(Vídeo) O mosteiro de Caaveiro en viñetas: historia, maxia e memoria nun lugar sagrado das Fragas do Eume

A Deputación da Coruña promove unha banda deseñada para divulgar a historia dun patrimonio de valor incalculable como é o mosteiro de Caaveiro entre a mocidade. O ilustrador Delio Rodríguez crea unha obra chea de beleza gráfica, humor e rigor histórico, grazas á documentación e investigación de Ismael Blanco Bouza e Lois Gómez Souto.

Por Ángela Precedo | A CORUÑA | 29/06/2025 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Nun recuncho máxico das Fragas do Eume, onde o río se retorce entre bosques húmidos e néboas antigas, érguese desde hai máis de mil anos o mosteiro de Caaveiro. Alí onde a natureza e a historia se funden, a Deputación da Coruña vén de presentar un proxecto único: unha banda deseñada que conxuga divulgación, arte e memoria para contar a historia deste lugar sagrado a través das viñetas. "Todo comezou polo século IX. Naquel tempo o reino de Galicia era moi importante... e era golpeado polos pobos que viñan do norte polo mar e os que procedían do emirato no sur. Daquela apareceron uns monxes anacoretas que decidiron estar aquí en equilibrio coa natureza, fuxindo do mundo terreal. Vivían austeramente do que a fraga lles proporcionaba. E contemplaban a grandeza da Creación desde este lugar privilexiado...".

O mosteiro de Caaveiro representado nunha banda deseñada
O mosteiro de Caaveiro representado nunha banda deseñada | Fonte: GC

Así arrinca a viaxe no tempo proposta na banda deseñada 'Historia do Mosteiro de Caaveiro. Un lugar milenario no corazón das Fragas do Eume', ilustrada por Delio Rodríguez e con guión de Lois Gómez Souto e Ismael Blanco Bouza. Unha obra que mestura historia, arquitectura, natureza e lenda cun ton accesible, visual e evocador.

O MOSTEIRO COMO UN CICLO VITAL

A narrativa do cómic está construída como as estacións do ano: primavera para a fundación, verán para o esplendor, outono para a decadencia e inverno para o abandono, ata chegar á recuperación contemporánea. "É unha visita en papel", asegura Delio Rodríguez ao Galicia Confidencial, confesando que, tras ler o cómic, "cando logo vas a Caaveiro, ves todo con outros ollos". Para o ilustrador visitar este lugar e poder crear a partir del foi unha experiencia transformadora: "Foi coma facer unha tese. Mastigamos moitísima información, visitamos o lugar varias veces, documentámonos con axuda de expertos como José Manuel Yáñez ou Carlos de Castro e, agora, todo ese traballo está condensado nun libro que calquera pode entender e desfrutar".

LENDA, ESPIRITUALIDADE E HISTORIA VIVA

A banda deseñada leva ao lector desde os primeiros eremitas que viviron "austera e harmoniosamente do que a fraga lles proporcionaba" ata o esplendor da colexiata de San Xoán e os tempos de San Rosendo, cuxo milagre --un anel perdido que reaparece no ventre dun peixe-- chegou ata nós a través da tradición oral. Historias coma esta mestúranse co relato arquitectónico: os privilexios outorgados por Afonso VII, os abusos dos Andrade, a vida dos cóengos agostiños ou a rehabilitación do século XIX por Pío García Espinosa, que converteu o mosteiro na súa residencia de verán. Unha etapa tamén recreada nas viñetas con detalle e humor: "Non me alcanza para reconstruír dúas igrexas... ¿Que me aconsella facer?".

UN TRABALLO DE CAPAS E DETALLES

A dificultade, explica Delio, foi "converter mil anos de historia nunha narración fluída, sen que o mosteiro fose o narrador". Para iso crearon personaxes como Silvina da Fraga, que actúa como guía dos rapaces protagonistas e lles transmite a historia, as lendas e a maxia do lugar. "É unha narración por capas, coma un libro que se vai abrindo a medida que se le", di. Delio tamén destaca o esforzo por recrear espazos dos que non quedaban apenas testemuñas visuais: o cabido, o coro da igrexa ou certas estruturas arquitectónicas. "Para unha soa viñeta houbo que revisar documentación, facer visitas, comparar con outras igrexas da época... Foi un traballo moi minucioso", asegura o ilustrador.

AS FRAGAS COMO PERSONAXE

Ademais, a fraga atlántica non é só escenario, senón que se converte tamén nun personaxe máis: con luces, néboas e texturas que mudan coas estacións e coa historia. "Hai viñetas que me emocionan pola atmosfera", di Delio. "As visitas ao mosteiro desde dentro, ou os paseos antes de que se derrube o cabido son secuencias que teñen unha luz especial", confesa. Tamén esa emoción se transmite ao lector a través das palabras dos propios personaxes. Como di Silvina da Fraga: "Este lugar está feito de maxia e lendas... Porque son Silvina da Fraga, e son de aquí de sempre".

UN LIBRO PARA VER CAAVEIRO CON OUTROS OLLOS

A obra está pensada para públicos de todas as idades, cunha lectura áxil pero cargada de contido. "Mesmo quen non coñeza Caaveiro pode entender o seu valor lendo este libro", di Delio. "E, cando visite o mosteiro, verá que non está diante dunha ruína calquera, senón dun símbolo con historia, identidade e sentido", asegura. Así se plasma tamén no propio cómic: "Coido que con esta xentiña nova, este vello mosteiro agochado nas Fragas do Eume ten vida para outros mil anos máis".

UNHA BANDA DESEÑADA CON VIDA PROPIA

Promovida pola Deputación da Coruña, a banda deseñada suma unha nova ferramenta ao proceso de recuperación e musealización do mosteiro. A versión física vén acompañada de materiais extra, explicacións históricas e mesmo dunha pequena sorpresa: unha receita tradicional das "herbas de San Xoán", agochada nas solapas do libro. Así, a lectura desta obra non é só unha viaxe polo pasado. É tamén unha invitación a coñecer e amar mellor o territorio. A mirar ao mosteiro non só como patrimonio, senón como testemuña viva dunha Galicia que resiste no tempo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta