Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/01/2024 | Actualizada ás 11:50
As sete cidades gañaron afiliados á Seguridade Social en novembro de 2023 en comparación co mesmo mes de 2022, segundo os datos que publica o Instituto Galego de Estatística (IGE) por municipios este luns. Entre as sete cidades, Santiago de Compostela está á cabeza en crecemento (3,4%), cun total de 40.195 afiliados. Séguelle a alza do 3,2% da Coruña, con 93.542. Aumenta un 3,1% en Lugo, con 38.200.
Por baixo do 3% están o resto: Ourense (2,2%), con 37.094 persoas de alta; Pontevedra (2%), con 30.102; Vigo (1,7%), con 111.197. Á cola atópase o 0,7% de Ferrol, con 18.723. Na comparativa entre novembro e outubro, a única cifra negativa rexístrase en Compostela (-0,1%). Todos son lixeiros aumentos por baixo do 0,5%, aínda que Pontevedra non rexistra variación (0%).
En novembro de 2023, había 1.061.546 afiliacións á Seguridade Social en Galicia, un 1,7% máis que un ano antes, así como cifra case idéntica a outubro de 2023.
SECTORES
Como é habitual, os municipios con maior porcentaxe de traballadores no sector primario concéntranse no interior de Lugo, nas comarcas coruñesas de Xallas, Terra de Melide e Arzúa, así como a pontevedresa do Deza. O sur da provincia de Pontevedra é unha das zonas con maior peso da industria. Varios municipios da Costa da Morte e do sur de Ourense sobresaen en construción. Destacan Santiago e A Coruña en sector servizos.
O 5,2% dos afiliados teñen nacionalidade estranxeira. A maioría concéntrase nas cidades, pero destacan algúns municipios próximos a Portugal, a comarca de Valdeorras e a Mariña lucense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.