«Atlántida Film Fest», o festival de cine bo, bonito e barato

Volveu o Atlántida Film Fest, o festival de cine máis xeitoso de Europa. Películas que un mataría por ver nun festival, en sentido figurado, por menos de 1 € por película.

Por Ignacio Lago | Barcelona | 11/04/2012 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

Desta volta non se renuncia a nada, porque non se limita á Sección Oficial hispanofalante, que xa de por si ten unha calidade de películas impecábel, senón que engaden unha Sección Atlas, que trae o mellor do panorama internacional.

None

 

No portal de cine online filmin xa está a lista completa de títulos que forman parte do Atlántida Film Fest. Un certame pioneiro que ofrece, a través de Internet, a estrea de filmes nacionais e internacionais que ata a data non se puideran ver comercialmente en España. Celébrase online dende o 4 de abril ata o 4 de maio.

 

Os máis mozos, protagonistas

 

A xeración de universitarios e post-universitarios de hoxe que loita por conseguir o seu primeiro emprego ou por mellorar o que ten é a protagonista principal dos filmes seleccionados este ano no Atlántida Film Fest. Rupturas e reencontros sentimentais, reivindicacións políticas e laborais, historias apocalípticas ambientadas na Norteamérica de hoxe... un total de 26 visións moi particulares sobre o noso tempo conforman as dúas seccións do festival.

 

Dentro da Sección Atlas poden verse por primeira vez no noso país películas como The Swell Season, continuación da oscarizada Once; Dragonslayer, gran triunfadora do Festival SXSW, definida coma un cruzamento entre o cine de Gus van Sant e Terrence Malick; a última película de Ed-Glass Donnelly, considerado o herdeiro dos irmáns Coen, Small town murder songs, ou o filme animado sobre a revolución de Irán The green wave.

 

Bellflower

 

Tamén forman parte da Sección Atlas unha serie de películas que foron proxectadas con éxito en Festivais como Sevilla, Sitges ou Xixón pero que non tiveron estrea comercial, como o gran filme de ciencia ficción do ano en Estados Unidos, Bellflower; a comedia revelación da tempada Submarine; Alps, a nova película do director de Canino; ou Unmade Beds, enxalzada pola crítica internacional como un cruzamento entre As virxes suicidas e Bande a part.

 

A Sección Oficial conta coa presenza de títulos que triunfaron en festivais como Sundance (Zona Sur), Toulouse (Lucía), Bafici (Antes), Toronto (As marimbas do inferno), A Habana (De amor e outros demos), Valladolid (Terradas), Málaga (Crebinsky), Sevilla (A rocha), San Sebastián (Puzzled Love) e Sitges (Amencidos). Todas elas compiten polo Premio do Público e o Premio do Xurado que, como na pasada edición, facilitará a estrea en salas e a distribución en dvd e bluray aos filmes gañadores.

 

Festival económico

 

O aboamento do Atlántida Film Fest ten un custo de 15 € (7 € para os subscritores a filmin), que inclúe o visionado das 26 películas a través de calquera dos dispositivos nos que está presente filmin: PC, Mac, iPad, iPhone, Android e PlayStation 3.

 

Todas as películas da Sección Oficial estarán dispoñíbeis dende o día 4 de abril, mentres que as da Sección Atlas se irán estreando ao longo do mes.

 

Sen colas para comprar as entradas, sen sesións completas, sen madrugas, sen cabezas que che tapan os subtítulos, sen comida lixo entre proxección e proxección. Un festival de cine para coida-la vista, o corpo e o peto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta