Precisa Galicia dun imposto turístico?

O turismo constitúe xa unha das principais actividades económicas na Galicia, achegando 5M de visitantes (case dous visitantes por residente) que inxectan na nosa economía uns 6.400 M€/ano, o 11% do noso PIB. Cómpre asumirmos esta realidade. Mais por mór das nosas deficiencias á hora de captarmos turismo de fóra da península ibérica (pola falla de marca-país de noso e polas deficiencias do noso sistema aeroportuario) obtemos só unha media de 2,4 pernoctas fronte ás 3,5 á 4 doutros destinos no Estado e na Europa. O repto é o de acadarmos a sostibilidade turística, medrando máis o gasto por visitante.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 18/08/2019

Comparte esta noticia

Porque o problema é que estamos diante dunha saturación parcial. Velaí as medidas restritivas das visitas ás illas Cíes, á praia ribadense das Catedrais ou ao Pórtico da Gloria. O turismo de peregrinación a Compostela é un modelo de éxito canto á dinamización dos Camiños Francés ou de Fisterra-Muxía. Mais presenta un grave problema de saturación en determinadas áreas do casco histórico compostelán, evidente entre a fin de semana anterior á Semana Santa e mediados de novembro.  Tamén en Fisterra. E, fóra da dinámica do turismo de peregrinación, Sanxenxo ten xa problemas de masificación moi importantes.

Bar, bares, xente, persoas, persoa, turismo en Madrid, turistas, turista
Bar, bares, xente, persoas, persoa, turismo en Madrid, turistas, turista

 Constituiría un imposto turístico unha solución a esta saturación parcial?  Imposto, si, pois que  unha taxa non é posíbel- Éstas só poden gravar o uso dos bens de dominio público  ou actividades de Dereito Público como os estudos universitarios ou as fotocopias dun expediente administrativo. Este imposto só podería ser creado polo Parlamento de Galicia, xa que os concellos non poden crear tributos.

O inconveniente é que estaríamos a gravar a pernocta, no canto do uso das infraestruturas ou facilities públicas. Mais é difícil facelo doutro xeito, medir a entrada doutra maneira. Si conviría tamén gravar, agora si con taxas, algúns servizos puntuais como os de uso de WC e duchas nas praias.

A chave é aplicarmos este imposto  de xeito que sexa abondo moderado para non botar fóra ao turismo que interese, que penalice máis aos apartamentos turísticos e que se coordine cunha continuada acción inspectora de detección  e legalización dos aloxamentos turísticos non declarados.

O corolario, como opina o experto Rubén C. Lois,  catedrático da USC e director xeral de Turismo do bipartito (2005-09) é destinar  neutralmente  a recadación a fins exclusivamente de reposición e mellora das infraestruturas ambientais ou viarias afectadas pola enxurrada turística, de xeito que os concellos poidan investir ou chequear o efectivo investimento dos recursos recadados polas pernoctas en cadanseu concello.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.