. Ed. Galaxia, 1970.

- Garrido Palacios, Manuel: Los 400 refranes recogidos en la aldea de Fonfría (Lugo)”. Tirado do url http://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/los-400-refranes-recogidos-en-la-aldea-de-fonfria-lugo/html/.

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- López Ferro, Xosé María: “Locucións, fórmulas e paremias do concello das Pontes de García Rodríguez”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 17, 2015, páxs. 135-178. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martínez [hoxe, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Pereira Ginet, Tomás: “Fiando paremias (I): glosario paremiolóxico multilingüe galego, portugués, castelán, francés, italiano e inglés”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 191-223. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Porto Rey, Francisco: Diccionario gallego-castellano, publicado en 1900. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración:

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Veiga Díaz, Maite: “Pequena contribución á fraseoloxía galega”. Cadernos de Lingua, 14, 1996, páxs. 85-100.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta