Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 27/07/2025 | Actualizada ás 12:00
No idioma castelán, para facer referencia a unha persoa que o emisor do enunciado considera que é moi parva, moi incapaz ou moi inútil (ou que se está a comportar como tal ou que acaba de facer algo propio dunha persoa deste tipo), varias das opcións lingüísticas susceptibles de seren usadas son, entre outras, as de tonto del bote, tonto de capirote ou tontolaba.
Vexamos a seguir algunhas das posibilidades lingüísticas que nos fornece o galego para manifestar ese mesmo significado:
Tonto del bote && Tonto de capirote
Tonto del haba && Tontolaba
{= Persoa moi parva, moi incapaz ou moi inútil, ou que se comporta como tal.}
Burra aceiteira
Burra vella
Burro cego
[E MAIS]:
Papaché do balandro
Burro Bautista
Ex.: Por mucho que lo puedan ascender a director general, no dejará de ser un tontolaba.
Por moito que o poidan ascender a director xeral, non vai deixar de ser unha burra aceiteira ‡ unha burra vella ‡ un burro cego ‡ un papaché do balandro ‡ un burro Bautista.
● Tamén, como voces léxicas:
Burriqueira && Burrancán/ana && Burrandán/ana && Burrandón/ona && Burrandaina
Ex.: Por moito que o poidan ascender a director xeral, non vai deixar de ser unha burriqueira ‡ un burrancán ‡ un burrandán ‡ un burrandón ‡ unha burrandaina.
● Tamén, asociadas a contextos de uso inda máis coloquiais e familiares, e mesmo a un rexistro vulgar ou que linda no vulgar:
Tonto del culo
Burra peideira && Parvo do carallo && [E MESMO, SE CADRA POR CALCO DO CASTELÁN]: Parvo do cu
Ex.: Por moito que o poidan ascender a director xeral, non vai deixar de ser unha burra peideira ‡ un parvo do carallo.
● Tamén, só en certos contextos, normalmente facendo referencia a unha persoa con poucas luces, pouco espelida, sumamente inxenua ou aparvada e, polo tanto, facilmente manipulable (ás veces incluso por mor de non ter malicia ningunha e dun exceso de bondade ou de bo corazón):
Alma de cántaro && Alma cándida
Alma cándida && Aboafé && Á boa fe && Mula criada ó pan
Ex.: Resulta difícil tomárselo a mal, porque el pobre es un tonto del bote ‡ un tontolaba ‡ un alma de cántaro ‡ un alma cándida.
Faise difícil tomarllo a mal, porque o pobre é unha burriña aceiteira ‡ unha burriña vella ‡ un burriño cego ‡ unha alma cándida ‡ un aboafé ‡ un á boa fe ‡ unha mula criada ó pan.
● Tamén, gardando relación na medida en que fan referencia a unha persoa moi parva, mais a xeito de enunciados verbais comparativos:
Ser máis parvo ca Pichote # ca Pinchingau # ca eiramá && Ser máis parvo ca feito de encarga # ca andar a pé && Ser máis parvo ca pouco # ca dicilo && [E INDA TAMÉN, COMO ENUNCIADOS VERBAIS, MAIS SEN ESTRUTURA COMPARATIVA] (Ser dos que) Picar de burro para besta && Ser para pouco
[E MAIS, TAMÉN SEN ESTRUTURA COMPARATIVA]:
Ser tonto del todo
Ser parvo de vez && Ser parvo de todo
Ex.: Por moito que o poidan ascender a director xeral, vai seguir sendo máis parvo ca Pichote ‡ vai seguir sendo máis parvo ca Pichingau ‡ vai seguir sendo máis parvo ca feito de encarga ‡ vai seguir sendo máis parvo ca andar a pé ‡ vai seguir picando de burro para besta ‡ vai seguir sendo para pouco ‡ vai seguir sendo parvo de vez.
● E inda incluso, tamén como enunciados comparativos, en contextos de uso moi familiares e populares e asociados a un rexistro máis ben vulgar:
Ser máis parvo cós pelos do cu && Ser máis parvo cós pelos do cu, que ven vir a merda e non se apartan # que ven vir a merda e non lle apartan
NOTAS:
1. Case resulta escusado dicir que, alén das expresións aquí reflectidas, tamén se empregan cantidade de nomes (funcionando como substantivos ou adxectivos segundo os casos) que dan conta, ou poden dar conta, do significado de que aquí estamos a falar, máis ou menos axeitados segundo cada contexto: parvo, papán, paspán, papón, pasmón, pailaroco, mazaroco, paifoco, pailán, paiolo, sandeu, bobo, boubo, boubexo, babeco, babiolo, palamoa, palimoco, pallamallada, panoio, papiana, papoio, pimpín, boia, bourel, alboio, saghoio, tarouco, tarteira, tatoia, papoia, toutizo, xaraboto, xaquín, xacobo, papaleisón, pámpano, pampo, aloulado, apalermado, apampado, aparrulado, aparvado, paduán, papón, papiana, papaleisón, xaboco, badoco, paduán, palasote, marmeco, panoco, palermo, paparón, paparolo, paxeto, apaxotado, verzas, verzotas, troia, conacho, mexevo, pabilón, xarbote, pamparulo, pampalampán, pambolas, trincatanzas, lapaxoubas, etc.
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.
- Da Cerna: “Ditos, frases feitas e refráns”, no blog “Da Cerna”, accesible no enderezo https://dacerna.blogspot.com/p/ditos-e-frases-feitas.html.
- Goce Denis, Amparo: “Parucadas: un ‘dialecto’ vivo nacido en Baiona”. Blog no enderezo de Internet http://parucadas.blogspot.com/.
- Groba Bouza, Fernando: “A cabalo regalado non se lle mira o dente. Compilación da fraseoloxía equina galega actual”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 317-372. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XVII, pp. 273-292. Ano 1954.
- OUVIDO ALGURES: Conta de Instagram.
- Penín Rodríguez, Dorinda: “Frases feitas de San Lourenzo de Abelendo”. Cadernos de Fraseoloxía Galega, 10, 2008, páxs. 255-264. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.