Temas: FRASEOLOXíA

“Cada moucho ó seu souto”, equivalente, entre outras varias, ó castelán “cada mochuelo a su olivo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 12/05/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas ocasións en que lle queremos dicir a un grupo de persoas que xa é hora de se recolleren ou de se retiraren do lugar no que se atopan, e que xa é tempo de que cadaquén vaia para o sitio ou lugar que lle corresponde –que en moitas ocasións pode ser o seu propio domicilio– a facer o que se supón que ten que facer ou a desempeñar os seus labores ou tarefas, é probable que a paremia que máis escoitemos sexa, enunciada xa ó dereito en castelán, a de cada mochuelo a su olivo. Pero, como acontece tantas outras veces, en galego temos tamén as nosas propias paremias para dar conta dese mesmo contido, como imos ver a seguir:

A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus)
A escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus) | Fonte: Salvemos Cabana.

Cada mochuelo a su olivo

{= Paremia con que se lle indica a un grupo de persoas que xa é hora de se recolleren ou de se retiraren do lugar en que se atopan, ou que xa é tempo de que cadaquén vaia para o sitio ou lugar que lle corresponde –que en moitas ocasións pode ser o propio domicilio– a facer o que se supón que ten que facer ou a desempeñar os seus labores ou tarefas.}

Cada moucho ó seu souto # para o seu souto

Cada rato ó seu burato # para o seu burato

Cada moucho arrime ó seu souto

Cada moucho ó seu souto e cada rato ó seu burato

Cada moucho para o seu souto e cada rato para o seu burato

[E mais tamén]:

Cada ovella á súa cortella && Cada ovella ó seu curral

Ex.: [Nun contexto dunha festa de noite:] Bueno, gente, aquí ya hemos estado, así que cada mochuelo a su olivo, que mañana es día de curro.

Bueno, xente, aquí xa estivemos, así que cada moucho ó seu soutocada rato ó seu buratocada moucho arrime ó seu soutocada ovella á súa cortellacada ovella ó seu curral, que mañá préndese.

● Tamén:

Cada moucho ó seu portelo && Cada moucho para o seu corroucho # para o seu soucho && Cada crouco no seu souto && Cada can ó seu palleiro # no seu palleiro && Cada coello ó seu tobo && Cada galo ó seu galiñeiro && Cada pola ó seu poleiro && Cada ovella ó seu fato

● Inda tamén, nesta mesma liña (e podendo indicar, asemade, que cada persoa ou cousa onde ten que estar é no lugar que lle corresponde):

Pallas ó palleiro, galiñas ó galiñeiro && Pallas ó palleiro, vellas ó fiadeiro && Cada galo no seu galiñeiro e cada pola no seu poleiro && [E MESMO, REFLECTINDO NESTE CASO CONCEPCIÓNS TRADICIONAIS DO PAPEL DA MULLER NA CASA]: As pallas á palleira e as donas á lareira && As pallas no palleiro e as mulleres no trasfogueiro

NOTAS:

1. Polo que atangue á voz bueno do exemplo, non considerada normativamente, quixera aclarar que o criterios que se vai adoptar ó longo destes artigos é o de asumila como integrante do noso acervo ou corpus lingüístico naqueles casos en que funciona como elemento ilativo ou de apoio do discurso (non así, por suposto, cando se usa en función adxectiva ou nominal como voz equivalente ó noso bo), na medida en que forma parte, xa de xeito natural, do idiolecto de practicamente todos os galegofalantes de seu.

Dun xeito relacionado, é posible que tamén que se teña observado nalgunha das entregas anteriores o uso, totalmente consciente, da locución sen embargo, que deixou de ser tida normativamente en conta (cando menos dun xeito explícito) a partir das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 2003.

E aproveitando que o Lérez pasa por Pontevedra, e nunha liña semellante, entendo que tamén se debería estudar a posibilidade de que formasen parte do galego normativo certas voces (algunhas delas bastante estendidas) de evidente orixe ou influencia castelá que pasaron a ser empregadas en galego dun xeito propio e distintivo diferente ó do castelán, e que a día de hoxe non se recollen na norma precisamente por esa peculiaridade. Referímonos a palabras como, por exemplo, e entre outras, perrera (correspondente ó flequillo do castelán, e que na norma se recolle como floco –acepción 4 do DRAG–), achuela (exactamente equivalente ó que de xeito normativo se designa como desaparafusador) ou cachondo (non no sentido de cacheiro [=“excitado sexualmente”], explicitamente rexeitado no DRAG; nin no de, tomando a acepción do DRAE, “burlón, divertido, bromista”, para o cal en galego dispomos de voces coma o propio bromista ou algareiro, algareón, carallán, pándego ou refaixeiro, entre outras), senón no de “sexualmente atractivo” (p. ex.: O mestre novo estache ben cachondo). A nosa opinión é que, sendo como é un fenómeno común o do estranxeirismo en todas as linguas, non debería resultar en principio desatinado aceptar voces de orixe estranxeira naqueles casos en que estas pasan a ter singularidade propia, distinta da orixinal, na lingua de importación (isto é, en que se conforman con substantividade de seu nela, na medida en que se erixen como creacións únicas, particulares e específicas da dita lingua).

2. En relación con certas voces que aparecen nalgunhas das paremias reflectidas e que non se rexistran no DRAG, sinalaremos o seguinte:

- Corroucho e soucho: recolleitas nas paremias cada moucho para o seu corroucho e mais cada moucho para o seu soucho (ambas tiradas do Refraneiro Galego de Xesús Taboada Chivite, publicado en Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2), supomos que son variantes deturpadas doutras voces.

- Cortella: vén a ser basicamente unha variante de cortello, vocábulo este que definiremos no seguinte punto.

- Crouco: o máis probable é que na paremia reflectida estea a denotar unha castaña pequena ou unha castaña sen froito.

- Prender: forma verbal que aparece no exemplo e que indica, aplicada a un día, que ese día é de traballo (verémolo máis polo miúdo cando abordemos expresións galegas equivalentes á castelá día de curro).

3. Velaquí a seguir un pequeno recordatorio de léxico presente neste artigo que se cadra resulta descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (de tirarmos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Souto (DRAG): substantivo masculino Terreo poboado de castiñeiros. Fomos ao souto por castañas. Sinón.: castañal, castiñeira. [CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN *CASTAÑAR.]

Moucho (DRAG): substantivo masculino (Athene noctua) Ave rapaz nocturna da familia dos estríxidos, de cor parda con pintas brancas nas partes superiores, abrancazada con riscos verticais castaños nas inferiores e ollos amarelos e grandes. Nalgúns lugares, o moucho é un paxaro de mal agoiro. Confróntese: bufo. ►FORMA MENOS RECOMENDABLE: noucho. [CORRESPÓNDESE CO CASTELÁN *MOCHUELO.]

Cortello (DRAG): substantivo masculino 1. Corte pequena, especialmente a dos porcos e xatos. Porcos ao cortello. Sinóns.: cubil, porqueira. Confróntese: cocho. 2. figurado Lugar sucio e desordenado. Tiña o cuarto feito un cortello. [NESTA ACEPCIÓN PÓDESE CORRESPONDER BASICAMENTE CO CASTELÁN *CUCHITRIL.]

Portelo (DRAG): substantivo masculino 1. Portela. As ovellas pasaban dunha leira a outra por un portelo. Pecha o portelo para que non saian as ovellas. 2. Pequena abertura por onde se atende ao público, en oficinas ou en despachos de billetes. Acercouse ao portelo a preguntar a que hora saía o tren. [NESTA ACEPCIÓN CADRA COA ACEPCIÓN EQUIVALENTE DA VOZ CASTELÁ *VENTANILLA.] 3. Oficina en que se venden e reservan billetes para transporte ou entradas para funcións e espectáculos. Agardaron para comprar as entradas do concerto no portelo e estiveron a piques de quedar sen elas. [NESTA ACEPCIÓN CADRA COA EQUIVALENTE DA VOZ CASTELÁ *TAQUILLA (inda que as voces que quizais máis se veñan empregando na realidade sexan as de billetería e billeteira, que cadran coas usadas en portugués).]

Palleiro (DRAG): substantivo masculino Morea de palla ou de herba seca en forma de cono, que se fai na eira de tal xeito que non se molle coas chuvias. Despois de segar, fanse os palleiros. Sinóns.: meda, palleira.

Tobo (DRAG): substantivo masculino Burato que fan debaixo da terra certos animais para viviren ou refuxiárense nel. O coello vive en tobos. As toupas encheron a leira de tobos. Sinóns.: cova, lapa, pala, paleira, toba, tobal, tobeira, toco, toqueira. Confróntese: gorida, guarida, niño. [VÉNSE A CORRESPONDER CO CASTELÁN *MADRIGUERA.]

Fato (DRAG): substantivo masculino Fatado. Un fato de bois. Un fato de homes. Un fato de canas. [BASICAMENTE VÉNSE A CORRESPONDER, EN FUNCIÓN DOS EMPREGOS, CO CASTELÁN *HATAJO OU *HATO.]

Fiadeiro (DRAG): substantivo masculino 1. Lugar ou dependencia da casa habilitado para fiar. Dous candís alumaban no fiadeiro. 2. Reunión que se facía para fiar e que remataba con cantos e bailes. Xeralmente os fiadeiros facíanse de noite. Sinóns.: fía, fiada, fiandón.

Lareira (DRAG): substantivo feminino Pedra plana situada a pouca altura do chan, onde se fai o lume para cociñar, nas casas tradicionais, e sobre a que adoita ir colocada unha cambota. No canizo, encima da lareira, cúranse os chourizos e sécanse as castañas. Sinóns.: lar, larega.

Trasfogueiro (DRAG): substantivo masculino Armazón de ferro formada por unha barra horizontal e dúas verticais, que se coloca na lareira para apoiar a leña. Puxo unhas achas a secar no trasfogueiro.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Paz Roca, Mª Carmen: “Aportazón ao refraneiro. Coleición de refrás recollidos da tradizón oral por Lois Carré (1898-1965)”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 129-141. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):

a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.

b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.

c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta