A Mesa acusa a Rueda de "boicotear" a oficialidade do galego na UE

"O presidente da Xunta é o único do mundo que renuncia á súa lingua e a que se invista no seu país", denuncia Marcos Maceira.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 22/07/2025 | Actualizada ás 10:55

Comparte esta noticia

A Mesa pola Normalización Lingüística critica duramente ao presidente da Xunta por "renegar" da defensa do galego en Bruxelas. Así, o presidente desta entidade, Marcos Maceira denuncia que ao opoñerse á oficialidade do galego na UE, Alfolnso Rueda "non só se nega á presenza da nosa lingua en institucións como o Parlamento, senón a calquera presenza como lingua oficial e por tanto válida para todas as relacións sociais, económicas e administrativas".

O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en rolda de prensa.. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA
O presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira, en rolda de prensa.. MESA POLA NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Nun comunicado, esta entidade recórdalle ao presidente da Xunta que os regulamentos e directivas europeas aseguran o uso e disposición das linguas oficiais dos Estado que o sexan tamén da UE. Así, advirte que a non consideración do galego como lingua oficial da UE está a limitar na práctica a oficialidade dentro de Galicia en relación a cuestións tan diversas como contratos, transparencia, información e atención a persoas usuarias e consumidoras, produtos bancarios, xoguetes, maquinaria, condución ou navegación, entre outras.

"A oficialidade da nosa lingua na UE tería incidencia directa na oferta de galego e na posibilidade e no dereito de uso en todos os ámbitos, facendo efectiva a oficialidade do noso idioma no noso país", sinala Maceira. Por iso, acusa a Rueda e á Xunta de "boicotear a nosa lingua e a promoción real do seu uso que estabelece o artigo 5 do Estatuto de Autonomía". "Pretende disimular a súa fobia a calquera presenza de Galiza coa voz propia do seu idioma", advirte Maceira, "nuns supostos custes que o goberno español se comprometeu a financiar".

Dende A Mesa destácase, asimesmo, que os máis de 40 millóns que o Goberno español destinaría para a oficialización do galego, catalán e euskera na UE estarían destinados necesariamente á contratación de profesionais e empresas galegas, "que neste momento son as únicas con coñecemento e capacidade, nomeadamente a través da súa formación na universidade de Vigo que dispón da única faculdade de tradución e interpretación".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta