Impiden a un refuxio santiagués a acollida de catro vacas da Mancha que van ser sacrificadas

A Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha autorizou o sacrificio de 50 vacas dunha explotación da localizade manchega. "Mátanas porque estorban", critica o refuxio Santuario Vacaloura.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/07/2019 | Actualizada ás 13:16

Comparte esta noticia

Un xulgado de Ciudad Real autorizou "o sacrificio, comiso e destrución" de 50 vacas "maltratadas" na localidade manchega de Navalpino, unha decisión que impide que catro dos animais fosen adoptados polo refuxio compostelán Santuario Vacaloura.

A Consellería de Agricultura, Medio Ambiente e Desenvolvemento Rural da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha autorizou, explica o Santuario Vacaloura nun comunicado, o sacrificio de 50 vacas dunha explotación de Navalpino porque "non quere gastar diñeiro en darlles para comer e facer o saneamento obrigatorio". "Mátanas porque estorban", resolveu o refuxio.

Todo iso, a pesar de que a asociación animalista Proanimal, Vacaloura e outro seis santuarios solicitaran dar acubillo a algunha das vacas. En concreto, o refuxio santiagués quería acoller a catro animais.

Anteriormente, a Garda Civil xa achara dez cadáveres de vacas en avanzado estado de descomposición e outro dez en estado de caquexia, unha alteración do organismo producida na fase final dalgunhas enfermidades que causa desnutrición, deteriorio e enfraquecemento.

"ESTÁN EN CONTRA DO NOSO TRABALLO"

Inés Trillo, representante do refuxio compostelán, asegurou a Europa Press que Gandaría está "en contra" do seu traballo: "Pon en evidencia o estado no que están moitas granxas e moitos animais. Eles deberían estar a multar á xente e, en moitas ocasións, fan a vista gorda".

"Estamos a piques de conseguir que, en Galicia, nos dean a cualificación de indemnes a tuberculoses. E aínda que estas vacas de Navalpino veñen dunha zona onde si a hai, sabemos que as que viñeran estarían sas porque as enfermas xa se sacrificaron", aclarou.

Por último, Trillo explicou como recibiron a negativa á súa solicitude de recoller ás vacas de Navalpino: "Chegáronnos dous informes: un di que a Gandaría da Coruña non chegou ningunha solicitude de traslado e outro que informa de que se denegou o traslado", concluíu.

Vacas nunha explotación agraria
Vacas nunha explotación agraria

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta