Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2025 | Actualizada ás 15:54
O eurodeputado do PPdeG Adrián Vázquez acusa ao BNG e os Verdes de ser "autores intelectuais do enfoque orzamentario que agora critican", pola proposta da Comisión Europea que reduce fondos para a política agraria común (PAC) e a de pesca. En declaracións remitidas aos medios de comunicación, o popular asegura que o Bloque "forma parte dun grupo que leva anos criminalizando ao campo e á pesca", e pídelle que "non traizoe aos galegos no Parlamento". "As últimas declaracións de Ana Pontón e Ana Miranda foron moi decepcionantes", advirte tras a rolda de prensa das nacionalistas este luns. En concreto, Pontón e Miranda anunciaron unha ofensiva parlamentaria fronte ao "recortazo" para Galicia do "orzamento de guerra" na Unión Europea.
"QUE VAIAN Á MONCLOA"
"O BNG e os Verdes son os autores intelectuais do enfoque orzamentario que agora critican. Se de verdade queren cambialo, que vaian á Moncloa e esixan a Sánchez que use o veto de España", engade o eurodeputado do PP galego. Así, subliña que "Galicia merece máis seriedade e máis autocrítica" e agrega que "anos do BNG sementando ventos contra o sector primario e a industria trouxeron estas tempestades".
Pola súa banda, considera que "a nova proposta orzamentaria da Comisión Europea é fondamente decepcionante" pois "centraliza recursos, dilúe prioridades e deixa ás comunidades autónomas á marxe". Avisa de que "Europa non pode avanzar se abandona aos seus gandeiros, agricultores, pescadores e, sobre todo, se non conta coas súas rexións" e oponse a un orzamento "opaco e centralizado que permitiría aos gobernos nacionais gastar fondos europeos de costas ás comunidades autónomas".
Ao seu xuízo, ademais, "Sánchez está moi cómodo cun modelo que lle permite facer e desfacer desde Moncloa sen contar cos gobernos autonómicos de PP, que son a maioría". Nas declaracións, Adrián Vázquez avanza que o Partido Popular esixirá ao Goberno de España "a cogobernanza en todo o que afecta as rexións na xestión dos fondos" e conclúe que "coa comida non se xoga", polo que "a Política Agrícola Común e a Política Pesqueira Común necesitan un orzamento sólido, estable, autónomo e blindado fronte a desvíos cara outras partidas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.