Temas: FRASEOLOXíA

“Quen lle dera”, expresión enxebre máis tradicional ca “que máis quixera (que)”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 25/11/2018 | Actualizada ás 15:00

Comparte esta noticia

É bastante probable que moitas das persoas que xa superamos a barreira dos corenta e nos criamos en ambientes galegofalantes teñamos escoitado na nosa nenez ou mocidade, cando alguén do noso ámbito se poñía a falar en castelán, iso de “quien le diera (...)”, para manifestar que a unha persoa lle gustaría facer ou conseguir algo, dando ó mesmo tempo a entender que consideraba que ese algo ía ser en certo modo complicado, ou mesmo imposible, de conseguir ou de levar a cabo.

O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria
O sorriso do apóstolo Daniel no Pórtico da Gloria | Fonte: Fundación Barrié

Hoxe en día, do mesmo xeito a como aconteceu con outros fenómenos (coma, por exemplo, o de pasarmos de utilizar o castelán sen tempos verbais compostos –coma tal, Ya se lo dijera yo– a falar en galego con estes tempos verbais compostos –coma tal, *Xa llo había dito eu–), o que está a suceder é que, por influencia da presión exercida polo castelán, a secuencia que máis quixera, parella da castelá qué más quisiera –e se cadra incluso importada desde esa lingua–, está a lle comer cada vez máis terreo ó noso tradicional e enxebre quen lle dera. Non deixemos que (sen prexuízo de utilizar tamén a outra cando o consideremos pertinente) esmoreza a nosa de sempre.

¡Qué más quisiera [quisiera (yo) & quisieras & quisiéramos & quisierais & quisieran] (+ oración completiva)!

{= Expresión que denota que a alguén lle gustaría –ou que devece por– facer ou conseguir algo, e que ó mesmo tempo dá a entender que a persoa que emite a expresión considera que ese algo vai ser en certo modo complicado, ou mesmo imposible, de conseguir ou de levar a cabo.}

¡Quen lle dera [me dera & che dera & nos dera & vos dera & lles dera] (+ oración completiva)!

[Tamén]:

¡Que máis quixera [quixera (eu) & quixeras & quixeramos & quixerades & quixeran] (+ oración completiva)!

Ex.: —¿Te eligieron para formar parte del equipo? —¡Qué más quisiera yo (que que me eligieran)!, pero todavía no se sabe nada.

—¿Elixíronte para formar parte do equipo? —¡Quen me dera (que me elixiran)!, pero inda non se sabe nada.

Ex.: —Mañana tengo que volver a dar clase... y la verdad es que no me apetece un pimiento. —No seas soberbio, que qué más quisieran otros (que estar dando clases).

—Mañá teño que volver dar clase... e o certo é que non che me apetece un can. —Non sexas soberbio, que quen lles dera a outros (estar dando clases).

● Tamén, nesta mesma liña:

¡Ya le [me & te & nos & os & les] gustaría (+ oración completiva)!

¡Xa lle [me & te & nos & os & les] gustaría (+ oración completiva)! && (Xa) Tomara el/ela [tomara eu & tomaras ti & tomaramos nós & tomarades vós & tomaran eles/elas] + oración completiva

Ex.: —¿Te eligieron para formar parte del equipo? —¡Ya me gustaría (que me eligieran)!, pero todavía no se sabe nada.

—¿Elixíronte para formar parte do equipo? —¡Xa me gustaría (que me elixiran)!, pero inda non se sabe nada && ¡(Xa) Tomara eu que me elixiran!, pero inda non se sabe nada.

Ex.: —Mañana tengo que volver a dar clase... y la verdad es que no me apetece un pimiento. —No seas soberbio, que ya les gustaría a otros (estar dando clases).

—Mañá teño que volver dar clase... e o certo é que non che me apetece un can. —Non sexas soberbio, que xa lles gustaría a outros (estar dando clases) && —Non sexas soberbio, que (xa) tomaran outros estar dando clases.

NOTAS:

1. Malia se reflectiren no presente artigo estas expresións entre signos de admiración –formando parte, xa que logo, dunha enunciación de modalidade exclamativa–, cómpre ter en conta que tamén poden formar parte de enunciados de modalidade aseverativa sen máis. Ex.: Quen me dera poder ir ó partido convosco, pero hoxe non vai ser, que teño que dar conta da pequecha.

2. En relación coa secuencia (xa) tomara el/ela [tomara eu & tomaras ti & ...] + oración completiva, as poucas veces que a escoitei sempre ía acompañada dunha oración completiva (este mesmo esquema de construción é, igualmente, o que se rexistra no Dicionario fraseolóxico galego de Martíns –antes, Martínez– Seixo). Non obstante, e na medida en que se trata dunha construción que nin teño de meu nin rexistrei tampouco un número de veces que poida considerar abondo coma para poder contrastar dun xeito máis ou menos fidedigno o seu uso, non sabería dicir se son posibles secuencias nas que non apareza a oración completiva.

En todo caso, se cadra algún dos lectores pode confirmar, ou non, se un exemplo coma o seguinte, en que non aparece ningunha oración completiva, se podería considerar como correcto (intuitivamente diría que si, pero non teño en absoluto a certeza):

Ex.: —¡Ánimo, hombre, que no todo puede salir del revés! Verás como mañana te toca un buen premio en la lotería de Navidad. —¡Ya quisiera yo, pero me da a mí que no!

—¡Ánimo, home, que non todo poder saír ás avesas! Verás como mañá che toca un bo premio na lotería de Nadal. —¡Tomara eu, pero dáme a min que non!

3. Inda que probablemente resulte obvio para practicamente todos os lectores, vou comentar, polo si ou polo non, que naqueles casos en que segue unha oración completiva de infinitivo, a secuencia castelá qué más quisiera (e a correspondente galega que máis quixera) esixe a continuación unha conxunción que, conxunción esta que non vai aparecer tras quen lle dera: Exs.:

¡Qué más quisieran ellos que tocar la pandereta como nosotros!

¡Quen lles dera a eles tocar a pandeireta coma nós!

¡Qué más quisieras que ser el más guapo de clase!

¡Quen che dera ser o máis guapo da clase!

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xavier Perdiz

Eu son dunha zona onde é moi normal a expresión "tomara...". Son da Limia Baixa e teño 60 anos. Escoiteina desde sempre e dígoa bastante. Aínda a usa moita xente, fóra dos máis novos, que xa falan castelán ou castrapo. Miña mai, que era da parte de Celanova, tíñaa sempre na boca. Non é preciso que oración sexa completa: dise moito : "Tomara il!", " Tomaras tu!", "Tomarades vós!" ... Cando eu era meniño e me negaba a comer calquera cousa por entoxo ou por gangos, miña mai sempre me dicía: "Tomaran outros!!!", como dicindo "Quen lles dera a moitos nenos do mundo poder comer o que che eu estou dando e tu rexéitalo!". Así que, si, o teu exemplo («Tomara eu, pero dame a min que non!») sóame completamente normal.