O helicóptero do 061 con base en Santiago está inoperativo tres horas diarias

A Xunta de persoal do 061 denuncia que a empresa Eliance "xa comete o primeiro incumprimento".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2024 | Actualizada ás 19:05

Comparte esta noticia

A xunta de persoal do 061 de Galicia denuncia que desde este venres e ata o 21 de maio o helicóptero con base en Santiago estará inoperativo a partir das 18.48 horas, a pesar de estar contratado ata as 21,48 horas, segundo informou aos traballadores da base compostelá a dirección do 061.

Así, persoal do servizo sanitario asegura que a menos de tres semanas de empezar o novo contrato, a empresa Eliance "xa comete o primeiro incumprimento" do mesmo, que "di claramente que os dous aparellos que pon a disposición da Xunta terán que estar operativos todos os días do ano desde que sae o sol ata o ocaso".

Ademais do incumprimento, apunta que esta situación de inoperatividade de tres horas provoca "un grave dano para a poboación, en plena ponte das Letras Galegas, con multitude de desprazamentos e gran afluencia de turistas, que non permitirá contar co helicóptero emerxencias de Santiago precisamente na franxa horaria con máis servizos deixando só dispoñible un helicóptero para toda a comunidade galega, con sede en Ourense", que por tempo, asegura, "non é operativo para a zona de costa e norte de Galicia".

Tal e como traslada a xunta de persoal, esta é a "enésima vez" que a compañía incumpre parte dos pregos de condicións, "a pesar das numerosas sancións que se lle aplican". "É evidente que lle resulta máis económico afrontar ditas sancións que cumprir o contrato. Hai só un mes (o 15 de abril) xa estivo o aparello inoperativo por un mantemento durante 5 días, sen que se puxese o helicóptero de reserva como indica tamén o prego de condicións", asevera.

Foto de arquivo do helicóptero do 061
Foto de arquivo do helicóptero do 061 | Fonte: @HELICOSANTIAGO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta