Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 10/08/2025 | Actualizada ás 12:00
Como xa temos comentado en varios artigos (p. ex., chamarlle # dicirlle... de cantas hai; (eu) de min a ti; é o que perdes; quen lle dera; ¡que tal es!; ¿por quen te tes?; ¿dis ti?, ¿paréceche a ti?), existen secuencias expresivas propiamente de noso que por culpa de compartiren espazos de uso con outras tamén galegas que cadran ó cen por cento coas de castelán, ou ben están a perder peso específico na súa porcentaxe de uso ou ben, nos casos máis extremos, están a desaparecer, sobre todo entre as novas xeracións.
É o que acontece coa que imos abordar hoxe, que se emprega, á parte de noutros contextos (véxase a nota 1), naquelas situacións comunicativas en que unha persoa emite un enunciado negativo no sentido de dicir que alguén non fixo algo, que unha cousa non aconteceu ou semellante, e outra persoa lle retruca, retrousa ou replica dando a entender que si que ese alguén fixo ese algo, que esa cousa si que aconteceu ou semellante (isto é, en contextos nos que en castelán é habitual botar man da secuencia expresiva sí que + verbo u oración).
Falamos da secuencia galega verbo ou oración + tal:
Sí que + verbo u oración
{= Secuencia expresiva con que se retruca, rebate ou replica un enunciado en que se nega algo, dando a entender que esa negación é errada.}
Verbo ou oración + tal
[E MAIS]:
Si que + verbo ou oración
Ex.: —Parece ser que de momento Aldán no le pidió salir a Eva. —¡Sí que le pidió, que me lo dijo ella!
—Disque de momento Aldán no lle pediu a saír a Eva. —¡Pediullo tal, que mo dixo ela! & ¡Si que llo pediu, que mo dixo ela!
Ex.: —A mí me da que el balón no entró de todo. —¡Sí que entró, estoy seguro!
—A min dáme que o balón non entrou de vez. —¡Entrou tal, estouvos certo! & ¡Si que entrou, estouvos certo!
Ex.: —¿Así que todavía no le pagaste lo que le debes? —¡Sí que se lo pagué, que diga la verdad!
—¿Así que inda non lle pagaches o que lle debes? —¡Pagueillo tal, que diga a verdade! & ¡Si que llo paguei, que diga a verdade!
NOTAS:
1. Como xa se comentou máis arriba, a secuencia galega ten un espectro de uso máis amplo có aquí exposto, pois tamén é susceptible de se empregar para retrucar, replicar, rebater ou contradicir unha enunciación positiva:
Ex.: —Vas a ver como en la próxima vuelta le adelanta y se pone en cabeza. —¡Que no le va a adelantar, hombre, ya verás!
—Vas ver como na vindeira volta lle adianta e se pon en cabeza. —¡Non lle vai adiantar tal, home, xa verás!
En definitiva, parece que a tendencia é a usala (do mesmo xeito cás locucións non tal e si tal) para reforzar ou darlle unha maior carga enfática ó enunciado naqueles casos en que este se emprega co fin de, tal e como vimos comentando, retrucar, replicar, rebater, contradicir ou levarlle a contra a unha enunciación anterior doutra persoa:
Ex.: —¡Vas ir á escola, poñas como te poñas! —¡Non tal, non vou ir!
Ex.: —¡Hoxe non vas ir á escola, poñas como te poñas! —¡Si tal, si que vou ir! & ¡Vou ir tal!
2. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas:
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.