Sabes cantos cartos públicos puido custar a loita aérea contra os lumes destes días?

A vaga de incendios das últimas semanas obriga a un despregue aéreo que rolda os 5 millóns de euros en Galicia. Un gasto público descomunal que podería financiar milleiros de hectáreas limpas e centos de brigadistas, pero que arde ano tras ano mentres o monte segue sen coidarse e a man do home causa desfeitas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 08/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Dende hai máis de 10 días, a primeira hora da mañá, moitas vilas de Galicia espertan cun horizonte roto: columnas de fume que se alzan sobre os montes, un sol alaranxado que apenas atravesa o fume e o zunido grave dun helicóptero que se achega. Tras el, o ruxir dun hidroavión, cargado ata os topes de auga, que se lanza en picado sobre a fronte das chamas e descarga miles de litros nun golpe seco. A escena impresiona, pero tamén sangra no peto de todos: cada minuto no aire custa cartos públicos, e moitos. E o indignante é que, na súa maioría, este gasto descomunal débese a lumes provocados de maneira intencionada por unhas poucas persoas --pirómanos, intereses ocultos ou simples incendiarios-- que cun chisqueiro ou un misto logran poñer en marcha unha maquinaria carísima de extinción que pagamos entre todos os galegos e as galegas. Este verán foron xa case 5 millóns de euros só en medios aéreos os consumidos en Galicia --facendo estimacións--.

Un helicóptero sobrevoa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo, Galicia
Un helicóptero sobrevoa un incendio, a 15 de xullo de 2022, en Quiroga, Lugo, Galicia | Fonte: Carlos Castro - Arquivo

Non é un accidente nin un fenómeno natural inevitable: é unha sabotaxe ao patrimonio común, unha agresión directa que non só destrúe hectáreas de monte, bosques, cultivos e fauna, senón que drena millóns de euros das arcas públicas. Cada helicóptero que descarga, cada hidroavión que ameriza para encher os seus depósitos, cada piloto e brigadista que se pon en risco, págase cos impostos de todos os que ven, impotentes, como os seus cartos e a súa terra se queiman no mesmo lume. E a esa factura tamén contribúe, non hai que esquecelo, un monte mal coidado, xa sexa por falta de xestión administrativa ou porque moitas fincas non se desbrozan nin se manteñen limpas, creando unha alfombra de combustible perfecta para que o lume avance sen freo. Mentres uns poucos acenden as mechas, miles de persoas --veciños, bombeiros, pilotos...-- loitan contra as chamas, e todos os galegos financian esa batalla. O fume non só sobe cara o ceo: tamén entra nas contas públicas, deixando un buraco que se repite ano tras ano.

UN GASTO QUE VOA, LITERALMENTE

Os bombeiros de a pé teñen un soldo fixo. Non están aí cobrando por hora de atención a incendio. Pero os xigantes do aire que sobrevoan lumes si o están --e cobran por cada hora de intervención--. A Xunta de Galicia contrata estes medios por tempadas, incluíndo pagos fixos por dispoñibilidade e pagos variables por uso. Un helicóptero configura o seu contador dende que se adxudica o contrato, non só cando se alza o lume. Nun acordo para 2024-2027, a Xunta reservou 24,8 millóns de euros en contratos para helicópteros e brigadas helitransportadas, xunto a 13,3 millóns para avións de carga dende terra, totalizando 38 millóns que aseguran a súa dispoñibilidade. Esa capacidade significa estar listos en segundos. Con 4.344 horas de voo contratadas para helicópteros e 4.320 para avións, o custo estimado por hora de uso sitúase arredor dos 5.700 euros. A súa combinación permite atacar o lume en distintas frontes e con estratexias adaptadas a cada terreo.

QUE TIPO DE HELICÓPTEROS E AVIÓNS SE EMPREGAN

Un helicóptero participa nos labores de extinción dun incendio declarado en Meira, Moaña
Un helicóptero participa nos labores de extinción dun incendio declarado en Meira, Moaña | Fonte: Javier Vázquez - Arquivo

Na loita contra o lume en Galicia, os medios aéreos son tan variados como custosos. Os máis espectaculares e coñecidos pola poboación son os hidroavións anfibios Canadair CL-215 e CL-415 --actualmente baixo xestión do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da Unidade Militar de Emerxencias (UME)--, capaces de cargar máis de 5.000 litros de auga en apenas 12 segundos ao amerizar en encoros, ríos ou no mar. Xunto a eles, a Xunta emprega avións de carga en terra Air Tractor AT-802, que repostan auga e retardante en pistas habilitadas e poden descargar uns 3.000 litros sobre a fronte das chamas. En canto aos helicópteros, predominan os modelos lixeiros e medianos como o Bell 412, o Kamov Ka-32 e o Airbus Helicopters AS350 Écureuil, que transportan entre 1.000 e 4.500 litros en helibaldes e, no caso do Kamov, conta con doble rotor coaxial que lle dá grande estabilidade en manobras complexas. Estes aparatos non só descargan auga: moitos van equipados para transportar brigadas helitransportadas, realizar voos de coordinación e vixilancia ou trasladar material a zonas inaccesibles.

A FACTURA DE FINAIS DE XULLO E COMEZOS DE AGOSTO

Nesta onda de incendios, o despregue aéreo foi masivo. Aquí está a estimación do custo só en medios aéreos, baseándonos na intervención de 5 horas por dispositivo --tirando polo baixo, xa que sabemos que nos grandes lumes declarados en Ponteceso ou Vilardevós foron xornadas moito máis prolongadas e repetidas--, desglosado por foco:

  • Ponteceso - A Graña (82,53 hectáreas): Mobilizáronse 9 helicópteros, o que deriva nuns 256.500 euros.
  • Salvaterra de Miño - Pesqueiras (47 hectáreas): Mobilizáronse 8 helicópteros e 9 avións, o que deriva nuns 484.500 euros.
  • Ponteceso - Brantuas (200 hectáreas): Un total de 3 helicópteros e 11 avións significan preto de 399.000 euros.
  • Ponteceso - Cospindo (200 hectáreas): A intervención de 4 helicópteros e 1 avión alcanza os 142.500 euros.
  • Vilardevós - Terroso (570 hectáreas): Viu o maior despregue de medios aéreos en Galicia no que vai de verán: 12 helicópteros e 12 avións, cun custo estimado de 684.000 euros.
  • Vilar de Barrio - Rebordechau (34 hectáreas): Con 6 medios de cada, implica arredor de 342.000 euros.
  • Porto do Son - Miñortos (28,3 hectareas): 2 helicópteros e 2 avións fan un total de 114.000 euros, aproximadamente.
  • Arbo - Arbo (10,21 hectáreas): 2 helicópteros supoñen 57.000 euros.
  • A Cañiza - O Couto (300 hectáreas): Con 10 helicópteros e 7 avións alcánzanse uns 484.500 euros de gasto.
  • Carballeda de Avia - Carballeda (20 hectáreas): 4 helicópteros e 8 avións elevan o total a aproximadamente 342.000 euros.
  • Carballedo - San Mamede de Lousada (16 hectáreas): 3 medios de cada fan un montante de 171.000 euros.
  • Meaño - Xil (82,89 hectáreas): Con 4 helicópteros e 3 avións o gasto tería sido de 199.500 euros.
  • Tomiño - Piñeiro (27 hectáreas): Só un helicóptero reduciría o custo a 28.500 euros.
  • Cualedro - San Millao (97,27 hectáreas): 7 helicópteros e 4 avións elevan o gasto dos medios aéreos a 313.500 euros.
  • As Neves - San Pedro de Batalláns (50 hectáreas): 6 helicópteros e 3 avións terían requirido dun investimento de 256.500 euros.
  • Salceda de Caselas - A Picoña (80 hectáreas): Con 4 helicópteros e 5 avións o gasto por 5 horas de traballos aéreos tería sido de 256.500 euros.
  • Camariñas - Xaviña (50 hectáreas): 4 helicópteros farían un gasto total de 114.000 euros.
  • A Fonsagrada - Monteseiro (120 hectáreas): 7 helicópteros e 8 avións requerirían un desembolso de 427.500 euros.
  • A Fonsagrada - Cereixido (20 hectáreas): 5 medios de cada elevarían o total a 285.000 euros.
  • Mondariz - Riofrío (19,32 hectáreas): Cun só helicóptero, o gasto quedaría nuns 28.500 euros.

Resultado total: aproximadamente 4.902.000 euros só en medios aéreos. E convén subraialo: este cálculo non inclúe o resto do operativo, que tamén hai que pagar. Quedan fóra os salarios do persoal de terra, das brigadas forestais, da UME, dos vehículos terrestres, o combustible da maquinaria pesada, a loxística de aloxamento e manutención de equipos ou a reposición de material. É dicir, a factura real de toda a operación é moi superior.

A PERVERSIÓN DO LUME INTENCIONADO

E ese gasto doe moito máis se pensamos en que a maioría dos lumes non son froito de treboadas ou imprudencias azarosas, senón de mans humanas emperradas en acender destrución a cambio de satisfacer diversos intereses, xeralmente económicos. Unha acción que calcina o monte activa tamén unha custosa maquinaria: horas de voo, combustible, salarios extra, desprazamentos... Todo iso remunerado integramente con cartos públicos. Millóns de euros que poderían destinarse a algo máis que apagar o lume. Entre outras cousas, a previlo. Eses cartos poderían servir para limpar arredor de 6.000 hectáreas ou trazar e manter máis de 800 quilómetros de cortalumes, barreiras que impiden que as chamas avancen. Por outra banda, cinco millóns de euros tamén permitirían contratar durante un ano a un cento de brigadistas. En resumo: queda demostrado de maneira tanxible que previr o lume custa infinitamente menos que apagalo.

Un hidroavión realiza labores de extinción dun incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, a 26 de agosto de 2022
Un hidroavión realiza labores de extinción dun incendio forestal na Serra do Leboreiro, no parque natural de Baixa Limia e Serra do Xurés, a 26 de agosto de 2022 | Fonte: Rosa Veiga - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario (1 pend. aprobación)