Por que precisa mozos o rural galego? "A filla dunha veciña díxonos que se non fose por nós tería que levar á súa nai á cidade"

Sandra e Jose son dous mozos de 29 anos que sempre soñaron con irse vivir ao campo. Dende que eles chegaron a unha pequeniña aldea de San Sadurniño de 8 veciños, a maioría deles anciáns que viven sós, volveu a vida: "Fixemos unha cabalgata cun tractor vello e tiramos caramelos aos 8 veciños".

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 27/04/2024 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

O noso rural atópase en horas baixas. Se fose un enfermo estaría na UCI. Cada vez é menos a xente que se decide a vivir fóra das cidades e, os que nacen no campo, rematan por mudarse ás urbes. A realidade do rural galego é triste: aldeas enteiras abandonadas que non teñen quen mire para elas, pequenos núcleos poboacionais onde a maioría dos veciños son xa anciáns e pobos nos que o último neno que naceu xa nin se lembra. Nun momento no que os mozos non queren nin escoitar falar de volver á aldea, o Galicia Confidencial fala con Sandra, unha rapaza de cidade de 29 anos que, xunta á súa parella, sempre tiveron o soño de vivir no campo e, a partir da pandemia, fixérono realidade.

Sandra e Jose na súa granxa
Sandra e Jose na súa granxa | Fonte: Cedida

'Sodes moi novos para irvos ao rural', 'no campo non hai oportunidades', 'que ides facer alí?', son algúns dos comentarios que tiveron que recibir por parte do seu propio entorno, que non entendía que, vivindo na cidade, quixesen irse ao rural, cando na maioría dos casos acontece ao contrario. "Eu estudei dereito, coñecín ao meu marido no instituto e os dous sempre tivemos o soño de vir vivir ao campo, pero el traballa nun barco e saía a miúdo a navegar e eu funme a Salamanca a estudar", cóntanos Sandra, que asegura que mesmo neses tempos "sempre estabamos imaxinando que algún día o lograríamos". Xa coa carreira rematada e traballando, chegou a pandemia. "Estabamos nun piso e resulta que a casa da súa avoa da aldea quedou baleira, así que nos dixemos: por que non nos imos probar?". E dito e feito.

Dende ese momento atópanse vivindo nunha pequena aldea do concello de San Sadurniño, con só 8 veciños. "O noso núcleo de veciños é unha barbaridade, somos 8 persoas", chancea Sandra. Lamenta que entre eses veciños non hai xente moza. "Son xente maior que, na súa maioría, vive soa, porque a xente nova da familia vive na cidade", explica, engadindo que, aínda que non é unha decisión que lles agrade, "moitos vense obrigados a irse á cidade con esa familia para ser atendidos". A xente que leva toda a vida vivindo no campo, metela na cidade, suponlles un cambio de 180 grados para a súa vida, e non sempre o levan ben. É xente acostumada a saír falar cos veciños, estar pola aldea, cos seus animais, coas súas plantacións...

"NO RURAL HAI OPORTUNIDADES, PERO ÁS VECES NON NOS DAMOS CONTA"

Neste senso, Sandra e Jose chegaron a esta pequeniña comunidade para ser un revulsivo, para dar alegría a estes maiores e para axitar unha aldea antes durmida. De feito, Sandra conta que "a filla dunha veciña nosa, que vive na cidade, díxonos que se non fora porque nós vimos vivir ao lado tería que levarse á súa nai para a cidade con ela". Alo menos, "con nós ten esa tranquilidade de que se lle pasa algo podemos atendela e chamala". Os seus veciños sempre lles din que "dende que chegamos nós, chegou o ruído, e iso é verdade", asegura Sandra, que se atopa encantada "co sentimento de comunidade que hai, de estar na casa e que en calquera momento chegue o do lado". 

Sandra
Sandra | Fonte: Instagram @nosa_granxa

Ademais, ao tratarse de xente maior, "pasa moito tempo soa, e os invernos son moi longos", así que esta parella de mozos inventa xeitos de dárlle vida á aldea: "Por exemplo, preparamos un Magosto para todos os veciños e fixemos unha cabalgata cun tractor vello que tiña un señor de aquí e lanzamos caramelos aos oito veciños que somos". O que para outros podería ser unha molestia, para Sandra nada máis lonxe, pois confesa que tanto ela como a súa parella "somos así de argalleiros" e "encántanos ver as súas caras, agradéceno moito". "Somos moi pouquiños veciños e hai que levarse ben", conclúe.

E que foi diso de que no campo non hai oportunidades? Tivéronas Sandra e Jose? Pois Sandra cre que "aínda segue habendo un pensamento bastante antigo de que por vivir no campo tes que vivir e adicarte ao campo, pero non é así, nós temos coche e vamos a Ferrol todos os días a traballar, podemos movernos para calquera punto, hoxe en día xa non estás tan limitado como antes". Ademais, comentarios do tipo 'se vives no campo vas pasar fame', considera que tampouco teñen sentido, porque "eu á cidade podo ir todos os días, hai autobuses, coches e de todo". Por outra banda, asegura que o rural "tamén é unha fonte de moitas oportunidades laborais", no seu caso non, porque xa teletraballa, pero "teño unha amiga que é enfermeira itinerante e que vén todas as semanas a ver aos señores". "Aquí hai oportunidades tamén, pero hai que saber velas, ás veces non nos damos conta", considera.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta