O Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia volverá ser este verán un escenario privilexiado para a divulgación astronómica grazas a unha nova edición do programa de actividades organizado pola Federación Galega de Astronomía e Radioastronomía (Fegar), en colaboración coa Xunta e co persoal do propio Parque. A iniciativa, que cumpre xa nove anos, desenvolverase entre o 1 de xullo e o 7 de setembro e contará con actividades gratuítas para todos os públicos, incluído o infantil.

Dende o ano 2016, as Illas Atlánticas contan coa acreditación como destino turístico Starlight, un recoñecemento que avala a calidade dos seus ceos nocturnos para a observación astronómica. A programación deste ano pretende reforzar esa condición e achegar a astronomía ao público xeral, aproveitando a beleza natural do arquipélago e a escasa contaminación lumínica.
As actividades dividiranse en dúas quendas: observación solar diúrna, de 13.30 a 14.00 horas, e observación nocturna, entre as 23.30 e as 01.30 horas, acompañadas de explicacións de expertos en astronomía. Tamén se organizarán sesións específicas para público infantil, con obradoiros e exploración de corpos celestes, e eventos especiais para a choiva de estrelas das Perseidas, con observacións simultáneas nas illas Cíes e Ons.
CÍES E ONS COMO CENTROS PRINCIPAIS
A meirande parte da actividade concentrarase nas illas Cíes, con programación diaria durante todo o mes de agosto, ademais dos días 6 e 7 de setembro, e nas illas Ons, onde haberá actividades continuadas durante xullo e entre o 9 e o 12 de agosto. Pola súa banda, as illas de Cortegada e Sálvora tamén estarán presentes na iniciativa, aínda que cunha presenza máis puntual: charlas os días 2 e 8 de agosto en Cortegada e unha actividade o sábado 16 en Sálvora.
INSCRICIÓNS
A participación en todas estas accións é de balde, mais será necesario inscribirse previamente nas casetas de información de cada illa. Os grupos organizaranse segundo a demanda e a dispoñibilidade, tendo sempre en conta as condicións meteorolóxicas, determinantes para a realización das observacións.
Con esta proposta, o Parque Nacional reforza a súa aposta pola educación ambiental e científica, promovendo un turismo sostible que combina o goce do patrimonio natural coa divulgación científica ao aire libre.
Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
- Case mil anos de explotación mariña: do marisqueo castrexo á factoría romana do Alobre
- Allariz, epicentro do mundo do coiro de Galicia
- O Museo Sargadelos-Carlos Maside, a Rapa das Bestas e o Pazo de Lourizán, declarados BIC
- Entre as cinzas e a memoria da vaga de incendios en Ourense: a historia do Castro do Castelo Pequeno
- A capela que sobreviviu ao inferno na Terra: Santa Catalina, na aldea de Souteliño de Laza
- A illa privada que custa máis por noite que un ano de aluguer de moitas familias galegas: A Creba