Peñas e colectivos de siareiros de todas as cores reclamarán o 31 de maio unha selección galega oficial

Farano cunha manifestación en Vigo coincidindo co partido ante Panamá anunciado pola Federación Galega de Fútbol.

Por Galicia Confidencial | VIGO | 12/05/2024 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

Baixo o lema 'Unha nación, unha selección' máis de 55 peñas e colectivos de siareiros de equipos de todo o país reclamarán a oficialidade das seleccións galegas o vindeiro día 31 de maio, coincidindo co partido ante Panamá anunciado pola Federación Galega de Fútbol. A manifestación será en Vigo e partirá ás 18.30 dende Praza América transcorrendo pola Avenida de Fragoso até chegar a explanada do Estadio de Balaídos, lugar onde concluirá o acto.

Anuncio manifestación por unha selección galega oficial
Anuncio manifestación por unha selección galega oficial | Fonte: Bancadas pola Oficialidade

As peñas e colectivos convocantes, deixando de lado as rivalidades e as cores, farán un chamamento a tódolos siareiros a que acudan a apoiar a nosa selección nacional e que o día 31 de maio se converta nunha xornada de festa, reivindicación e convivencia. Días atrás xa elaboraron un comunicado no que amosaban unha posición crítica sobre o anuncio da Federación Galega de Fútbol.

O comunicado creado polo colectivo Bancadas pola Oficialidade lembraba que "levamos 8 anos sen vivir un partido da selección galega dende aquel empate fronte a Venezuela en Riazor", polo que "xordennos moitas dúbidas con respecto ao anuncio da Federación Galega: é un partido que pretende dar pasos cara a oficialidade?". Lamentan que "aos gobernantes actuais non lles importa o máis mínimo a posibilidade de que Galicia conte cunha selección oficial".

Pola contra, os colectivos convocantes consideran que "Galicia é unha nación e ten dereito a contar cunhas seleccións propias e oficiais, que representen a súa identidade e o seu sentimento". Tamén lamentan que "non hai propostas claras por parte da Federación Galega ou do Goberno da Xunta para traballar a prol da oficialidade".

Anuncio manifestación por unha selección galega oficial
Anuncio manifestación por unha selección galega oficial | Fonte: Bancadas pola Oficialidade
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta