Hai concellos galegos que semellan condenados ao lume: cales son os que arden case cada verán?

Cada verán repítese o patrón: os incendios forestais volven aos mesmos lugares de Galicia. A pesar dos plans, da experiencia e das alertas, o monte segue a arder entre abandono, especies inflamables e impunidade. O que para outros é unha ameaza, para moitos xa é rutina.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 07/08/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Cada verán repítese a mesma historia. Galicia arde. E faino sempre nos mesmos lugares. Hai concellos que semellan condenados a ver como as chamas retornan a eles unha e outra vez. Son lugares marcados en vermello nos mapas de risco, recollidos cada ano no Pladiga, o Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia que identifica as zonas de maior risco. Sábeno os veciños. Sábeo a administración. Sábeo o lume. En concellos como Cualedro, Vilardevós, Carballeda de Avia, A Cañiza, As Neves, Salceda de Caselas, Camariñas ou Ponteceso, os lumes non son unha ameaza lonxana, senón unha certeza estacional. Nalgúns casos, as chamas volven polas mesmas pistas forestais, cruzan os mesmos cortalumes, achéganse ás mesmas aldeas. Ás veces, mesmo superan as cifras do ano anterior. E este verán non está a ser a excepción.

Vista do incendio, a 30 de xullo de 2025, na Cañiza
Vista do incendio, a 30 de xullo de 2025, na Cañiza | Fonte: Adrián Irago - Arquivo

En tan só 10 días, centos de hectáreas queimáronse en decenas de parroquias, algunhas con núcleos de poboación confinados ou desaloxados, outras baixo fume denso durante días. En Vilardevós, o lume chegou ás 570 hectáreas, o maior rexistrado no que vai de ano en Galicia. En Ponteceso, as parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña arderon case ao mesmo tempo, con lumes simultáneos que obrigaron a evacuar núcleos de poboación e a pechar estradas e que sumaron 480 hectáreas. A estas parroquias habería que sumar días máis tarde a de Corme-Aldea, onde a situación foi realmente abafante para os veciños. Na Cañiza, o lume rodeou sete aldeas e acadou case 300 hectáreas antes de poder ser controlado. Nas Neves, Salceda de Caselas e Camariñas, lumes que arrasaron con 50, 80 e outras 50 hectáreas, respectivamente, alertaron aos habitantes pola proximidade a núcleos habitados. Todos estes lugares figuran ano tras ano no Pladiga como zonas de alta actividade incendiaria. E, sen embargo, cada campaña reproduce o mesmo patrón: lumes que chegan, medios que se despregan e hectáreas que se perden. Que falla?

O monte segue sen estar ordenado. O abandono rural, o avellentamento da poboación e a expansión descontrolada de especies inflamables coma o eucalipto crean o cóctel perfecto para a catástrofe. A iso súmase a alta intencionalidade: máis do 70 % dos incendios forestais en Galicia son provocados. Pero as investigacións rara vez chegan a xuízo, e as condeas son case inexistentes. O resultado é unha especie de resignación crónica: a idea de que o lume é inevitable. Que no verán, nalgúns concellos, o normal é que arda. Que a prioridade xa non é previr, senón conter. Que se se salvan as casas, o monte pode agardar. Pero o monte non agarda. Quéimase. Degrádase. E, con el, desaparecen camiños, cultivos, fauna, formas de vida... Nalgúns lugares, a palabra 'verán' volveuse sinónimo de cinza.

RELACIÓN DE LUMES HISTÓRICOS EN CONCELLOS QUE ESTÁN ARDENDO HOXE

- PONTECESO:

  • 2025: Arderon as parroquias de Cospindo, Brantuas e A Graña. Máis de 480 hectáreas queimadas en total. A situación máis complicada chegou días despois do comezo destes tres lumes, na parroquia de Corme-Aldea, onde aínda se está loitando por extinguir un incendio que arrasou xa 60 hectáreas e que deixou en vilo a moitos veciños, que tiveron que ser desaloxados pola proximidade do lume ás casas.
  • 2021: Un lume na parroquia de Niñóns arrasou con 90 hectáreas.

- AS NEVES:

  • 2025: O incendio declarado na parroquia de San Pedro de Batalláns arrasou xa 50 hectáreas e obrigou a decretar a Situación 2 de alerta por proximidade ás casas. Tamén permaneceu durante practicamente todo un día a autovía A-52 cortada: un carril en cada sentido.
  • 2022: Ardeu na mesma parroquia de Batalláns.
  • 2017: No fatídico mes de outubro, unha onda de incendios cruzou dende Portugal e alcanzou o concello das Neves. Arderon máis de 5.000 hectáreas, sendo este un dos concellos máis afectados de toda a comarca, quedando arrasado polo paso do lume un 90 % do seu territorio. Tamén as casas se viron en serios apuros, chegando o lume a calcinar dúas vivendas particulares e unha empresa.
  • 2015: Un lume declarado no monte da parroquia de Tortoreos arrasou varias zonas arboradas e quedou a uns 300 metros das casas, calcinando tamén varios viñedos. O tráfico na estrada A-55 quedou cortado.

- CAMARIÑAS:

  • 2025: O lume na parroquia de Xaviña arrasou polo momento 50 hectáreas e obrigou a despregar aos efectivos da UME na zona. Tamén houbo que decretar a Situación 2 de alerta por proximidade das lapas ás casas.
  • 2022: Un incendio forestal en Arousa, na zona de Camelle, acabou con 64 hectáreas de monte. As condicións climatolóxicas eran especialmente duras na zona e había perigo para as casas da aldea de Lazo. As lapas estiveron moi preto do parque eólico de Pena Forcada. A estrada que comunica Arou con Santa Mariña (Xaviña) permaneceu varias horas cortada.
  • 2018: Un lume na zona da Rega puxo en alerta a profesionais e veciños voluntarios ante o medo a que afectase a un depósito de auga.

- SALCEDA DE CASELAS:

  • 2025: O lume na parroquia da Picoña afecta a arredor de 80 hectáreas. A proximidade das lapas a núcleos de poboación habitados como a aldea de Pedrapinta obrigou a declarar a Situación 2 de alerta. Nesta loita participa tamén a UME.
  • 2024: Un incendio puxo en xaque dous barrios do concello, nos que os veciños colaboraron na extinción ante o medo de que as lapas acabasen coas súas casas. O lume estivo a uns 50 metros das vivendas, pero non se achegou máis. Teríase iniciado na parroquia de Cabreira e avanzaría ata os montes de Entenza, chegando en primeiro lugar ao barrio de Cotello e logo a Castelo.
  • 2017: Durante a vaga de lumes que afectou neste tráxico ano ao noroeste peninsular, mangas de lume chegadas de Portugal cruzaron o Miño e chegaron a Salceda. Arderon aproximadamente 1.413 hectáreas.
  • 2016: Un lume azotou a parroquia de Entenza e arrasou 2 hectáreas.

- VILARDEVÓS:

  • 2025: O lume máis grande no que vai de verán galego: 570 hectáreas calcinadas na parroquia de Terroso. Nivel 2 de emerxencia, núcleos confinados e intervención da UME.
  • 2024: Tamén o pasado ano houbo que lamentar un incendio neste concello ourensán que calcinou 7,8 hectáreas.
  • 2017: Un lume que atravesou os municipios de Verín e Vilardevós arrasou alo menos 1.360 hectáreas, provocando graves danos.

- VILAR DE BARRIO:

  • 2025: Incendio na parroquia de Rebordechao, cunhas 34 hectáreas queimadas.
  • 2021: Na parroquia de Prado, un lume queimou 27 hectáreas, afectando mesmo ao tráfico ferroviario.
  • 2020: Outro lume, tamén en Rebordechao, arrasou con 700 hectáreas moi preto do Invernadoiro.
  • 2017: Arde novamente a parroquia de Rebordechao, extendéndose o lume ata o termo municipal de Montederramo e Piñor, chegando ás 50 hectáreas. No mesmo ano e en data próxima, outro incendio acabou con 50 hectáreas preto do parque natural.

- A FONSAGRADA:

  • 2025: O incendio declarado en Monteseiro arrasou máis de 120 hectáreas e continúa avanzando, mentres que o de Cereixido, xa controlado, queimou unhas 20 hectáreas.
  • 2024: Un incendio rexistrado na parroquia de Pacios calcinou un total de 65 hectáreas.
  • 2023: Un lume comezado no concello de Baleira espallouse rapidamente ata arrasar con máis de 700 hectáreas, alentado polo forte vento. Así, chegou ata os concellos da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. Houbo que desaloxar veciños nas aldeas de Estremeiro e Castañosín, na parroquia de Piñeira; e mantivéronse en alerta sen desaloxos os da aldea de A Boucisca.
  • 2013: Un incendio forestal obrigou a activar o nivel 1 de alerta, o máis grave, obrigando a desaloxar veciños pola proximidade das lapas ás casas. Arrasou cun total de 350 hectáreas na zona de Vilar da Cuíña, onde se iniciaron as chamas, e a Fornaza.

- PORTO DO SON:

  • 2025: Incendio na parroquia de Miñortos, cunhas 30 hectáreas arrasadas.
  • 2024: Un total de 15 hectáreas queimadas e varios coches calcinados despois de iniciarse as chamas na parroquia de Caamaño. O lume estivo moi próximo ás vivendas do lugar de Campanario.
  • 2022: Dous focos simultáneos en Corrubedo, con 8,5 hectáreas queimadas. E nese mesmo ano, outro lume iniciado na parroquia de Ribasieira calcinou 82 hectáreas.
  • 2019: Incendios provocados chegaron a arrasar con 89,4 hectáreas nos montes deste concello.
  • 2016: Un dos maiores focos no Barbanza, con 1.600 hectáreas calcinadas aproximadamente en montes veciñais de Xuño e Oleiros.
  • 2013: Dous lumes en Porto do Son, nas parroquias de Noal e Ribaseira, queimaron 100 e máis de 20 hectáreas, respectivamente.

- A CAÑIZA:

  • 2025: Lume con cinco focos simultáneos. Preto de 300 hectáreas queimadas. Sete núcleos confinados.
  • 2024: Outras 20 hectáreas arrasadas nun lume iniciado na parroquia de Parada de As Achas. Igualmente, un lume que alcanzou as 30 hectáreas chegou a ameazar vivendas na parroquia de Luneda sen que finalmente chegase ata elas.
  • 2022: Un virulento incendio que calcinou arredor de 25 hectáreas en menos de 12 horas obrigou a pechar a A-52 e afectou tamén á N-120.

- RIBEIRA (CORRUBEDO INCLUÍDO):

  • 2025: Incendio moi leve no Parque Natural de Corrubedo, na zona de Olveira, con só 0,01 hectáreas arrasadas.
  • 2022: Dous focos nocturnos arrasaron con 8,5 hectáreas dentro do complexo dunar de Corrubedo. Tamén nese ano houbo un lume que obrigou a desaloxar a 700 persoas do camping Ría de Arousa, no núcleo de Oleiros, tras extenderse rapidamente polos concellos de Ribeira e A Pobra do Caramiñal. O lume en cuestión tería comezado na parroquia de Cures.
  • 2016: En Carreira, na zona dunar do parque, queimáronse unhas 81 hectáreas, 26 dentro do propio Parque Natural das Dunas de Corrubedo.
  • 2015: Dende 2015 rexistráronse na zona da Conlleira 17 lumes, polos que foi detido un home como suposto autor dos mesmo. Os lumes chegaron a afectar a 3.400 metros cadrados e mesmo estiveron próximos dunha nave con produtos inflamables.

- ARBO:

  • 2025: Incendio que chegou ao nivel 2 de alerta pola proximidade ás vivendas na parroquia de Arbo, con algo máis de 10 hectáreas arrasadas.
  • 2024: En Cabeiras, 12 hectáreas queimadas. O forte vento provocado pola chegada dunha borrasca fixo saltar todas as alarmas.
  • 2023: As chamas volveron azoutar a zona de Cabeiras.
  • 2022: Na parroquia de Moutentán houbo que lamentar a calcinación de máis de 400 hectáreas. Tamén nesa data, entrou dende Portugal outro lume que rematou con 82 hectáreas na parroquia da Barcela.
  • 2016: Un incendio forestal descontrolado levou por diante máis de 1.500 hectáreas, con proximidade a varias vivendas, o que o elevou a un dos 6 máis grandes da década por aquel entón. Estaban por chegar aínda os fatídicos lumes dos anos 2017 e 2022.

- CARBALLEDA DE AVIA:

  • 2025: Incendio de 20 hectáreas aproximadamente na parroquia de Carballeda.
  • 2024: Unha moto en chamas causou un incendio que arrasou 2,3 hectáreas.
  • 2017: O concello formou parte do perímetro Melón-Carballeda de Avia no que os lumes forestais arrasaron con unhas 5.800 hectáreas. A causa destes lumes, no concello de Carballeda de Avia morreu un home de 78 anos na parroquia de Abelenda das Penas tentando apagar o lume.

- CARBALLEDO:

  • 2025: Incendio de arredor de 20 hectáreas na parroquia de San Mamede de Lousada.
  • 2024: En Aguada, un incendio afectou a unhas 31 hectáreas.
  • 2017: O lume afectou indirectamente á zona dentro da gran vaga de lumes de Melón-Carballeda, que calcinou un total de 5.777 hectáreas de monte.
  • 2011: Un incendio forestal de máis de 20 hectáreas foi declarado na parroquia de Chouzán.

- MEAÑO:

  • 2025: Arderon unhas 80 hectáreas na parroquia de Xil, sendo o incendio visible en toda a ría porque comezou en alo menos cinco focos diferentes.

- SALVATERRA DE MIÑO:

  • 2025: Incendio en Pesqueiras con arredor de 47 hectáreas queimadas. Emerxencia nivel 2 por proximidade ás casas.
  • 2021: Lume na parroquia de Uma que arrasou con máis de 180 hectáreas. Chegou a declararse a situación 2 por proximidade do lume ás casas do núcleo de Maceiras. O lume tamén saltou ao concello veciño de Mondariz.
  • 2017: O concello estivo implicado no gran perímetro afectado xunto a As Neves e Gondomar, con 1.500 hectáreas arrasadas en total. Houbo que declarar como medida preventiva a situación 2 de emerxencia por proximidade ás vivendas. A parroquia afectada foi tamén Pesqueiras e o lume chegou a cruzar a Portugal.

- TOMIÑO:

  • 2025: En San Salvador de Tebra declarouse un lume moi leve que afectou a 0,02 hectáreas; pero no núcleo de Piñeiro o incendio forestal notificado xa foi máis relevante, chegando ás 27 hectáreas.
  • 2017: Na parroquia de Amorín declarouse un incendio que puxo en risco varias vivendas e descontrolado polos fortes ventos. Pouco despois de declararse este foco, saltaba unha nova alerta na parroquia de Barrantes, nas proximidades do cemiterio, tamén neste concello.
  • 2013: Un lume forestal declarado na parroquia de Burgueira, en Oia, extendeuse aos concellos veciños de O Rosal e Tomiño, queimando un total de 1.200 hectáreas.

- CUALEDRO:

  • 2025: En San Millao, o lume acadou as 97 hectáreas calcinadas, sendo tamén un dos máis virulentos do verán. O lume chegou a cruzar a fronteira cara Portugal.
  • 2020: As chamas do peor incendio lembrado en Galicia dende 2017 arrasaron 1.535 hectáreas. Foi preciso mobilizar aos técnicos da UME.
  • 2015: Un lume forestal implacable levou por diante máis de 3.000 hectáreas, afectando tamén aos concellos veciños de Baltar, Trasmiras e Xinzo de Limia. Teríase iniciado na parroquia de Lucenza, no municipio de Cualedro. Houbo que activar a situación dous por proximidade das chamas a núcleos habitados e vivendas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

A seguir plantando eucaliptos e pinheiro insigne e assi Galiza ficará sem terra nuns anos. Agora si, haverá-se enriquecido à oligarquia madrilenha, dona das fábricas de celulose.