Galiartesá- Pepa Lombao, oleira de Bonxe: "Síntome moi a gusto sendo cacharreira"

Xubílase a única expoñente desta olería ancestral, que continúa viva na actualidade: Só tres familias de 60 veciños podían vivir das terras, o resto facía cacharros de barro para poder usar e vender".

Por Amanda Fernández | Santiago de Compostela | 27/03/2024 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

O Galicia Confidencial presenta a serie 'Galiartesáns e galiartesas' coa que procura visibilizar diferentes oficios artesáns que perduran no tempo e que teñen gran valor. Nesta ruta facemos unha primeira parada en Bonxe, en Outeiro de Rei, onde hai un oficio moi famoso que sobresae. Hai un indicador co título "Cerámica de Bonxe" na parte esquerda do camiño, visitamos o Museo da Olería de Bonxe da man da oleira Pepa Lombao. Coa ansiada xubilación xa presente, viaxa ao pasado para recordar os seus inicios neste oficio, que vén de familia e propio da zona: "Empecei a facer olería, despois dunha mala experiencia nun traballo que tivera durante tres anos en Barcelona. Volvín e estaba meu pai, que era oleiro traballando daquela, e era algo que eu vivira desde nena, así que fixen a especialidade de cerámica na Escola de Artes Aplicadas", conta. Sentada no seu taller, cheo desas pezas de cacharrería "de toda a vida", reivindica que cando empezou quixo abrir miras máis aló da olería tradicional. "Quería manter o de sempre e probar novas cousas, era unha moza con inquedanzas, fixen este taller no que comecei a traballar no 2000".  

Unha das pezas que hai no museo
Unha das pezas que hai no museo

Moito tivo que ver o pai de Pepa, o cacharreiro Indalecio Lombao, con esa paixón pola olería, que sempre lle dixo que "había que manter o que había" e falaba da olería de Bonxe, un reflexo da cultura e maneira de vivir desa zona. "Ao saber tornear podes facer prácticamente de todo, máis aló do tradicional, e o meu traballo permitíame estar en ambos frentes e iso enganchoume", confesa Pepa. Do seu labor de oleira destaca que é un traballo no que ela se organiza "de principio a fin", que permite innovar, a creatividade e ata "escoitar a radio mentres confeccionas unha peza". Dicindo isto último esboza un sorriso. 

ORGULLOSA DE SER CACHARREIRA

"Eu síntome moi a gusto sendo cacharreira porque meu pai dicía 'Ti, a cacharrería, o tradicional tes que tela sempre' e estou convencida de que si", afirma Pepa, que agora mesmo lle está ensinando a unha rapaciña de aquí e replica iso que lle dicía o seu pai: "Podes facer a creación que queiras, pero tamén conservar esas pezas que nos falan dunha época e que moita xente segue demandando porque as tiveron na casa noutros tempos". Así, o factor da nostalxia mestúrase co orgullo de "poder sobrevivir sen necesidade de marchar da terriña". 

E que pasará agora que se xubila a única cacharreira, que mantén vivo este oficio en Bonxe? Pepa ten esperanza de que haxa futuro porque é un traballo bonito. "Non vas a ter sempre ese diñeiro, pero a outra parte compensa moito iso. Dis vou facer esta peza, primeiro realizala, torneando ou por outro método, cocela, decorala, todo iso é creatividade. Para a cazola antiga xa tes a forma e, hai que tela, porque a xente vén buscando iso", contaxia o seu entusiasmo describindo o que significa para ela a olería. 

Bonxe conta cunha das olerías máis ancestrais de Galicia, que hoxe coñecemos grazas ao traballo de conservación dos seus expoñentes. Houbo épocas pasadas no que o 90% da poboación deste núcleo estaba dedicado directa ou indirectamente á olería, elaborando ou vendendo. "Só tres familias de 60 veciños podían vivir das terras, o resto facía cacharros de barro para poder usar e vender. Tamén eran músicos", menciona Pepa, que destaca que na mestura para as pezas mesturan barro de Bonxe e da vila próxima de San Lorenzo. Mostra de todo isto está no seu Museo, que propón unha viaxe pola etnografía e antropoloxía da zona. Imaxes do seu pao e doutros artesáns da vila, así como unha chea das súas pezas, do máis destacables e "do que había antes": barreños, cazolas, cacheleiros, botixos, fontes, tarteiras, xarras, chocolateiras,... 

PEPA SENTA E COMEZA A MOVER O TORNO

Antes de sentar a falar con Pepa, o primeiro que fixo foi ensinar paso a paso como se elabora unha peza. "Primeiro hai que coller o barro, das dúas clases, mesturalo, machacalo ben cuns macicos, e botarlle a auga que precise. Logo temos que escollelo a man para sacarlle as impurezas, os restos de raíces, areas e así. Nestes momentos, o que fago é colalo, poñelo bastante líquido, ao facelo soa paréceme máis fácil que pasalo pola man. Hai que limpialo, dunha maneira ou doutra, e despois unha vez está mesturado e limpo, chega o momento de facer a peza", conta. Diríxese ao torno, que é de pé, a diferenza do de Gundivós, que é de man, por exemplo. Senta e comeza a mover o pé o que permite que o torno xire e con iso, a peza comece a coller forma e pensa en facer unha hucha. Con tantos anos de experiencia e facendo tantas así, logra terminar a peza en moi pouco tempo e indica que habería que deixala secar e decorala. Finalmente secan e van ao forno, onde cocen a elevadas temperaturas. 

Se algo está claro é que Pepa ten paixón polo que fai e agora que se xubila, recoñece que seguirá ensinando o museo e explicando o que é a olería "sempre que poida". O de tornear, xa o ve máis difícil, padece de artrose nas mans, "unha rodilla que se sae" e certa dor no pescozo. Porén, está segura que nos momentos nos que se atope ben, o torno sempre será un compañeiro para pasar o tempo e estar entretida. "Isto gústame, súbeme o ánimo, é saudable", manifesta. 

Para ela a artesanía é importante porque no seu momento naceu da necesidade de "facer pezas" porque non tiñan medios e a xente tiña que buscar a vida. "A min iso paréceme xenial e creo que agora estamos peor, pero é a época que nos toca". Antes de marchar, preguntámoslle que significa para ela a olería e responde: "É unha homenaxe a min mesma porque me gusta e fágoo porque sinto que é unha cousa que me parece representativa da zona, de como se vivía, ten unha lectura e paréceme importante mantela". A olería de Bonxe está moi viva e menciona que cada vez que chegan excursións cos máis cativos e, se lles explica o que era a pezoneira, rin e quedan abraiados. "Bonxe é lugar de oleiros, que buscaron alternativas e foron do máis creativos coa cacharrería, necesaria no momento", expón Pepa, a gardiá da olería de Bonxe. 

A oleira Pepa Lombao no seu taller de Bonxe
A oleira Pepa Lombao no seu taller de Bonxe
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta