Rosas no Willamette

O explorador emocional Gabriel Rei-Doval continúa o seu periplo fluvial por Oregón nesta vixésimo novena entrega de 'Viaxes sen Lee'.

Por Gabriel Rei-Doval | Portland (Oregon, USA) | 09/08/2019 | Actualizada ás 12:15

Comparte esta noticia

Como diría o cantor, non é fácil encontrar rosas no mar, tampouco en Oregón. En Portland, as únicas augas son fluviais, no Willamette e no Columbia; canto ás rosas, abundan na cidade, sobre todo no International Rose Test Garden. Mais a combinación entre rosas e auga é cousa do azar... ou se cadra do querer.

Gozando da empatía musical na Pioneer Courthouse Square de Portland
Gozando da empatía musical na Pioneer Courthouse Square de Portland

Con pedalear extenuante procurei nun setembro húmido a internacionalización floral e acabei no Portland Japanese Garden. Alí, en medio daquela enchenta natural –non o podía crer– xurdiu de novo Makiko, a quen non vía desde a visita a Steamboat Springs, no Parque Nacional Yellowstone.

Desde a humidade termal de Steamboat Geyser ata a frescura rosal de Portland, a morena de Kyoto nunca deixara de mostra-la súa presenza vaporosa. O seu rebuldar fuxidío de ollos amendoados sorprendeume unha vez máis onda as roseiras xaponesas de Portland, tras dunha arcada rosácea na que, en perfecta harmonía cromática, os seus labios combinaban co vermello floral e a saia entallada lle facía xogo co arce do xardín.

Semiausente na súa presenza floral, sacou de sorriso parcial de ollos rasgados como se pretendese comunicar. Lembraba o seu comportamento bipolar de Steamboat Geyser, ora mostrando intensidade por conversar ora desaparecendo fuxidía trala néboa de Yellowstone. Con encanto zen coqueteaba en minutos impares cun ollar semiausente que tornaba o seu sentir en inescrutable e o comportamento en imprevisible. Ante tal panorama, podía ignora-lo seu vaporoso sorriso ou admitir sen expectativa ningunha o seu escintilar de ollos negro acibeche. Optar por esta última opción permitiume certifica-la súa dificultade para supera-la análise intelectual do movemento zen, a contemplación meditativa de Chautauqua ou a éxtase cos arrecendos orientais da Boulder Dushanbe Teahouse que a configuraran como adulta. Para gozar do asoballante encanto enerxético de Makiko cumpría abofé aceptar tanto a súa dificultade para manter empatía coma os erráticos movementos faciais que a engalanaban.

Trala espantada nipona de Yellowstone, nas alturas florais de Portland todo semellaba máis claro: a amendoada comisura daqueles ollos acibeche e as vibracións espasmódicas da súa estilizada queixada oriental suxerían unha personalidade entre o fitar dolorido de égoa indómita e a ausencia distante de amazona bipolar.

Na dobre arcada floral do Portland Japanese Garden
Na dobre arcada floral do Portland Japanese Garden

Logo duns breves intercambios básicos, o seu sorriso semiausente transformouse, sen solución de continuidade, en ademán abstruso de fera mística zorregada. Situouse baixo a arcada floral dobre do xardín e, con movementos decididos, foi afastándose ata sentar en dobre lotto nun banco grisáceo en harmonía térmica coa súa personalidade.

Eu, preferindo a empatía inerte de Dahon á escondida calor intermitente daquel ollar semihumano, retornei á práctica pedaleante. Seica a empatía é agasallo obtuso que, gobernado polos deuses en horas impares, adoita aflorar en estado de repouso. 

O letreiro luminoso do Restaurante Fireside convidoume ó chegar a Nob Hill a sentirme agradecido “to all the women who shaped us” e asemade “let love shine”. Con esa dupla convicción cheguei ó concerto solidario da Pioneer Courthouse Square, onde gocei plenamente da empatía oregoniana en formato musical. Naquel grupo solidario o amor e a alegría triunfaran sobre as feridas da dor e a parálise do medo.

Os sentimentos do día e as sensacións sentidas definiran con claridade os seres humanos de Portland naquel domingo de setembro. Aceptar e compartir –alegría e dor, ira e pracer–son cousa do ser, prerrogativas divinas máis próximas adoito ás magoadas peles morenas ca ás epidermes amarelas do sol nacente. Todas son humanas, todas sufriron a dominación de historias contadas noutra lingua. Unhas sucumbiron e tentan rexurdir das súas cinzas, outras negan desde un materialismo intelectual vaporoso a existencia da ave fénix mentres renegan de segundas oportunidades, atrincheiradas no orgullo, a negación distante e a dureza silenciosa.

Había rosas onda o Willamette, mais non no Xardín Xaponés de Portland. Paradoxos dun Oregón que semellaba convidarme a procura-la exposición ó norte, camiño do veciño Estado de Washington.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA