A historia de Gorka, falante de galego do País Vasco: "Falando galego síntome parte de vós"

Gorka, mestre de orixe vasca afincado en Compostela, conta como a súa aprendizaxe do galego foi un xeito de respecto, integración e afecto pola lingua e pola xente que a fala

Por David M. Sobrino Platas | Santiago de Compostela | 22/06/2025 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

Para Gorka, aprender galego non foi unha decisión académica nin unha obriga profesional. Foi, sobre todo, un acto de respecto e un xeito de integrarse nunha comunidade. Natural do País Vasco, este mestre de Educación Primaria e Educación Física chegou a Galicia con vontade de corresponder ao que el mesmo sente cando alguén visita o País Vasco e se esforza por falar éuscaro: "Sinto moito orgullo cando vexo que o intentan. Entón, cando estou eu noutro lugar, o mínimo é aprender a súa lingua e falala".

Gorka, neofalante
Gorka, neofalante | Fonte: Neofalantes

Establecido en Compostela, Gorka comezou a aprender galego durante a pandemia, cando se matriculou nun curso para obter o CELGA 2. Porén, recoñece que daquela a súa motivación era máis instrumental que emocional. "Naquel momento fíxeno pola titulación, non tanto por falalo. Aínda non tiña o chip cambiado", confesa. Ese cambio chegou máis tarde, ao incorporarse á Escola Oficial de Idiomas, onde o estudo do galego se converteu nunha experiencia colectiva e afectiva. "Formamos un grupo moi bonito, e aí foi cando comecei a falalo de verdade".

Un proceso con altibaixos

Non foi doado ao principio. "Cando non tiña moita fluidez, a xente decatábase de que non era de aquí e mudaba ao castelán. Iso facíame sentir a presión de cambiar eu tamén". Porén, a práctica foi dándolle seguridade, e con ela, tamén unha actitude máis decidida. "Agora, se alguén me fala en castelán, eu sigo en galego, sempre que vexa que me entende. Non me deixo amedrentar", asegura.

Aínda que actualmente está en paro, Gorka traballou en Galicia en distintos ámbitos, dende coordinador nunha piscina infantil ata operario en almacéns e tendas. Esa diversidade laboral tamén lle permitiu observar como varía o uso do galego segundo os contextos sociais. "Na piscina, que era privada e cara, a clientela falaba pouco galego. En cambio, nun almacén industrial, onde viña moita xente autónoma e currelas, falábase moito máis galego. Non quero que soe mal, pero hai un estigma social que pesa sobre o galego".

No seu proceso de aprendizaxe, os medios de comunicación e a cultura xogaron un papel relevante, especialmente a música e a literatura. "Na televisión non tanto, porque cando quero desconectar, prefiro cousas sinxelas. Pero na lectura si: levo tempo lendo en galego e gústame moito. E na música, aí si que me metín a fondo. Escoito moitísimos grupos galegos e vou a moitos festivais".

A lingua, segundo el, non se aprende só cun manual. "Se non lle colles afecto, é imposible. Por iso, o galego fíxoseme importante tamén emocionalmente", afirma. Esa dimensión afectiva foi clave para que Gorka se sentise cada vez máis parte do pobo galego, como el mesmo di. “Non o fixen só polos demais, tamén por min. Para sentir que formo parte de aquí”.

Comparación co éuscaro

Gorka tamén reflexiona sobre as diferenzas entre o galego e o éuscaro, tanto no plano lingüístico como na súa situación social. "A miña sensación é que en Euskadi se coida máis a lingua, sobre todo nos últimos anos". El mesmo lembra como, cando era pequeno, a aprendizaxe do éuscaro era vivida como unha obriga escolar, o que xeraba certo rexeitamento. "Agora cambiou moito. Dáselle máis importancia ao sentimento e ao apego. A xente valora a lingua como algo seu".

En Galicia, pola contra, detecta un problema entre a mocidade: "Se nun grupo hai dous nenos que falan galego e os demais castelán, os que cambian son os que falaban galego. Hai unha presión social que fai que o castelán sexa o que mola. E se non se lle dá valor ao galego, seguirá perdendo falantes". Fala dende a súa experiencia, pero con cautela: "É a miña sensación, quizais non sexa así en todas partes".

Sen medo e con orgullo

Cando lle preguntamos que consello daría a alguén que chega a Galicia e sente interese polo galego pero non se atreve a falalo, Gorka é claro: "Que non teña medo. A miña experiencia é que a xente responde moi ben. Aquí non se come a ninguén", di entre risos. E engade unha frase que escoitou moitas veces e fixo súa: "O galego malo é o que non se fala".

Mentres se prepara para futuras oposicións e espera poder traballar nun colexio, Gorka continúa a súa vida en galego como un xeito de compromiso e identidade. "Falalo fainos sentir que pertencemos. A lingua é tamén un xeito de querer", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta