Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 17/08/2025 | Actualizada ás 12:00
A secuencia expresiva castelá a mí, plin é susceptible de ser utilizada en diferentes contextos para expresar diversos contidos: así, pode ser empregada polo emisor para manifestar indiferenza ou desentendemento respecto de algo; para dicir que non ten nada que ver con ese algo; ou mesmo para lle indicar a alguén que como non faga caso (ou como non fixo caso) do seu consello, se as cousas lle saen mal (ou se as cousas lle saíron mal), non lle vaia (ou non lle veña) contar as súas mágoas.
En galego contamos con secuencias que fornecen eses mesmos contidos, algunhas das cales imos reflectir a continuación:
A mí, plin
{= Expresión con que unha persoa manifesta indiferenza ou se desentende respecto de algo; ou ben coa que di que non ten nada que ver con ese algo; ou ben coa que mesmo lle indica a alguén que como non faga caso (ou como non fixo caso) do seu consello, se as cousas lle saen mal (ou se as cousas lle saíron mal), non lle vaia (ou non lle veña) contar as súas mágoas.}
A min, contos
A min, cantares
A min, gaitas
A min, plin
A min, allás
[E MAIS]:
A min, plin, que son de Lalín
Ex.: Ya te dije que no te embarcases en ningún negocio con Lucas, así que ahora, a mí, plin.
Xa che dixen que non te meteses ó mar co Lucas en ningún negocio, así que agora, a min, contos ‡ así que agora, a min, cantares ‡ así que agora, a min, gaitas ‡ así que agora, a min, allás ‡ así que agora, a min, plin (, que son de Lalín).
● Tamén, en contextos:
(A min,) Alá películas && Non lle vir a alguén con películas
Ex.: Xa che dixen que non te meteses ó mar co Lucas en ningún negocio, así que agora, (a min,) alá películas ‡ non me veñas con películas.
NOTA:
As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.
- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez, Lois: “Refranero gallego. Colección hecha por el P. Gumersindo Placer López”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 143-171. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.