Temas: FRASEOLOXíA

“O barato tira os cartos do farrapo”, unha das varias paremias galegas equivalentes á castelá “lo barato sale caro”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 03/03/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Para expresarmos que moitas veces compensa mercar ou contratar, inda que en principio nos saia máis caro, un produto ou servizo de maior calidade ca outro ou outros que nos saen máis baratos pero que presentan unha menor perfección, xa que a longo prazo o máis probable é que nos resulte máis rendible a primeira das dúas opcións expostas, en castelán adóitase botar man da paremia lo barato sale caro.

Exterior dun escaparate con rebaixas. EUROPA PRESS - Arquivo
Exterior dun escaparate con rebaixas. EUROPA PRESS - Arquivo

En galego dispomos tamén de paremias que transmiten o mesmo concepto, como a seguir imos comprobar:

Lo barato sale caro

Lo barato es caro

{= Paremias con que se manifesta que compensa mercar ou contratar, inda que en principio nos saia máis caro, un produto ou servizo de maior calidade ca outro ou outros que nos saen máis baratos pero que presentan unha menor perfección, xa que a longo prazo o máis probable é que nos resulte máis rendible e que aforremos cartos.}

O barato sae caro

O barato é caro

O barato tira os cartos do farrapo

O barato é o que desata o farrapo

[E MAIS]:

As forras tiran coas casas

Ex.: No hace ni tres años que pusimos la calefacción y ya la tenemos que cambiar. Está claro que lo barato sale caro.

Nin tres anos hai que puxemos a calefacción e xa a temos que cambiar. Éche ben certo que o barato sae caro que o barato tira os cartos do farrapo que o barato é o que desata o farrapo que as forras tiran coas casas.

● Tamén:

Lo barato siempre cuesta caro # es caro # sale caro && [E MAIS]: Lo barato sale caro y lo caro sale barato

O barato sempre sae caro && Sempre o barato sae caro && Sempre o barato foi caro && O barato sae caro; o que é bo custa diñeiro && [E MAIS]: O que é bo custa barato, o que é barato sae caro && O caro é ás veces barato, e o barato adoita saír caro

● Tamén, nesta mesma liña:

Lo de balde es caro (, y lo caro a veces es barato) && Lo ruin y malo, de balde es caro

O barato, de balde, é caro && O barato, moitas veces de balde, é caro && O malo, de balde, é caro && O malo, de balde, é caro, e o mellor é máis barato && Moitas veces o dado, inda de balde, é caro && De balde é caro aquilo que sae malo

● E tamén, seguindo esta mesma orientación:

Lo bueno no es caro por cualquier dinero, y lo malo por poco dinero es caro

O bo nunca é caro, e éo sempre o malo && O bo non é caro

● E inda tamén, como paremia normalmente utilizada no sentido de aconsellar que se merquen cousas de maior prezo, pois en moitas ocasións a deficiente calidade do barato obriga a ter que mercar de novo:

Compra caro, que somos pobres

Ex.: Nin tres anos hai que puxemos a calefacción e xa a temos que cambiar. Éche ben certo: compra caro, que somos pobres.

NOTAS:

1. Tal e como apunta María do Rosario Soto Arias nas súas Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego, na paremia O barato é o que desata o farrapo, a voz farrapo emprégase no sentido de peto, de sitio onde se levan ou gardan os cartos. Enténdese que ese mesmo significado presenta en O barato tira os cartos do farrapo.

2. Nótese que en As forras tiran coas casas, o substantivo forras é un derivado do verbo forrar, variante de aforrar.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero, Salvador et alii: “Botando unhas liñas no mar do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 19, 2017, páxs. 127-150. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús & Surribas Díaz, Noelia: “Locucións, fórmulas e paremias galegas anotadas por Couceiro Freijomil (1888-1955)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 319-355. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aínda novos escritos paremiolóxicos de Vázquez Saco”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 247-293. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María do Rosario: Achegas a un dicionario de refráns galego-castelán, castelán-galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 3, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta