Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 22/06/2025 | Actualizada ás 14:00
Nin faladoiro ten que, sexa cal sexa a comunidade ou sociedade en que nos atopemos integrados, a morte é o punto final da vida terrestre tal e como a entendemos e experimentamos no noso día a día, de aí que constitúa unha experiencia ineludible para todo ser humano.
Como tal, non pode ser menos que haxa voces léxicas que dean conta dela, pero, así mesmo, tampouco é nada raro que as comunidades lingüísticas dispoñan de paremias que manifestan a devandita realidade.
En castelán unha das máis habituais é a de estirar la pata. En galego, alén da correspondente a esta paremia castelá, contamos con outras moitas, como deseguido imos ver (de feito, tal é así que imos dividir o artigo en dúas partes a fin de facilitar a retención e asimilación, por parte do lector, de toda a información que nel se reflicte):
Estirar la pata
{= Deixar de vivir, morrer.}
Estirar a pata && Estarricar # Estricar a pata
Estirar a perna && Estarricar # Estricar a perna
Recachar o rabo && Requichar o rabo
Dar os fíos á tea
Facer a carantoña
Facer a careta
Recachar as mazarocas && Recachar a mazaroca
Ex.: Muchos se alegrarán el día en que el dictador estire la pata.
Moitos alegraranse o día en que o ditador estire/estarrique/estrique a pata ‡ estire/estarrique/estrique a perna ‡ recache o rabo ‡ dea os fíos á tea ‡ faga a carantoña ‡ faga a careta ‡ recache a(s) mazaroca(s).
● Tamén:
Arrefecerlle # Arrefriarlle o ceo da boca && Rapalo a gadaña && Quedar para amparo de miñotos && Dar o chicho
Ex.: Moitos alegraranse o día en que ó ditador lle arrefeza o ceo da boca ‡ en que ó ditador o rape a gadaña ‡ en que o ditador quede para amparo de miñotos ‡ en que o ditador dea o chicho.
● Tamén:
Entregar o cu ás pegas && Bater a bota && Coller (o) camiño da cova && Encartar a gaita && Coller o pasaporte && Estirar o rabo && Nadar de vez && Ceibar o derradeiro alento # o derradeiro folgo # o derradeiro suspiro && Ceibar o derradeiro folgo && Dar a derradeira boqueada && Acabárselle a corda
[E MESMO TAMÉN]: Regañar os dentes && Regañar a moa && Regañar o fociño && Requichar os dentes
● E mais tamén:
Ir para a pataqueira # para a cova # para a burata # para o camposanto # para o cemiterio && Ir para debaixo dos terróns && Ir para a terra
Ex.: Moitos alegraranse o día en que o ditador entregue o cu ás pegas ‡ bata a bota ‡ colla o camiño da cova ‡ encarte a gaita ‡ colla o pasaporte ‡ ceibe o derradeiro alento ‡ regañe a moa ‡ regañe o fociño ‡ vaia para a pataqueira ‡ vaia para a cova ‡ vaia para o camposanto. & Moitos alegraranse o día que ó ditador se lle acabe a corda.
NOTAS:
1. En relación cos fraseoloxismos facer a carantoña e facer a careta, cómpre sinalar que, no fondo e ben mirado, veñen a ser practicamente a mesma expresión, no sentido de que en galego tanto carantoña coma careta (malia que neste último caso inda non se recolle con este sentido no DRAG, mais si en obras de recompilación de léxico, coma por exemplo no Glosario de voces galegas de hoxe, do profesor Constantino García) poden presentar un significado que poderiamos definir como “Expresión anormal, esaxerada e/ou contorsionada do rostro” (isto é, o que en castelán se viría a denominar como mueca, mohín ou visaje).
Constantino García González (1985): Glosario de voces galegas de hoxe, Universidade de Santiago, Verba, anexo 27 |
||
careta |
f. |
1. (Com.) careta; |
|
___ |
2. (Mon.) pieza de madera que sirve para soldar |
|
___ |
3. (Nov. Gud.) gesto o seña |
Xa que logo, tanto carantoña coma careta virían a ocupar, na nosa lingua, os mesmos espazos de uso cá voz castelá mueca:
● mueca [sin. cast.: mohín, gesto, visaje] f. {Expresión anormal, esaxerada e/ou contorsionada do rostro.} Carantoña, careta. Outras denominacións rexistradas: debeño (m.), gramura. Sin., como voces hiperónimas que poden abranguer un significado máis amplo (isto é, non só limitado a unha expresión contorsionada do rostro): xesto, aceno, ceno. [Ex.: Las muecas suelen revelar intenciones o estados de ánimo, como disgusto, sorpresa, burla, contrariedad... As carantoñas # caretas adoitan revelar intencións ou estados de ánimo, coma desgusto, sorpresa, burla, contrariedade... && Ex.: Por mucho que quiso disimular, no pudo evitar una mueca de dolor. Por moito que quixo disimular, non puido evitar unha carantoña # unha careta # un xesto # un aceno de dor.] [Tamén sin., mais só para aqueles casos en que se fan para se mofar de alguén (casos estes en que as voces se adoitan empregar en plural): felo (m.). {Ex.: Deja de hacerle muecas, que se va a cabrear. Deixa de lle facer felos # carantoñas # caretas, que se vai asañar.}.] [Tamén sin., para aqueles casos en que se fan para divertir a alguén ou facerlle as beiras ou o conto (véx. carantoña): ñáñaras (f. pl.), monada, garatuxa. {Ex.: ¡Mucho se ríe el bebé con las muecas que le hace el abuelo! Moito ri o meniño coas ñáñaras # monadas # garatuxas # carantoñas # caretas que lle fai o avó!}.] ╟Tamén, nalgúns contextos: expresión.╢ |
2. No referente á paremia quedar para amparo de miñotos, tirada do traballo “Fraseoloxía e paremioloxía de Pilar Guerra (Trasar, Carballedo, Lugo)”, de Anxo González Guerra, no propio traballo se explica que, para o que aquí nos ocupa, os miñotos “son os bichos que comen os cadáveres”.
3. En relación coa secuencia expresiva dar os fíos á tea, obsérvense, por exemplo, as paremias quen se laia e non come nin sonea logo dá os fíos á tea (tirada do Refraneiro Galego de Taboada Chivite) e quen se laia e non come nin ronca logo dá os fíos á tea (tirado do traballo “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”, de Ventín Durán).
4. Polo que atangue a bater a bota, obsérvese a estreita relación formal –e mesmo tamén, inda que non tan estreita, ata certo punto no significado, na medida en que ambos os casos se fai referencia a marchar dalgún sitio– coa paremia bater o zoco.
5. Nótese a conexión do presente artigo co que abordaremos xusto despois del (mesmo con posibilidade de que secuencias expresivas de ambos conflúan en certos contextos), correspondente ás expresións galegas que se virían a corresponder coa castelá estar criando malvas (=estar morta e enterrada unha persoa).
6. As expresións e solucións galegas están tiradas das seguintes fontes, ou inspiradas nelas (xuntamos as do artigo completo, isto é, tanto as correspondentes a esta entrega coma á seguinte):
- Recolleita propia da oralidade galega.
- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).
- Anta Fernández, Alicia: “O Robledo é capital e o demais son conquistas: fraseoloxía de Robledo de Domiz”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 23, 2021, páxs. 141-157. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades
- Asociación de Escritoras/Escritores en Lingua Galega: Sección “Palabras con memoria”, á que se pode acceder a través de Internet no url seguinte: https://www.aelg.gal/palabras-con-memoria
- Barbeito Lorenzo, María Dolores: “Frases feitas do Concello das Neves”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 7, 2005, páxs. 293-301. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Carré Alvarellos, Leandro: Diccionario galego-castelán, de entre 1928 e 1931. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Cotaredo. Revista cultural e turística do concello de Forcarei. Núm. IX, ano 2006. No url https://proba72390896.wordpress.com/wp-content/uploads/2018/12/cotaredo-2005.pdf
- Cuns Lousa, Xulio: “Rabusco”. En Anuario Brigantino, 12, 1989, páxs. 259-287.
- Cuveiro Piñol, Juan: Diccionario gallego. Publicado en 1876. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Ferro Ruibal, Xesús: “Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre”. Discurso de ingreso do profesor Ferro Ruibal na Real Academia Galega o 4 de maio de 1996
- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ferro Ruibal, Xesús: “Dentes e moas na fraseoloxía galega”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, páxs. 69-126. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Filgueira Valverde, X. F. & Tobío Fernandes, L. & Magariños Negreira, A. & Cordal Carús, X.: Vocabulario popular castelán-galego. Publicado por entregas en 1926. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe. Publicado en 1985. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- García, Constantino & González González, Manuel (dirs.): Dicionario castelán-galego da Real Academia Galega. Colección Galicia Viva / Real Academia Galega. Fundación Pedro Barrié de la Maza, ano 2004.
- González Guerra, Anxo: “Fraseoloxía e paremioloxía de Pilar Guerra (Trasar, Carballedo, Lugo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 12, 2010, pp. 289-315.
- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- López Taboada, Carme & Soto Arias, Mª Rosario: “Sete catas na orixe da fraseoloxía”. En Estudos de Lingüística Galega, 2, 2010, páxs. 221-233. Instituto da Lingua Galega.
- Martínez [agora, Martíns] Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.
- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Noriega Varela, Antonio: Como falan os brañegos. Ed. Nós, 1928, A Coruña.
- Otero Álvarez, Aníbal: “Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugés”, CEG XVII, pp. 83-114. Ano 1951. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Otero Álvarez, Aníbal: “Vocabulario de San Jorge de Piquín”. Revista Verba, anexo 7. Universidade de Santiago de Compostela, 1977.
- Pereda Álvarez, José María: Aportaciones léxicas y folklóricas al estudio de la lengua gallega. Publicado en 1953. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).
- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rivas, Paco: Fraseoloxía do mar na Mariña luguesa. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 1, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Rivas Quintas, Elixio: Material lexicográfico da súa elaboración consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina):
a. Frampas, contribución al diccionario gallego, publicado en 1978.
b. Frampas II, contribución al diccionario gallego, publicado en 1988.
c. Frampas III, contribución al diccionario gallego, inédito e cedido polo autor para o Diccionario de diccionarios da lingua galega.
- Rodríguez Gil, Francisco Javier: Dicionario gallego castellano. Versión manuscrita (1855) e mais o publicado en 1863 consonte a edición preparada por Antonio de la Iglesia González. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Santamarina, Antón (dir.) / Ernesto González Seoane / María Álvarez de la Granja: Tesouro informatizado da lingua galega (TILG). (Versión 4.1). Santiago de Compostela. Instituto da Lingua Galega.
- Taboada Chivite, Xesús: Refraneiro Galego. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 2, 2000. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Valladares Núñez, Marcial: Diccionario Gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Valladares Núñez, Marcial: Nuevo suplemento al Diccionario Gallego-castellano publicado en 1884 por D. M. Valladares Núñez. Edición de Mª Carme García Ares. Cadernos de Lingua, 2000. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).
- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.