Por Galicia Confidencial | SANTIAGO | 04/08/2025 | Actualizada ás 16:10
Como cada verán, o lume retornou a Galicia. E, con el, o medo, a impotencia e a rabia. Dende o 25 de xullo ata hoxe, alo menos un total de 1.700 hectáreas do noso monte foron devoradas polas chamas en decenas de parroquias, algunhas delas cercadas polo lume, outras con núcleos de poboación evacuados ou confinados e outras con estradas de acceso cortadas pola proximidade das lapas. O que ves neste mapa non son só puntos: son feridas abertas no territorio. Son montes que eran casa, sustento e refuxio para a nosa biodiversidade. O lume xa non queda no alto do monte: descende, avanza, cóase entre as casas, salta estradas e obriga a pechar aldeas. Cada vez máis rápido. Cada vez máis imprevisible. A emerxencia volveuse a paisaxe habitual no verán galego, e o que antes era excepcional agora é rutina. Galicia arde en ciclo, e cada ciclo semella máis agresivo que o anterior.
Moitas destas chamas foron provocadas de maneira intencionada pola man do home e, sen embargo, case nunca hai responsables. Ou, mellor dito, hainos, pero non aparecen. Ao mesmo tempo, o abandono do rural, a falta de xestión forestal e a expansión de especies inflamables coma o eucalipto converten grandes zonas do país nunha trampa perfecta para o lume. A todo isto súmase o cambio climático, que se acelera, intensifícase e multiplica os factores de risco: calor extremo, sequedade, vento... Os veráns son máis longos e máis duros. E Galicia, tan verde, tan fráxil, non sempre resiste. Este mapa non busca só informar. É tamén unha chamada de atención. Porque cando o monte arde, non só se queima a paisaxe: quéimase tamén a maneira de vivir, de habitar, de estar no mundo. Quéimase o noso futuro.
A relación de incendios maiores a 20 hectáreas ou que puxeron en risco aldeas habitadas e parques naturais informados pola Consellería de Medio Rural dende o pasado 25 de xullo ata o actual 4 de agosto é a seguinte: Ponteceso (A Graña, 100 hectáreas; Brantuas, 170 hectáreas; Cospindo, 200 hectáreas); Vilardevós (Terroso, 570 hectáreas e situación 2 de alerta); Vilar de Barrio (Rebordechau, 20 hectáreas); Porto do Son (Miñotortos, 28,3 hectáreas); A Cañiza (O Couto, 300 hectáreas e situación 2 de alerta); Ribeira (Olveira, 0,01 hectáreas dentro do Parque Natural das Dunas de Corrubedo); Arbo (Arbo, 10,21 hectáreas e situación 2 de alerta); Carballeda de Avia (Carballeda, 20 hectáreas); Carballedo (San Mamede de Lousada, 16 hectáreas); Meaño (Xil, 82,89 hectáreas); Salvaterra de Miño (Pesqueiras, 47 hectáreas); Tomiño (Piñeiro, 27 hectáreas); Cualedro (San Millado, 97,27 hectáreas).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.