Temas: FRASEOLOXíA

“¡Vaite (, ho)!”, unha das varias secuencias fraseolóxicas que se virían a corresponder á castelá “¡anda ya!”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 25/02/2024 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Seguindo a percorrer a liña conceptual e contextual abranguida nos dous últimos artigos, imos nesta ocasión reflectir secuencias expresivas galegas que se virían a corresponden coa castelá ¡anda ya!, e que non poucas veces –como xa temos comentado nos ditos artigos– poden compartir espazos de uso cos fraseoloxismos que aparecen neles.

Hermanager Humor - Adeus máscara
Hermanager Humor - Adeus máscara

¡Anda ya!

{= Fórmula expresiva, normalmente interxectiva, con que se lle manifesta ó receptor da mesma incredulidade ou sorpresa, ou mesmo rexeitamento ou desdén, ante o que este acaba de dicir.}

¡Vaite (, ho)!

¡Quita (, ho)!

¡Saca (, ho)!

¡Anda (, ho)!

¡Vai (, ho)!

¡Vai de aí (, ho)!

¡Quita de aí (, ho)!

¡Saca de aí (, ho)!

¡Bota de aí (, ho)!

¡Bota para alá (, ho)!

¡Tira de aí (, ho)!

¡Tira para alá (, ho)!

¡Ca!

[E MAIS]:

¡Non ha (, ho)!

¡Non hai (, ho)!

¡Bueno (, ho)!

Ex.: —Con esos comentarios lo que está haciendo es burlarse de todos los franceses. —¡Anda ya, tío! ¡¿Pero qué coño dices?! ¡¿Estás fumado o es que no das más de ti?

—Con eses comentarios o que está a facer é burlarse de todos os franceses. —¡Vaite, ho Quita, ho Saca, ho Vai de aí, ho Quita de aí, ho Tira de aí, ho Tira para alá, ho Ca, tío Non ha, ho Bueno, ho! ¡¿Pero ti que carallo dis? ¡¿Estás fumado ou é que non dás máis de ti?!

Ex.: —Tengo a todos los chicos del instituto que beben los vientos por mí. —¡Anda ya, tía, no te tires de la moto!

—Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —¡Vaite, ho Quita, ho Saca, ho Vai de aí, ho Quita de aí, ho Tira de aí, ho Tira para alá, ho Ca, tía Non ha, ho Bueno, ho, non te botes/tires polas pozas!

● E tamén:

¡¿(Pero) Qué dices?!

¡¿O que, ho?! && ¡¿(Pero) Que dis (, ho)?! && [E MAIS TAMÉN, PROBABLEMENTE ASOCIADA A UNHA MAIOR CARGA COLOQUIAL]: ¡To, demo, to!

Ex.: —Con esos comentarios lo que está haciendo es burlarse de todos los franceses. —¡¿Pero qué dices?! ¡¿Estás fumado o es que no das más de ti?

—Con eses comentarios o que está a facer é burlarse de todos os franceses. —¡¿O que, ho?! ¡¿Pero que dis, ho?! ¡To, demo, to! ¡¿Estás fumado ou é que non dás máis de ti?!

Ex.: —Tengo a todos los chicos del instituto que beben los vientos por mí. —¡¿Pero qué dices, tía?! ¡No te tires de la moto!

—Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —¡¿O que, ho?! ¡¿Pero que dis, ho?! ¡To, demo, to! ¡Non te botes/tires polas pozas!

● E inda tamén, máis ou menos axeitadas en función de cada contexto:

¡¿Qué va?!

¡Dodemo (, ho)! && [E MAIS, INDICANDO BASICAMENTE REXEITAMENTO E/OU NEGACIÓN ANTE O QUE SE ACABA DE DICIR]: ¡Que ir + verbo principal da pregunta (+ complementos do verbo [, ho])! && ¡Non tal (, ho)! && ¡Canté (, ho)!

Ex.: —Con esos comentarios lo que está haciendo es burlarse de todos los franceses. —¡Qué va, tío! ¡¿Pero qué coño dices?! ¡¿Estás fumado o es que no das más de ti?

—Con eses comentarios o que está a facer é burlarse de todos os franceses. —¡Dodemo, llou! ¡Que se vai burlar, llou! ¡Non tal, llou! ¡Canté, llou! ¡¿Pero ti que carallo dis?! ¡¿Estás fumado ou é que non dás máis de ti?!

● E inda, en función dos contextos, e indicando así mesmo rexeitamento ou negación ante o que se acaba de dicir:

¡De eso nada!

¡Era boa (, ho)! && ¡Estás ben libre (, ho))! && ¡Diso nada!

Ex.: —Tengo a todos los chicos del instituto que beben los vientos por mí. —¡De eso nada, tía! ¡No te tires de la moto!

—Teño todos os rapaces do instituto que botan os ollos por min. —¡Era boa! ¡Estás ben libre, muller! ¡Diso nada, tía! ¡Non te botes/tires polas pozas!

NOTAS:

1. Con respecto á expresión ¡non ha (, ho)!, lembremos que a 3ª persoa singular do presente de indicativo do verbo haber tanto pode ser ha coma hai, como podedes comprobar premendo no rectángulo “Conxugar” desta entrada no DRAG.

2. A voz dodemo, cada día menos empregada, pronúnciase co primeiro “o” aberto.

3. En relación coa secuencia expresiva ¡bueno (, ho)!, cómpre dicir que malia que a voz bueno non se recolle na normativa (e tal e como en parte xa está explicado no artigo “cada moucho ó seu souto”, equivalente, entre outras, ó castelán “cada mochuelo a su olivo”), nesta sección estámola a integrar con total normalidade como compoñente do noso corpus lingüístico tanto naquelas ocorrencias en que funciona como elemento expresivo interxectivo –o do presente artigo, por exemplo– coma naqueloutras en que funciona como ilativo ou de apoio de discurso, xa que entendemos que en ambas as dúas situacións constitúen casos (casos non léxicos) que forman parte, xa de xeito natural, do idiolecto de practicamente todos os galegofalantes.

4. Polo que atangue á interxección ¡canté! (pronunciada con “e” aberto), podemos dicir, sen case temor a nos equivocarmos, que vai camiño de se converter nun vestixio ou residuo lingüístico inda máis á présa ca dodemo, dado que hoxe en día parece que xa practicamente non se lle escoita a case ninguén, bardante de a algunhas persoas de idade xa máis ben avanzada.

Trátase dunha voz que se recolle tanto no DRAG coma no Dicionario de dicionarios ou no Tesouro informatizado da lingua galega, e cuxo significado non é nada doado de delimitar (tal e como dicía Martín Sarmiento, «se aplica a mil asuntos. Afirman con él, niegan, admiran, se mofan, etc.»).

Non obstante, e dado que se trata dunha forma expresiva coa que –malia que os da miña xeración xa non a usamos, pois era algo que adoitabamos identificar coa fala dos máis vellos– medrei e convivín, e que de cando en vez inda hoxe en día escoito, vou tratar de resumir un pouco os “significados” e contextos nos cales na miña terra (zona de Santa Uxía de Ribeira, e máis concretamente Carreira e Aguiño) se aplica:

a) Como sinónimo de ¡oxalá! (interxección):

Ex. (1): —A ver se nos toca unha primitiva. —¡Oxalá! ¡Canté!

Ex. (2):: —A ver se Manolo casa dunha puta dunha vez. —¡Oxalá, que ben ganas que teño de ir a unha voda! ¡Canté, que ben ganas que teño de ir a unha voda!

Nótese que nalgúns contextos tamén podería ocupar os mesmos espazos de uso có castelán No le (me, te…) caerá esa breva. Ex.:

Ex.: A ver si se marcha este pesado de una vez. —¡No nos caerá esa breva!

A ver se marcha este pesado dunha vez. —¡Canté!

b) Como correspondente á secuencia castelá ¡solo faltaría! (ou ás galegas madía leva [=madia leva], lástima (que) fora ou poucas as grazas, entre outras) cando indica que alguén non está a facer ningún favor porque si, ou que non está a facer nada de máis, senón que o que fai é o que se considera normal ou natural, sobre todo como correspondencia a un favor que tamén lle fixeron ou a unha determinada actitude que se tivo con el. Ex.:

Ex.: Así que esa empresa te hace un precio especial en todos sus productos. —¡Hombre, con todo el gasto que le hago, solo faltaría!

Así que esa empresa faiche un prezo especial en todos os seus produtos. —¡Home, con todo o gasto que lle fago, canté!

c) Como equivalente de ¡era boa!, ¡diso nada!, ¡estás ben libre!, ou mesmo en certos casos para ocupar contextos do castelán ¡qué va! Ex.:

Ex.: —¿Vasme deixar os trescentos euros ou non? —¡Canté, meu home! Vaillos pedir a outro.

d) Tamén se pode empregar como sinónimo de oxalá/oxalá que nun enunciado en que esta secuencia é comezo da expresión dun desexo, sempre coa fórmula canté que (nunca canté, sen máis) e estando normalmente o verbo principal en pretérito imperfecto de subxuntivo:

Ex.: —Oxalá me tocase/tocara a primitiva, que lle ía dicir unhas cantas cousas ó xefe. —Canté que me tocase/tocara a primitiva, que lle ía dicir unhas cantas cousas ó xefe.

Ex.: —Oxalá que empezasen/empezaran mañá as vacacións, que boa falta me farían. —Canté que empezasen/empezaran mañá as vacacións, que boa falta me farían.

É posible que tradicionalmente se empregase en máis contextos, pero aquí só podemos dar fe daqueles dos que temos constancia.

5. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega. Versión en liña.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta