Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 01/08/2025 | Actualizada ás 21:33
'Alfombreiro', 'auguista' e 'lubre' son algunhas das novas incorporacións ao dicionario da Real Academia Galega tras o visto e prace do Seminario de Lexicografía, que acaba de incorporar a esta ferramenta en liña este tres palabras. Fíxoo despois de valorar as demandas da Asociación de Alfombristas do Corpus Christi de Ponteareas, o Concello de Mondariz Balneario e o grupo musical Luar na Lubre e Navia Franco Barreiro.
Alfombreiro, -a entra no Dicionario cunha primeira acepción xeral referida a "calquera persoa que fai, arranxa ou vende alfombras" e incorpora unha segunda que designa a quen "confecciona alfombras de carácter efémero con flores ou con outros elementos naturais, especialmente para manifestacións rituais ou relixiosas".
O exemplo que a acompaña fai mención expresa á tradición de Ponteareas, onde veciños deseñan e danlle forma a máis dun quilómetro de alfombras que engalana o domingo de Corpus as rúas e prazas desta localidade do sur de Pontevedra.
Doutra banda está auguista, que identifica á persoa que "toma as augas ou os baños medicinais nun balneario". A demanda formalizouna o Concello de Mondariz Balneario, "gran vila termal na Europa de comezos do século XX e que segue sendo hoxe en día un foco fundamental do termalismo en Galicia".
Por último, lubre, o Dicionario define esta voz como "bosque sacro onde os celtas celebraban os seus rituais relixiosos". A palabra foi recollida con anterioridade en dicionarios históricos como o do académico Leandro Carré Alvarellos (1888-1976) e o de Eladio Rodríguez (1864-1949), que chegou a ser presidente da institución.
Tamén a incorporou ao seu Dicionario galego-castelán o académico de Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), segundo lembrou a RAG nunha nota de prensa. O Seminario de Lexicografía decidiu tamén que lubre figure no Dicionario en liña da RAG tras valorar a demanda realizada polo líder do grupo musical Luar na Lubre, Bieito Romeu, e Navia Franco Barreiro, filla de Franco Grande.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.