Sabes cales son os aloxamentos turísticos máis caros de Galicia? Dunha illa privada a unha xoia arquitectónica

Do corazón das Rías Baixas ata as illas privadas máis exclusivas do Atlántico galego, Galicia convértese cada verán nun destino de luxo para viaxeiros dispostos a pagar ata 9.000 euros por noite por vivendas únicas, pazos históricos ou hoteis de cinco estrelas con experiencias personalizadas.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 26/07/2025 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

En Galicia, terra de rías, cantís, pazos e aldeas mariñeiras, tamén hai espazo para o luxo máis exclusivo. Aínda que durante anos o turismo galego estivo vencellado ao rural, ao familiar e ao tradicional, nos últimos veráns, dende fai xa uns cantos anos, cobrou forza outro fenómeno: o do viaxeiro que procura o mellor, o máis exclusivo, o máis agochado. E tamén o paga. Porque Galicia, lonxe da imaxe de destino barato, tamén acolle algunhas das estancias turísticas máis caras do norte peninsular, con prezos en tempada alta, especialmente no mes de agosto, que poden superar amplamente os 2.000 euros por noite. Os aloxamentos de luxo en Galicia van máis aló dos hoteis de cinco estrelas. As vilas privadas, os chalés a pé de praia, os áticos con jacuzzi ou mesmo illas enteiras son algunhas das opcións que se reservan con meses de antelación e que, a pesar dos seus prezos desorbitados, rara vez quedan baleiras.

Praia de Silgar, en Sanxenxo, 8 de outubro de 2023
Praia de Silgar, en Sanxenxo, 8 de outubro de 2023 | Fonte: ELENA FERNANDEZ - Arquivo

As zonas máis demandadas --Rías Baixas, Vigo, Nigrán, Illa da Toxa, Costa da Morte-- concentran boa parte desta oferta exclusiva. Algunhas estancias esixen o aluguer por mes completo e outras aplican tarifas mínimas de tres ou máis noites, pero todas comparten un denominador común: prezos que oscilan entre os 500 e os 9.000 euros... por noite. A continuación, Galicia Confidencial fai un percorrido polos 10 aloxamentos turísticos máis caros de Galicia actualmente, para alugar o vindeiro mes de agosto. Vilas, hoteis, pazos, illas e experiencias únicas que amosan que o luxo galego está máis vivo ca nunca, pero tamén que, quen quere experimentalo, terá que tirar dunha boa billeteira.

  1. ILLA PRIVADA DA CREBA (RÍA DE MUROS E NOIA): Unha illa enteira. Esa é a proposta da Creba, ubicada na ría de Muros e Noia e xestionada como aloxamento privado de alta gama. Alúgase integramente, con persoal propio, cociña incluída, pensión completa e actividades organizadas. Segundo a prensa británica, o custo por dúas noites pode chegar aos 17.900 euros (8.950 euros por noite) para un grupo de ata 12 persoas, o que a convirte, sen dúbida, na estancia máis cara de Galicia. Agosto é tempada recomendada e requírese contacto directo para confirmar tarifas. Exclusividade total en pleno Atlántico galego.
  2. CASA DE LUXO EN CANIDO (VIGO): No corazón dunha das zonas residenciais máis exclusivas de Vigo, esta casa alúgase durante todo agosto por 19.000 euros. Son máis de 1.350 metros cadrados construídos sobre unha finca de 4.500, con piscina interior, ximnasio, garaxe para varios coches, pistas deportivas e seis habitacións. Todo con vistas ao mar e a poucos pasos da praia. O equivalente pola noite é de máis de 600 euros, pero só se ofrece en bloque mensual.
  3. CHALET NA ILLA DA TOXA (O GROVE): Dentro da urbanización Miradores da Toxa, este chalet de catro habitacións e tres baños alúgase en agosto por 16.000 euros. Está a escasos 200 metros do mar, con acceso directo a zonas de piscina e espazos comúns. O seu prezo convérteo nunha das vivendas máis caras das Rías Baixas. Equivale a uns 516 euros por noite se se reserva o mes completo.
  4. ÁTICO DÚPLEX EN PANXÓN (NIGRÁN): Unha das xoias da costa sur galega. Este ático-dúplex de cinco dormitorios e catro baños ten terrazas amplas e un jacuzzi exterior con vistas ao océano. O seu prezo en agosto elévase ata os 14.000 euros, o que se traduce en máis de 450 euros por noite. É ideal para familias numerosas ou grupos que buscan comodidade e localización premium.
  5. PISO DE LUXO NO PASEO DE SILGAR (SANXENXO): Situado na praia máis emblemática do turismo galego, este piso en primeira liña ten tres habitacións, terraza con vistas e todas as comodidades dun apartamento de gama alta. O seu prezo rolda os 9.500 euros para o mes de agosto, cun custo aproximado de 306 euros por noite. O turismo nacional é o seu principal cliente.
  6. CASA DA AUGA (COSTA DA MORTE): Proxecto do arquitecto Joaquín Torres, esta casa espectacular levántase sobre unha finca con embarcadoiro privado e capacidade para 12 persoas. A reserva mínima en verán é de tres noites, e o prezo chega aos 5.995 euros, incluíndo limpeza a comisións. É dicir, uns 1.998 euros por noite. Un lugar pensado para celebracións ou escapadas de luxo absoluto.
  7. EUROSTARS GRAN HOTEL LA TOJA 5 ESTRELAS (ILLA DA TOXA): O único balneario de 5 estrelas de Galicia, o Eurostars Gran Hotel La Toja ofrece habitacións e suites que superan facilmente os 1.000 euros por noite en tempada alta. As suites con vistas ao mar e pensión completa poden chegar aos 2.344 euros por dúas noites (1.172 euros por noite). Conta con spa, casino, restaurante de autor e acceso a clube termal.
  8. PAZO LOS ESCUDOS HOTEL & SPA RESORT (VIGO): Este pazo fronte ao mar é unha das estancias máis exclusivas de Galicia. Con suites amplas, xardíns históricos, piscina exterior e spa, os seus prezos en agosto oscilan entre os 400 e os 600 euros por noite, segundo dispoñibilidade e réxime alimenticio. É unha opción moi demandada para vodas, eventos e escapadas de luxo.
  9. GRAN HOTEL NAGARI BOUTIQUE & SPA (VIGO): Ubicado en pleno centro de Vigo, este hotel boutique conta con spa e rooftop con vistas ás Illas Cíes. É outro dos favoritos do turismo de alto poder adquisitivo. As habitacións estándar poden roldar os 275 euros, pero as suites con acceso completo a spa e tratamentos soben ata os 400 euros por noite en tempada alta.
  10. PARADOR DE SANTIAGO - HOSTAL DOS REIS CATÓLICOS (SANTIAGO): Considerado o hotel en funcionamento máis antigo do mundo, este parador de luxo na Praza do Obradoiro chega a prezos de entre 250 e 400 euros por noite en agosto, dependendo da habitación. É unha opción moi valorada por peregrinos premium e turistas internacionais que buscan historia, arquitectura e comodidade cinco estrelas no corazón de Compostela.
 

 

 

Illa da Toxa
Illa da Toxa | Fonte: turismo.gal - Arquivo

Illa da Creba despois da reforestación
Illa da Creba despois da reforestación | Fonte: Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta