Todo sobre o pilates, a disciplina de moda nas redes sociais: Cales son os seus beneficios?

Moita xente confunde esta disciplina co ioga, pero son cousas ben distintas.

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 09/05/2024 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

Se hai unha disciplina que triunfa na actualidade e máis concretamente nas redes sociais, é o pilates. O método pilates, ou coñecido como pilates sen máis, é un sistema de adestramento físico e mental creado a principios do século XX por Joseph Hubertus Pilates. Pero, por que está tan de moda? Que beneficios ten? Silvina Giménez, directora da Federación Galega de Pilates, ten as respostas. Define esta disciplina como a unión "de corpo e mente" e fai referencia á costume de ver nun ximnasio á xente nas máquinas cos cascos postos ou "correndo na cinta mentres ve unha serie". Neste sentido sinala, como unha das grandes vantaxes do pilates, o exercicio consciente de conectar co corpo, a través da respiración para o que hai que estar concentrados. 

Pilates
Pilates | Fonte: Cedida Silvana Giménez

Existe a crenza ou falso mito de que o pilates é algo similar ao ioga "porque a xente aprecia que comparten posturas, así como a importancia da respiración para traer ao momento presente". Porén, segundo explica Silvina, o pilates non é tan espiritual, senón máis ben racional e o ioga é unha disciplina milenaria, mentres que o pilates, que hoxe está tan á orde do día, "non ten máis de 100 anos. Trabállase moito a musculatura interna das costas, "que non se ve como un bíceps", de maneira estabilizadora, non en repiticións como tal. "Son músculos que nos axudan a estar dereitos e xeran unha parade para suxeitar os nosos órganos internos e a nosa columna", expón. 

QUE HAI QUE TER EN CONTA Á HORA DE COMEZAR A FACER PILATES?

Antes de comezar a facer calquera tipo de exercicio por primeira vez, a experta manifesta a importancia de ter claro "que non todo vale nin para todos os corpos nin para todas as idades ou circunstancias". Precisamente, unha das cousas boas do pilates, e unha razón do seu auxe na rede, é a posibilidade de facelo online e ao ritmo que cada persoa determine. Para ver resultados cal sería a frecuencia idónea? "Pilates dicía que temos que coller a táboa dos 34 exercicios básicos, a táboa nai, deses coller 15 ou 20 e facer unha secuencia curtiña durante uns 15 minutos como unhas tres veces por semana", conta. 

No caso de acudir a clases é importante que os grupos sexan reducidos, "idóneo entre catro e seis persoas e non máis de oito" para garantir a supervisión. Neste sentido, Silvina expón: "Con 18 persoas na clase non pode ser pilates porque non está controlado e non teñen o mesmo nivel físico nin poden seguir o mesmo ritmo. Moitas veces non se fai pilates senón algo máis sinxelo centrado na respiración e estiramentos, máis como o ioga. Isto débese á falta de control ante tanta xente e á necesidade de evitar lesións ou ter máis seguridade baixando moito o nivel". 

Unha clase de pilates
Unha clase de pilates | Fonte: Cedida Silvana Giménez

Iso si, á hora de comezar a facer pilates, un pode escoller entre un gran abano de modalidades. A experta enumera: "Estaría o pilates estudio, que dentro do mesmo hai as máquinas que deseñou o propio Pilates que son o reformer, cadillac, silla, ou barril; logo temos hoxe en día o pilates solo con accesorios; pilates barre, que usa a barra de ballet e incorpora movementos derivados deste baile; o pilates aéreo; o ioga látex...". O traballo en máquinas é moi completo e diferente ao de pilates solo, o traballo en reformer "tonifica moitísimo máis", o solo "non se basea tanto na tonificación senón na musculatura interna do noso corpo e a recolocación". 

A directora da Federación Galega de Pilates cita de novo ao redor da disciplina para explicar a conexión que se crea entre corpo e mente: "Dicía que un dos problemas da sociedade actual, a pesar de ter máis de 100 anos xa as súas ensinanzas, que estamos moi desconectados do noso corpo porque só empregamos o corpo para traballar, levarnos dun sitio a outro e a forma de sanar é volver a vida, a través da 'controloxía', como denominaba o seu método, que non baixo a denominación de pilates".   

MITOS AO REDOR DO PILATES

Indagando máis sobre esta disciplina tamén hai que ter claro para que serve. Nesta liña, "o pilates non che fai adelgazar", xa que iso dependerá "do que coma a persoa e da cantidade de horas que faga o adestramento".  Destaca unha gran verdade: "O pilates traballa os músculos de maneira excéntrica". Así, o que fai cos músculos "é alongalos e básicamente ao ter o músculo máis longo, é máis bonito, se está máis longo, está máis estreito e vese unha figura máis delgada". Desta maneira, o corpo é como si se estirase, "vese máis esvelto, cambia un pouco a forma, a morfoloxía do corpo". 

Cales serían entón os beneficios de facer pilates? Silvina ten claro que en primeira instancia sería a flexibilidade: "Teño alumnas que non podían poñer os calcetíns soas, logo de vir a clase un mes son capaces, é unha cousa que semella a tontería máis grande cando un é mozo ou ten saúde, pero cando un sufriu unha lesión ou ten algunha patoloxía, poder vestirse só é incrible. Iso é calidade de vida".

Despois, outro beneficio sería estar como máis activo, menos cansado e con máis ganas; outro sería a conexión corpo-mente, que é fundamental "porque ao estar separados do corpo estamos como disociados e non podemos facer nada na nosa vida así, temos que unirnos e non hai mellor forma ca co exercicio, sexa pilates ou outro"; cita que "Pilates dicía que temos a idade da nosa columna vertebral", así que manter unha columna vertebral sá nos rexuvenece; o aspecto estético "tamén é importante, xa que modifica o noso corpo"; e por último destaca: "a sensación desas endorfinas ou pracer de ter conseguido ou non, de telo feito e ter eses pequenos logros de cada clase, o desafío de cada exercicio e ir subindo de nivel, creo que son pequenas batallas que un gaña". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta