Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2024 | Actualizada ás 16:19
A conselleira de Vivenda, María Martínez, instou ao Goberno central a "cubrir as lagoas" da normativa estatal sobre obras ilegais na costa, despois de que o Tribunal Constitucional declarase inconstitucional que Galicia limite a 15 anos o prazo de actuación contra obras ilegais neste ámbito. A preguntas dos medios, nun acto en Pontevedra, instou ao Goberno a "regular a prescrición da caducidade da acción" ao entender que o fallo do Tribunal Constitucional expón, segundo a Xunta, "a falta de competencia dunha comunidade para cubrir esa lagoa que existe na normativa estatal".
"Unha edificacion que teña orde de demolición e non se execute en 15 anos si que pasaría a situación de fóra de ordenación, con todo unha edificacion que leva 40 anos edificada nunca estaría nesa situación", citou como exemplo e tras incidir en que a normativa autonómica busca "crear seguridade xurídica a esas construcións que levan décadas na servidume de costas".
Da normativa estatal, remarcou que "non establece un prazo de caducidade de acción para que a administración poida iniciar un expediente de reposicion da legalidade como existe en zonas de especial protección como a paisaxística", apostilou tamén. Agora, dixo que o que espera a Xunta é que o Goberno "regule esa prescrición da caducidade da acción" se o Constitucional considera "que as comunidades autónomas non son competentes para esa regulación".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.