Ferrol colocará policías de paisano para controlar o consumo de alcol entre menores durante as festas

O Concello de Ferrol pretende que as sancións impostas durante as operacións policiais se poidan substituír pola posibilidade de que os menores participen nun programa de medidas reeducadoras.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 18:42

Comparte esta noticia


O Concello de Ferrol, a través da área de Seguridade e Tráfico, porá en marcha durante as festas de verán da cidade, que se celebrarán entre o 23 e 31 de agosto, un dispositivo especial que estará enfocado á diminución do consumo de bebidas alcohólicas, sobre todo por parte dos menores de idade.

O responsable desta concellaría, Germán Costoya, detallou que o que se busca con esta actuación, que será desenvolvida por axentes da Policía Local, é "evitar o consumo de alcol entre menores de idade e o acceso ao recinto dos concertos con botellas".

O xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao, detallou que este "dispositivo se implantará en dúas modalidades, o filtro, que establecerá controis de acceso, para o que se delimitará todo o perímetro, onde se desenvolverá o evento, e contará cuns 10 efectivos policiais, ademais de recursos materiais, como valos, ou colectores e traballadores da empresa Urbaser".  En canto "á modalidade intro, será realizada por policías sen uniforme distribuídos entre o público", e neste caso contarase con seis axentes".

SANCIÓNS

O Concello de Ferrol pretende que as sancións que se poidan detectar durante as operacións policiais se poidan substituír pola posibilidade de que os menores participen nun programa de medidas reeducadoras, que inclúe tarefas de limpeza nas zonas onde se realiza o botellón ou recibir charlas sobre os danos do consumo de alcol.

Por outra banda, os locais que vendan alcol a menores enfrontaranse a unha sanción mínima de 3.000 euros. Segundo un informe realizado pola Policía Local, durante as pasadas festas patronais de tres parroquias do municipio, San Xoán, Esmelle e Santa Mariña, realizáronse 138 intervencións. Delas, 72 foron por intoxicación etílica, é dicir, case una de cada dúas foron por este motivo. Destas 72, en 47 casos os pais tiveron que ir buscar aos seus fillos, por ser estes menores de idade.

Axentes da Policía Local
Axentes da Policía Local | Fonte: CLM24

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta