O PP galego insiste a Casado en que sitúe o PP "na moderación e a centralidade"

O secretario xeral do PPdeG nega contradicións entre o partido en Galicia e o estatal, pero mantén a liña argumental de Feijóo con avisos ao presidente do partido.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/08/2019 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, negou contradicións entre o partido en Galicia e no ámbito estatal, tras a remodelación liderada por Pablo Casado na que situou a controvertida Cayetana Álvarez de Toledo —da liña máis dura e conservadora do partido— como portavoz no Congreso. Respecto diso, asegurou que non ve "liña dura por ningún lado" e reiterou que a formación debe seguir "na moderación e a centralidade".

Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra).
Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo nun mitin en Nigrán (Pontevedra).

Tellado trasladou o seu "respecto" pola decisión de Casado, insistindo en que "non cambia ningún posicionamento" no PP e seguen "defendendo o mesmo". Neste sentido, pediu "non confundir a forma co fondo", posto que hai persoas "máis vehementes que outras" para transmitir os valores e ideas do partido.

"A mensaxe do PP en España é a mesma que a do PP de Galicia", sinalou, asegurando que desde aquí traballan para que Pablo Casado "sexa o próximo presidente de España".

Preguntado sobre as declaracións de Cayetana Álvarez de Toledo nas que aludiu a unha repetición electoral, dixo: "Se me preguntan se prefiro un goberno de Sánchez e Podemos apoiado por presuntos delincuentes e filoterroristas ou eleccións, digo eleccións".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterara este xoves as súas declaracións nas que avogaba por unha eventual abstención do PP para a investidura de Sánchez "cun PSOE razoable" para "explorar vías de estabilidade para España", aínda que recoñecía que "cada día se fai máis imposible" con socios como Bildu.

Respecto diso, Tellado considerou que é ao "PSOE ao que non lle interesa chegar a un acordo de Estado co PP", desexando que o rumbo do partido se pareza "algo" nalgún momento ao que foi o liderado por "Alfredo Pérez Rubalcaba".

Tamén se referiu ao pacto alcanzado polo PSOE en Aragón para lograr a presidencia. Tellado ironizou con que "haberá que felicitar" a Pedro Sánchez por pactar "con constitucionalistas" en Aragón, lembrando que o líder do PAR, Arturo Aliaga, participara na coñecida "manifestación de Colón", a cuxos participantes se chamou "fascistas" desde sectores da esquerda.

Doutra banda, considerou que "non son equiparables" os acordos de gobernabilidade alcanzados polo PP con Vox e Ciudadanos cos do PSOE "con Bildu en Navarra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 ESTADO GALAICO

AH.... SI??? lembrade a chegada o poder de Hitler e o seu partido nazi.... tamen Hitler decía que era un home de centro e daquelas as dereitas decían que era ademáis un home sensato! que estaba ahí para parar a ameaza comunista! EU NON CREO NADA DA RATA DE CASADO! o fracasado escolar! debía de estar xa fora, nun presidio o nugalleiro ise... en canto o outro o amigo dos narcos...